A Plataforma de Seixo-Marín vén de presentar co resto de Plataformas da área sanitaria + de 12.000 sinaturas no rexistro da Xunta contra o aparcamento de pago no Gran Montecelo.

Fotografía; Jose Luis García Portela

No escrito presentado “solicitamos unha reunión co Conselleiro no prazo de 15 días, co obxectivo de que non se faga negocio coa nosa enfermidade”

Marín, 31 de maio de 2025

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e Marín, canda o resto das Plataforma da Área Sanitaria (Salnés, Sanxenxo, Cerdedo e Pontevedra) rexistraron esta mañá no edificio da Xunta en Campolongo 12.034 sinaturas para que non se privatice o aparcamento do Hospital Gran Montecelo, se aumenten as prazas de aparcamento e as liñas de transporte que conecten os concellos da área co hospital.

Dende esta plataforma, das cinco que participaron da campaña, explican que “volvemos denunciar a intención de privatizar este aparcamento, un exemplo máis de como a Xunta agasalla cachiños da nosa sanidade a empresas privadas como pasou co Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, ou directamente fai concertos millonarios con hospitais privados como o Quirón Domínguez en Pontevedra ou Povisa en Vigo. 

Iria Aboi, portavoz da Plataforma Seixo-Marín sinala que “A Xunta quere pagarlle 440.000€ ao ano a unha empresa durante 25 o que suporá un total de 11 millóns de euros públicos e, a maiores, quere soltarlles 3,5 millóns para comezar e así “garantir a viabilidade da concesión”, isto é, garantirlle un bo negocio á empresa que a leve. En total case 15 millóns dos nosos cartos para un servizo que podería ser público. E aínda pretenden que paguemos por usalo e aínda din dende a Xunta que terá “prezos asequibles”. Prezos asequibles para quen? Para quen cobra como Rueda ou o Conselleiro ou para un xubilado ou unha traballadora que non chega a final de mes?

Dende a Plataforma advirten que “Esta é unha privatización máis dun servizo público e toda a veciñanza da área sanitaria estaremos afectada cando teñamos que ir a consultas ou probas, ingresar, acompañar ou visitar familiares etc. A privatización do aparcamento é o primeiro pelotazo no Gran Montecelo para unha empresa amiga pero non descartamos que queiran facer máis con outros servizos”

Dende o colectivo afirman que “con estas máis de 12000 sinaturas queremos mandar unha mensaxe contundente ao Sr Rueda de que non imos permitir que se privatice o aparcamento para facer negocio coa nosa enfermidade nin que fagan co Gran Montecelo o que fixeron co Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Os servizos dun hospital público deben ser públicos.”

No acto, aproveitaron para dar as grazas “a todas as persoas que axudaron a recoller sinaturas e ás veciñas e veciños que asinaron nos comercios e recollidas que fixemos. Sabemos que hai moita xente que quería asinar pero coas sinaturas que temos sería máis que suficiente se tiveramos diante unha Xunta disposta a escoitar e rectificar.” Para rematar lembraron que co rexistro das sinaturas tamén solicitan unha reunión co Conselleiro nun prazo de 15 días “do contrario estudaremos que accións facer no futuro, porque temos moi claro que coa nosa saúde non se xoga”