A Oficina Municipal de Igualdade de Tomiño pon en marcha un servizo de atención psicolóxica especializado en vítimas de violencia de xénero

Concello de Tomiño A Nova Peneira

Unha profesional atenderá todos os luns de tarde, previa cita, que se pode concertar a través dos servizos sociais, no teléfono 986 623211

Tomiño, 17 de agosto de 2021

A Oficina Municipal de Igualdade do Concello de Tomiño vén de por en marcha un Servizo de atención psicolóxica especializado a mulleres vítimas de violencia de xénero ou noutras situacións de vulnerabilidade.

Trátase dunha experiencia piloto –explica Cristina Martínez, concelleira de Igualdade- a través da cal o Concello quere facilitar ás mulleres que o precisen un apoio que sirva de complemento á atención xurídica que xa se presta, e evitar así que teñan que desprazarse a outros municipios, prestando así un servizo integral especializado.

A situación que se está a vivir como consecuencia da pandemia provocada pola Covid-19, vén a empeorar as condicións, xa de por si difíciles de moitas mulleres, e imposibilita ou dificulta seriamente a súa autonomía, “Isto nos casos de violencia de xénero supón moitas veces a tendencia a continuar coa convivencia co agresor, coas graves implicacións que elo supón, tanto no plano xurídico e económico como no psicolóxico”, comenta a concelleira.

Así, dende a Oficina Municipal de Igualdade informan que o servizo de asesoramento xurídico supera xa as 100 consultas no que vai de ano, sobre violencia de xénero e outras situacións de vulnerabilidade, especialmente no ámbito de Dereito de Familia, ademais dos trámites relacionados coas mesmas que son precisos para a correcta atención das mulleres segundo as súas necesidades.

Asemade, rexistráronse 20 novas usuarias nos últimos meses , que se suman ás de anos anteriores e que precisan unha continuidade na súa atención, tendo en conta que, se ben hai casos moi puntuais de consultas que poden resolverse nunha soa visita (e, no seu caso, coas derivacións necesarias) o habitual é a necesidade de dar resposta ás distintas vicisitudes con transcendencia xurídica, nas que a muller se atopa ao longo dunha situación de violencia de xénero ou de separación ou divorcio, que se agrava cando existen fillo/as a cargo ou, como sucede habitualmente, en situacións de precariedade económica e laboral.

Esta realidade implica non só as consultas e resolución das situacións plantexadas polas usuarias, senón tamén o reforzo nas comunicacións e colaboracións con outros departamentos e organismos para a resolución dos casos concretos.

“Neste contexto, dende o Concello, no marco das súas competencias, entendemos que a atención ás vítimas de violencia de xénero ou especialmente vulnerables, debe ser especializado, integral e de proximidade, favorecendo o acceso a recursos que axuden á muller na súa autonomía. A atención psicolóxica especializada vén a dar continuidade e incrementar este carácter multidisciplinar da oficina”, salienta Martínez.

A psicóloga atende os luns en horario de tarde, de 16.00 a 20.00h, previa cita, que as mulleres poden concertar a través da Oficina de Igualdade. Para elo , poden chamar ao teléfono 986 623211, deixando os seus datos de contacto, e posteriormente serán citadas.

A cerca de admin 24 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.