Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.

Sempre que hai eleccións en calquera sitio, e a partir dos titulares dos xornais e das noticias que nos invaden, a partir de aí vemos como se moven os fíos que van dar lugar ao resultado final dunha escolla, sentenciada, premeditada e que, ben sabemos debera estar privada das presións ás que someten. Sempre hai aqueles que gañan. E gañan porque veñen axudados do mesmo poder que eles mesmos pretenden, cos medios necesarios, coas oportunas aventuras da difamación e aniquilación previas.
Din que é unha lección para os que perdan, porque non souberon facerse valer debidamente. E así que sempre perdemos os que confiamos, parvos de nós, os que pensamos que nos ían conformar os tan grandes desexos de que as cousas cambien para mellorarnos a vida, para que cambiasen e se abrisen horizontes onde temos depositados o creto.
Claro está, para nada vale a capacidade de pensar e de escoitar todos os comentarios, mesmo os máis atinados que nos dá todo o mundo. A alternativa é facerse cargo desa torpeza intransixente e tamén dunha falta de ideas contundentes para romper co peso nefasto do pasado, para romper coa corrupción endémica e o roubo.
Todos temos algo de culpa no posible desastre, partindo xa de sentirnos incapaces de articular unha alternativa fiable e digna, unha alternativa que faga confluír e non exclúa. Todas están cheas de traizóns e silencios, conveniencias e faltas de determinación, letras pequenas que ocultan tramas. Unha alternativa sensata e progresista, sobre todo humana e que comprenda aquilo que é -para todos nós- o máis necesario. Vémonos diante dun escenario de apocalipse que vén directamente contra o noso carácter formal de identidade, tantas veces profanado e lonxe de calquera equilibrio social, de calquera equidade de sexo ou de raza.
Os que aí veñen, e con tanta forza, destrúen a posibilidade de falar e establecer un diálogo. Veñen á confrontación directa ou indirecta, sempre en escenarios de agresión e aniquilación mentireira. Son ladróns da vontade allea, vencedores por medio do bulo, a dúbida, a negación, a ofensa, a forza e o medo.
Levo tempo indignándome cando leo nos xornais, con perdón, calquera deles, as cousas que se contan e como se contan. Non caio na resignación de que un día as cousas muden de relato, pero o certo é que a día de hoxe as persoas comunicadoras, salvo honrosísimas excepcións, seguen marcando o ritmo que lles ditan e seguen a dicir as mesmas conclusións e directrices que outras persoas dixeron. Con pequenos matices pero sen subverterse a narrar os feitos como son e como suceden.
Non podemos quedarnos na metáfora das anomalías, cómpre, é un dereito e un deber, dar manifestación do desastre que nos come e nos resinte. Non debemos deixarnos quedar na autocompracencia e moito menos na autocensura, tan evidentes en tantos casos, tan falta de sinceridade.
Eses, precisamente eses, son síntomas de medo, de falta de liberdade e de apoucamento, de prevención na expresión limpa para avanzar e poder abrir os horizontes. Sinto ter que dicir isto e que as miñas palabras poidan indignar. Mais debemos apostar a dicir algo que teña peso, que realmente exprese a verdade, claramente, para que poidamos avanzar e que as cousas cambien. Non debemos agacharnos na trincheira e esperar que escampe. Debemos saír deste exilio que di tantas cousas que non se entenden, que proclama feitos e palabras ocas, carentes de significados claros e contundentes.
Penso que xa está ben, que debemos parar de dicir o que lles gusta escoitar. Tamén hai discursos clarificadores, pero veñen de xente limpa e honesta que non se vende a calquera subvención ou perversa animación. Os intelectuais e a xente de calidades humanas sensatas, deben coller a pluma e escribir, deben significarse e apostar por unha clarificación de ideas. E, de paso, deixarnos de oportunismos. Hai que sinalar os sistemas e falar deles, co creto necesario e abondando en caracteres. Nada disto se pode resumir. Hai que evidenciar a tormenta que nos ameaza, xa está diante dos ollos, desde fórmulas vingativas que mercaron o poder, fórmulas que ameaza a liberdade e os dereitos acadados. Cómpre comezar a poñer as cousas no seu sitio.

Primer comentario