Rueda abandona a dependencia

Lara Méndez, Secretaria de Organización do PSdeG-PSOE

Hai esperas que doen. As esperas de quen solicita unha axuda de dependencia non son números nun informe nin estatísticas frías. Son unha filla que pide días libres no traballo para poder coidar. Son unha muller maior que fai contas, unha e outra vez, para ver se pode seguir pagando a alguén que a axude a levantarse da cama cada mañá.

Os datos confirman esa dor. En Galicia, a espera media para resolver unha solicitude de dependencia é de 349 días. Case un ano. O dobre do que marca a lei. Un tempo interminable cando falamos de galegos e galegas que precisan axuda hoxe, non dentro dun ano. Desde 2017, 6.500 persoas morreron na nosa terra sen que a súa situación fose recoñecida. Sen resposta. Agardando.

Esta é a nosa realidade. Unha triste realidade se lembramos que a Lei de Dependencia, aprobada en 2006 grazas ao Goberno socialista de Zapatero, situou España —e Galicia— como un país de dereitos, á altura de Europa. E que dous anos despois, coa presidencia do socialista Touriño na Xunta, Galicia deu un paso máis coa aprobación da Lei de Servizos Sociais. Foron avances históricos.

Conquistas sociais que recoñecían algo esencial: o coidado é un dereito. Pero quedaron baleiras de contido pola falta de compromiso dos gobernos do PP. Primeiro con Feijóo, agora con Rueda. En 17 anos foron incapaces de desenvolver o mandato legal máis básico: crear e executar un plan estratéxico galego de Servizos Sociais. Ese abandono ten consecuencias moi concretas xa que pecha a porta a un marco claro de colaboración cos concellos, que son os quen están a soster unha prestación autonómica tan necesaria como a Axuda no Fogar, o SAF. Fano asumindo un acompañamento esencial que non lles corresponde financiar por lei e que, en moitos casos, os está a levar ao límite económico.

E non falamos dun reto que vaia a menos. Todo o contrario. Galicia envellece, e hoxe xa son máis de 700.000 as persoas que superan os 65 anos. Delas, 26.000 viven nunha situación de dependencia e necesitan coidados e certezas. Precisan saber que non están soas.

As administracións locais están a poñer das súas propias arcas arredor de 350 millóns de euros ao ano para cubrir un gasto que lle correspondería asumir á Xunta. Pensemos nun concello grande: xa é un esforzo enorme, unha tensión constante nos orzamentos municipais. Pero pensemos, sobre todo, nos concellos pequenos, nos do rural, nos máis avellentados. Onde hai máis dependencia e menos recursos. Aí xa non falamos de dificultade. Falamos de algo simplemente inviable.

Os números falan claro. Só tres exemplos: en Vilalba, o 25 % do orzamento municipal destínase ao SAF, e en Valdoviño e en Xermade esa porcentaxe supera o 30%. Iso significa menos recursos para outras políticas básicas. Significa concellos afogados por facer o que Rueda non quere asumir.

Agora, tras unha presión constante na que o socialismo galego estivo desde o primeiro momento, a Xunta propón unha mellora no financiamento do SAF. Trátase da primeira actualización do módulo autonómico desde 2020. É un paso, si, pero claramente insuficiente. Un pequeno alivio fronte a tantos incumprimentos, non a solución. Un parche cando o que se necesita é cumprir a lei e asumir responsabilidades.

Está mesmo enriba da mesa a posibilidade de abrir unha fronte xudicial. A Xunta fala dunha suposta débeda que tería a súa orixe nos gobernos presididos por Mariano Rajoy. Se a Xunta considera que ten dereito a reclamar eses fondos, está no seu dereito de facelo. Pero os concellos tamén o están de esixirlle que financie aquilo que lle corresponde por competencias propias.

Por iso, fronte a esta realidade, o Partido Socialista, cunha clara vocación municipalista, vai poñer toda a súa forza e toda a súa maquinaria política ao lado dos máis vulnerables e dos concellos. Reclamamos ao goberno galego que garanta o financiamento do 100 % do custo real do SAF, para evitar que as administracións local sigan asumindo un gasto que non lles pertence por competencia.

Imos mobilizarnos para reverter esta situación, sen descartar ningunha vía, tampouco a xudicial Porque mentres o PP segue botando balóns fóra, a realidade non desaparece: hai graves problemas de persoal no SAF, tempos de tramitación inasumibles e unha xestión que non está a dar resposta. Feitos claros, contrastables, que amosan un fracaso evidente na maneira de gobernar

E gobernar vai de persoas. Vai de dignidade. Vai de cumprir a lei.

Por iso Rueda debe cumprir cos concellos. Cumprir coas persoas en situación de dependencia e coas súas familias. Cumprir coa súa responsabilidade.

Primer comentario

Deixa a túa opinión