O Rei nu

Alberte Román

Na fábula do rei nu, a adulación dos súbditos obnubílaos ante a realidade. O medo á discrepancia actúa como un freo. Na polémica en relación coa colección pictórica de Ángel Barros, un ten a sensación de estar ante un consenso obnubilado por un relato, contra o que non se ergue voz ningunha, por non se sabe que medos. Aínda que esas voces existen, sottovoce, e non son regato, senón río. Vaia por diante que non se trata dun cuestionamento da persoa, senón da obra. Ter que colocar este aviso, evidencia o incómodo que resulta abordar esta cuestión e tratar de abrir certo debate. Pouca ansia teño de me meter nesta lameira, en verdade. Non tería interese persoal ningún no asunto se non estivésemos falando dun investimento de máis dun millón de euros de diñeiro público. Dicían os vellos que o alleo non doe, e por veces fálase de investir diñeiro público en actuacións dubidosas cunha alegría que tal vez non se tivese se o diñeiro saíse directamente dos nosos petos.

Para sermos sinceros, véxolle escaso valor artístico a esa colección. Considero que a calidade da colección de Ángel Barros é limitada e arbitraria. Haberá quen diga, que este criterio meu é tan subxectivo como o que máis. E dirá ben. Nisto da arte, xa se sabe. Mais non chega con que un diga que a súa obra artística ten un valor determinado, se non ven avaliado cun recoñecemento acreditado, sobre todo cando se está demandando un gran esforzo económico das institucións públicas.

Entón, como ponderar a calidade dunha obra ou colección artística dun autor. Apunto algunhas das máis comúns no mundo museístico. Poderíase ver cantas coleccións públicas ou privadas teñen adquirido a súa obra para os seus fondos, ou que institucións culturais teñen organizado algunha exposición centrada na súa obra. Sería un xeito obxectivo de avaliar a calidade artística da colección.

Os promotores da iniciativa destacan a historia de vida do autor como un elemento que sustenta a iniciativa. Aínda que a vida persoal teña sido intensa, non valida a creación dun museo, porque un espazo así ten que ter un outro obxectivo. Mostrar a obra. Mais alén da biografía persoal, na verdade, non teño lido ou visto nada sobre a súa carreira artística, onde expuxo a súa obra, se a mesma tivo algún recoñecemento. E non me digan que foi restaurador en Francia. Ser restaurador é un oficio ben fermoso e interesante, mais non confire a condición de autor.

Pór en marcha un museo adicado á obra dun artista, non é inaugurar un camiño. Porque os problemas non acaban o día da inauguración, mais ben comezan. Está pensado ese día despois, en termos de persoal, traballos de mantemento e conservación das obras, hai un horizonte de custes? Durante moito tempo deixamos que os xestores públicos vivisen no mundo farturento das inauguracións, como se non houbese un día despois. E vemos como outras infraestruturas culturais, inauguradas no seu momento con tirada de foguetes e grupo de gaitas, están esmorecendo, fechadas, sen persoal e co deterioro dos elementos patrimoniais que alí se trataba de conservar. No asunto que nos ocupa, un paso previo á creación do museo podería ser promover unha exposición retrospectiva da obra de Ángel Barros nunha institución museística como o Museo de Pontevedra, por exemplo. Tal vez sería un xeito de ver se o rei está nu.

Primer comentario

Deixa a túa opinión