Falece Xosé Manuel Pazos, Alcalde de Cangas

Manuel Pazos A Nova Peneira Alcalde de Cangas

A SEÑARDADE NO MEU CORAZÓN

Tino Lago

Tremendamente triste vouche
pedir
que me deala man, compañeiro
i-o meu sangue é do teu…”

Xosé Alexandre Cribeiro

O pasado seis de xaneiro entrevistei a Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas e home bo, culto, delicado, cun extraordinario sentido do humor e dotado dunha sobresaínte capacidade para conversar. E como todas as veces que falamos nos anos anteriores, a entrevista , incluso as preguntas incómodas que lle fixen, converteuse nunha conversa agradable entre dúas persoas que se aprecian mutuamente e constrúen de maneira recíproca momentos de absoluta comodidade que procuramos prolongar ata o infinito. Así era Pazos, un tío karalludo co que era un pracer compartir tempo.19 días despois da nosa derradeira conversa a morte sorprendeuno case de súpeto, e a señardade asolagou o corazón do todos os que o queriamos enchendo de dor a nosa alma, como unha intensa treboada que agroma da nada asolaga de negrura alá onde bate. Desde que souben a nova da súa morte levo dándolle voltas á cabeza tratando de adiviñar como lle gustaría a Xosé Manuel Pazos ser despedido, e creo que non me equivoco cos versos de Alexandre Cribreiro que encabezan este texto. Cribeiro foi un excelente poeta ao que, como a Pazos, a morte visitoulle moi novo. El era de Pontevedra pero moi vinculado co Morrazo, de feito na vila de Cangas, unha rúa leva o seu nome ,e como Pazos dedicou toda a súa vida a combater contra a inxustiza e a loitar polo ben común. Sirvan pois os versos deste poeta tan vencellado co pobo de Cangas para despedirche compañeiro Xose Manuel. E tremendamente triste vou pedir, como ti fixeches ao longo da túa vida, que nos deamos a man para loitar xa que sen a unidade popular para os frear, é inevitable que a besta criminal da oligarquía económica condene á pobreza e á desesperación a millóns de seres humanos.