Xavier Rodríguez
Dende fai tempo os veciños da praia de A Madorra, en Panxón, están reclamando polo estado do areal, que presenta diferentes vertidos atravesándoo. Ao elevar a intensidade da súa protesta conseguiron que o concello reparara unha fuga que se producía a unha certa distancia, onde as augas pluviais se mesturaban coas fecais e desembocaban directamente na praia. É o recoñecemento explícito da vertedura de augas residuais ao mar. Segue correndo auga pola area, aínda que agora o goberno local asegura que non son fecais. Non o sei, pero cheirar, cheira. Dificilmente poden ser pluviais cando non chove. Seica saen cando entra o bombeo dun edificio da zona, pero entón eu me pregunto que bombea. Sen dúbida o problema de A Madorra é complexo e non se arranxa cunha pequena reparación. Posiblemente sexa necesario investir na substitución das conducións, pero tamén no control dos vertidos das edificacións que exercen unha crecente presión sobre a praia.
En calquera caso, a problemática de A Madorra non é un caso illado, incluso podemos dicir que, con toda a gravidade que ten, nin sequera é o de maior dimensión de Nigrán. A degradación do noso medio, sobre todo o litoral, é unha cruel realidade e para mostra temos a Foz do Miñor. Unha das máis fermosas vistas do mundo é un vertedoiro a ceo aberto, usando a terminoloxía dun traballo da Universidade de Vigo, sen que ninguén se atreva con ela tras décadas de contaminación.
O Río Muíños tampouco se libra do maltrato ambiental. Antes de que se prohibira o baño na súa desembocadura e, polo tanto, cando se facían análises no seu leito, os niveis de e-coli eran alarmantes. Por suposto o mar tapa moita desa contaminación e se ben é verdade que o baño na praia nunca estivo desaconsellado, non é menos certo que o río chega a ela contaminado. De cando en vez pódese apreciar auga tinguida de marrón claro nos regueiros que verten nel pola súa marxe dereita, pero non hai ningunha constancia, cando menos pública, de que se teñan realizado análises da auga destes aportes.
En definitiva é un problema global, non puntual, e que responde á pouca importancia que se lle ten dado ao medio natural por parte da veciñanza de Nigrán, en primeiro lugar, e aos seus responsábeis políticos, como reflexo desta, en segundo termo.
Deste desprezo polo entorno é tamén un bo exemplo a moción aprobada pola Corporación Municipal, a instancia do BNG, para recuperar o extremo sur do Areal de Lourido, que pretendía gañar un espazo utilizado como aparcamento enriba da duna para a súa rexeneración. Tras a súa aprobación non houbo ningunha xestión do goberno municipal para materializala.
É unha cuestión de sensibilidade, e se de sensibilidade ambiental falamos, o goberno de Nigrán carece dela. Ao igual que a Xunta de Galicia. Non hai diferencias.
O goberno local utiliza o lema Un Nigrán para todos como marca de boa parte das súas actuacións, pretendendo facer gala da preocupación pola xente e o seu benestar. Non serei eu quen o critique, pero si cuestiono que se poida traballar polas necesidades das persoas disociándoas da preocupación polo medio. Non pode haber benestar nun entorno cada vez máis deteriorado, nin calidade de vida cun ambiente físico degradado. Considerar que o importante é ocuparse da xente ignorando o medio que habitan é, dende o meu punto de vista, un erro a medio prazo. Non vexo máis solución que un cambio nas mentalidades que obriguen a un cambio nas prioridades, empezando polas dos representantes políticos que resulten desas novas formas de pensar.
