Hai historias que nacen dun encontro casual e acaban converténdose nun proxecto audiovisual capaz de levar un anaco de país ás pantallas. Iso é, en boa medida, o que aconteceu con Furancho, bota viño!, unha curtametraxe rodada nun auténtico furancho das Rías Baixas que mestura humor, tradición e unha mirada moi próxima á cultura popular galega. O proxecto xorde dunha conversa entre a escritora e xornalista Elena Gallego Abad e a actriz Mayka Braña durante unha viaxe entre Marín e Vigo, cando decidiron unir creatividade e experiencia para dar forma a unha historia ambientada nun destes espazos tan propios da nosa identidade gastronómica e social.
A curta, dirixida por Mayka Braña e con guión e produción executiva de Gallego Abad, recrea a reapertura dun furancho familiar onde nada sae exactamente como estaba previsto: unha matriarca accidentada, unha cociñeira desaparecida, clientes que chegan cun televisor para ver fútbol ou mesmo a posible irrupción dun influencer da chamada “furanchoesfera”. Todo iso constrúe unha comedia coral rodada nun furancho real de Marín, cun amplo elenco de actores e actrices da escena galega.
Falamos con Elena Gallego Abad sobre a xénese desta historia, o valor cultural dos furanchos e o desafío de levar á pantalla un universo tan enxebre como universal.
Despois dunha longa traxectoria na literatura, especialmente coa saga Dragal, que a levou a dar o salto ao audiovisual e á produción dunha curtametraxe?
Pois a necesidade de contar as miñas historias doutra maneira. Hai uns anos quedou no aire a posibilidade de levar a saga Dragal ao audiovisual sendo conscientes de que sería unha produción multimillonaria polo que, desta volta, decidín formar parte do gremio de maneira directa. Para iso estiven preparándome con formacións que fixo RTVE e continuo facéndoo coa Universidade de Vigo.
En que intre xurde a posibilidade de Furancho, bota viño! de maneira máis clara?
Pois todo comezou nunha conversa entre Mayka Braña e eu, nunha viaxe camiño de Vigo.
O furancho é un espazo moi particular da cultura popular galega. Que lle interesaba narrativamente deste universo?
O que me interesa é contar cousas que me tocan na miña contorna. O furancho teño a sorte ou a desgraza de telo casa, co cal vivín desde un primeiro plano todo o proceso de apertura e de mantemento. Grazas a iso descubrín a importancia de contalo.
Desde esa perspectiva intentas explicar o que é un furancho polo tanto.
Quería contalo con sentido do humor e sen buscar o chiste fácil. Queríamos crear humor de situación e non estar na procura da frase fácil.
A cuestión é se Isto vai quedar aquí, mais tendo en conta o elevado custo que ten o audiovisual.
E tanto que é caro, carísimo. Estamos a falar de que para unha curtametraxe de vinte minutos, o orzamento chegou ás cinco cifras e todo isto contando con que os actores son amigos que botaron unha man de xeito altruísta e que dispoñíamos do espazo de gravación.
O que se pretende é que ademais dunha curtametraxe, isto sexa tamén o capítulo piloto dunha serie na que estou a traballar.
Nesta curtametraxe participa como produtora e tamén como autora do guión. Como foi o proceso de levar esa historia do papel á pantalla?
Estiven e estou formándome, teño o espazo no que se gravou, e comecei a escribir o guión pensando nos actores. Os papeis foron escritos para os actores que finalmente interpretaron. Por exemplo, o papel de Carlos Blanco.
Canto tempo tivestes que investir na rodaxe da curta?
Pois houbo que rodar en dous días. Só tiñamos ese tempo. Houbo que cadrar as axendas como se puido para facelo así porque á inmensa complicación da axenda dos actores e actrices, sumábase tamén se axenda de 13 amarillo, que o furancho ten os seus horarios…
Cadrar as axendas daba como resultado ter que gravalo nun tempo determinado, ademais, por suposto, da cuestión económica, posto que cada día suma.
A historia mestura tradición (o furancho familiar) con elementos contemporáneos como influencers ou fútbol televisado. Esa mestura reviste a situación actual destes espazos tradicionáis?
O que resulta da curtametraxe é un xogo de espellos contrapostos. A profesionalidade que representa a personaxe que interpreta Mayka fronte a quien fai as cousas, pois como se facían…
En definitiva, unha contraposición de xuventude e experiencia; modernidade e tradición.
Como ben dis, hai ata un influencer, despois resulta que queren ver o fútbol cando a normativa non o permite. Mestúrase o encanto e tradición dos furanchos con elementos modernos, que na realidade é o que explica, en parte, a boa saúde e bo momento do que gozan os furanchos.
Polo tanto, sabendo que este proxecto naceu con vocación de crecer cara a unha serie ou longametraxe. En que punto está agora esa posibilidade?
Pois primeiro de todo, estou no punto de facer as cousas ben. Isto naceu como curtametraxe é agora mesmo continuo formándome para co tempo, e unha vez feita a biblia da serie, venderlla a unha cadena.
Vén do mundo da literatura, onde o control creativo é máis directo. Que foi o máis sorprendente, ou difícil, ao traballar nun equipo audiovisual?
Eu son xornalista, traballei na radio entón en certo modo algo tiña de bagaxe, tamén sabía que ía ser caro e tamén era sabedora, grazas a que me fun formando, das diferencias que hai entre unha cousa é outra.
Nunha novela con dúas frases, podo mudar o mundo do lector, pero no audiovisual esas dúas frases, ese mundo que quero mudar, o espectador ten que miralo, e iso é caro.
Despois desta experiencia, cara onde se dirixe agora Elena Gallego: novos libros, novos guións ou máis proxectos para cine e televisión?
No eido audiovisual continuo formándome co obxectivo de chegar a ser showrunner.
No literario hai un par de cousiñas por aí nas que teña moita ilusión depositada.
Para rematar, a colección Dragal que posibilidades ten de que chegar á pantalla?
Bueno, aí está en estudo e con esperanzas depositadas en que ao mellor poida chegar á bo porto.

Primer comentario