A Nova Peneira Parroquia a Parroquia

A Nova Peneira Parroquia a Parroquia

GOIÁN

Tomiño é unha terra especial, non so polos seus recursos naturais e paisaxísticos, senón tamén polo seu rico patrimonio cultural e inmaterial.

Das quince parroquias que conforman este concello, imos falar de Goián.

Goián é o segundo núcleo urbano da vila tomiñesa. Situado na estrada PO-552, que une Tui con A Guarda. Neste emblemático punto fronteirizo inaugurouse no ano 2004 unha nova ponte internacional que o une con Vilanova de Cerveira. A Ponte da Amizade veu a estreitar máis as relacións entre ambas as vilas e ofrece unha fermosa estampa do río e das súas marxes dende o paseo peonil que incorpora.

No centro da vila atopamos a praza Pintor Antonio Fernández, co conxunto da igrexa Parroquial do século XVIII e casa reitoral, e a arteria principal, a avenida Ordóñez, que aínda conserva moitas das casas indianas que contribuíron á urbanización da vila a comezos do século pasado, e o Centro Goianés, que ten a súa orixe no ano 1914 e foi durante moitos anos o centro social máis activo de toda a comarca.

Se continuamos por esta avenida principal, ao chegar ao cruce que vai para Tabagón, atopamos “A Casa das do Correo”, antiga parada da dilixencia de correos a comezos do século XIX, convertida hoxe nun acolledor restaurante. Chegando ao remate desta estrada principal, alcanzaremos a ermida de San Roque, nunha fermosa contorna de sobreiras centenarias e que albergou no século XVII a fortaleza de Nosa Sra. da Concepción, erixida en terra polos portugueses e da que só conservan algúns vestixios do seu contorno.

A avenida desemboca no río Miño, que lle ofrece ao visitante unha fermosa panorámica da ribeira e da veciña vila portuguesa de Vilanova, así como dunha praia fluvial, que conta ademais cun amplo espazo de recreo, e embarcadoiro. A contorna ten o complemento perfecto na fortaleza de San Lourenzo e o Pazo da Torre, cunha pequena capela no seu exterior.

Desta Fortaleza San Lorenzo podemos contar que foi a Asociación Eliseo Alonso de Goián e os veciños e veciñas da parroquia, os encargados darlle luz e o espazo que se merece. Xa máis tarde, o Concello de Tomiño, avanzou na posta en valor deste Ben de Interese Cutural, e recuperou para uso público parte da contorna.

No verán de 2012 abriuse o “Espazo Fortaleza” ao público. Un espazo diferente, deseñado polo arquitecto Pablo Gallego Picard, e que foi distinguido con importantes premios de arquitectura, urbanismo e paisaxe.

Desde a súa apertura, foron moitos os veciños e veciñas que visitaron o lugar, procedentes do propio municipio, pero tamén da comarca e doutros puntos de Galicia.

É un dos lugares máis concorridos da comarca e non é de estrañar; a praia fluvial na que se pode pasar un bo día de verán; as terrazas dende onde contemplar as augas do río Miño: o antigo forte no alto coas súas impresionantes murallas… Sen dúbida, un lugar para redescubrir.

Esta fermoso lugar conta tamén cun parque infantil, bar e un punto de información, o Punto Fortaleza, onde é posible concertar visitas guiadas, en canoa, bicicleta ou a pé, existindo un sistema de audioguías pioneiro na comarca.

Se somos dos que nos gusta camiñar, podemos percorrer a chamada Senda do Miño. Esta senda conecta Tomiño e O Rosal están xa conectados por esta senda que une esta praia de Goián coa de Eiras, de O Rosal. Con este proxecto, o Concello de Tomiño deu continuidade á apertura do municipio ao río Miño, despois de rematar coa “Recuperación ambiental do en torno da Fortaleza de San Lourenzo e da Praia de Goián”.

Aquí non s podemos gozar da natureza, senón tamén podemos ollar o Sistema de fortalezas Goián-Vilanova de Cerveira:

Este conxunto de fortalezas xorde como consecuencia do avance do exército portugués cara ás terras máis baixas do río Miño. A poboación da Barca en Goián foi atacada en dúas ocasións e alí iniciarán no ano 1644 a construción dun sistema de fortalezas terreñas, que servirán de modelo para outras fortificacións posteriores.

Encontrámonos, pois, cunha zona de grande interese patrimonial, tanto pola entidade dos bens como polo que no seu momento supuxo o fenómeno de fortificación fronteiriza, con edificacións erguidas a ambos os dous lados do río Miño.

Todas teñen a declaración de BIC, Ben de Interese Cultural, o máximo nivel de protección contemplado na Lei do patrimonio cultural de Galicia.

Pero se queremos seguir falando de arquitectura, temos que nomear ao Pazo Casa forte dos Correa de Goián.

Esta casa patrucial situada na beira do río Miño, é un fermoso exemplo da arquitectura dos pazos do barroco galego. A súa historia queda indisolublemente unida á guerra de Restauración Portuguesa e á súa función defensiva dun punto estratéxico da fronteira galaico-portuguesa.

Pertenceu á liñaxe da familia Correa, que, dende o século XIV, estará unida á historia da vila de Goián, e alí exercerán as súas prerrogativas ata principios do século XIX, momento en que será abolido o réxime señorial.

Esta casa-pazo tamén chamada da Torre, pola torre defensiva que albergaba o conxunto, será levantada no século XVII e posteriormente reconstruída no século XVIII, tras sufrir un devastador incendio por mor da invasión portuguesa.

O conxunto está rodeado por un muro de pedra no que aparece inserida a pequena capela de S. Antonio de Padua, emprazada fóra do recinto, e é de titularidade privada.

Tamén quero nomear ao patrimonio inmaterial de Goián e da súa Treboada Os da Fonte do Frade.

As “treboadas”,unhas das manifestacións culturais, musicais e etnográficas características de Galicia.

Trátanse dunha agrupación caracterizada por un instrumento: o bombo de mallada. Antigamente estaban compostas por un gaiteiro acompañado dun tambor e dous destes bombos, pero co descorrer do século XX, o número de bombos incrementouse notablemente; o tambor foi substituído pola caixa e, nalgúns casos, dous gaiteiros forman parte tamén da treboada.

O libro “Treboada Galega”, escrito polo investigador Xerardo F. Santomé, ten moito valor porque rescata as orixes e a evolución das treboadas no Baixo Miño, salientando o papel dos músicos fundamentais, coma o caso do Cesteiro, o Moreira ou o Caixeiro.

Come vedes unha interesante parroquia do Baixo Miño onde mergullarse en calquera momento do ano para gozar da súa gastronomía, da súa contorna natural ou perderse na súa pegada na historia do noso país.