A finais do pasado mes de febreiro milleiros de persoas tomaron as rúas para defender a necesidade de que a administración autonómica dote ao ensino público galego de recursos económicos e humanos suficientes, para que os nenos e as nenas poidan recibir unha educación de calidade nos distintos centros públicos do noso país.
A educación é un dereito humano básico que o partido popular pon e perigo ao non dotar á rede de centros públicos dos recursos necesarios. Desde A Nova Peneira tamén defendemos a educación privada, claro que si, pero financiada integramente polas persoas que teñan interese en ser as súas usuarias. O 100% dos cartos que a administración destine á educación deben de ir ao ensino público. Só desa maneira se pode asegurar que os fillos e fillas de familias con poucos recursos teñan as mesmas oportunidades que quen si teña posibilidades para sufragar un colexio ou unha universidade privada.
Nós conversamos con Iria, a presidenta da federación viguesa de nais e de pais, para coñecermos a súa valoración ao respecto das mobilizacións e do estado xeral do ensino en Galicia.
Iria Salvande, presidenta de FOANPAS.
“As recentes mobilizacións amosaron que existe un clamor social en defensa do ensino público”
Que valoración fas das recentes mobilizacións en prol do ensino público ?
A valoración é moi positiva. Foi unha demostración de que existe un clamor social en defensa do ensino público e de que hai moita preocupación polo rumbo que está a tomar o sistema educativo. Levabamos tempo traballando desde as ANPA e as federacións de familias da comarca Morrazo, Vigo, Redondela, Val Miñor e Ponteareas na defensa do ensino público e, sobre todo, dunha inclusión real do alumnado nas aulas.
Cales fon os motivos que as impulsaron?
-Problemas de inclusións de alumnos e alumnas.
-Deficiencias estruturais de moitos centros de ensino.
-Insuficiente achega de persoal e de recursos necesarios para ter un ensino digno.
Hai realmente deficiencias na inclusión do alumnado con necesidades educativas?
Si, hai moitas deficiencias. Desde FOANPAS impulsamos incluso unha iniciativa parlamentaria que está pendente de ser debatida no Parlamento galego. O que denunciamos é que non se está cumprindo coas directrices internacionais da ONU en materia de inclusión educativa.
Actualmente o modelo que promove a Consellería aposta por crear aulas específicas para alumnado con necesidades educativas especiais, separándoos do resto do alumnado. Iso, segundo a ONU, supón unha forma de discriminación.
Por que consideran que ese modelo é inadecuado?
Porque na práctica significa apartar ese alumnado, facer guetos. Créanse grupos separados onde reciben clase só entre eles e non participan na dinámica habitual da escola.
A educación non é só aprender contidos académicos; tamén é socializar, convivir cos iguais e formar parte da comunidade educativa. Se separas a ese alumnado, estás privándoo dunha parte fundamental do proceso educativo e de igualdade.
É un modelo exclusivo de Galicia ou é un modelo que tamén se dá noutros territorios do Estado Español?
Non. É un modelo que existe noutros lugares do resto do Estado pero que xa foi abandonado en moitos sistemas educativos . En comunidades como Cataluña, Euskadi ou Asturias apostouse claramente pola inclusión real nas aulas ordinarias e desbotaron este modelo.
En Galicia, con todo, a Consellería da Xunta segue defendendo este modelo porque resulta máis barato en termos de recursos, con dous PT e un AL teñen o problema resolto, deberían de ter un PT (Pedagogo Terapeuta) por aula.
Ademais da inclusión, que outros problemas detectades no ensino público?
Hai varios. Por unha banda, o abandono das infraestruturas escolares. Hai centros con décadas de antigüidade nos que practicamente non se inviste nada.
Por outra banda, tamén hai unha clara falta de recursos humanos e materiais para garantir unha educación de calidade. Unímonos por este motivo ao profesorado que crearon unha plataforma e unificamos as súas reivindicacións coas nosas. Xuntámonos para saír ás rúas e dar visibilidade ao abandono e o desleixo que hai co ensino público por parte das administracións.
Ese abandono reflíctese no estado dos centros educativos?
Si. Hai centros con problemas estruturais, con filtracións ou instalacións moi antigas.
Pero tamén queremos deixar claro que, malia estas dificultades, o ensino público segue ofrecendo unha educación de gran calidade por enriba do ensino privado e concertado, sobre todo grazas ao esforzo do profesorado e das familias.
Por que non aceptades o acordo que asinou a consellería con algúns sindicatos?
O acordo foi asinado por algúns sindicatos, como CCOO, UXT e ANPE (Sindicato do Profesorado).
Desde FOANPAS respectamos as negociacións laborais do profesorado, pero o que non pode ser é que melloras laborais se fagan á custa de reducir recursos educativos ou da atención ao alumnado, estas melloras para o profesorado teñen que vir dotadas con persoal para cubrilas.
Volvamos ás mobilizacións; onde se desenvolveron?
Houbo mobilizacións en varias localidades: Vigo, Redondela, Cangas, O Porriño e Ponteareas. Nalgúns casos incluso se organizaron marchas entre concellos, como a que uniu Mos e O Porriño.
Que participación tiveron?
Foron mobilizacións multitudinarias. En Vigo, segundo a Policía Local, participaron máis de 8.000 persoas, aínda que desde a organización calculamos que foron máis de 10.000.
Noutros lugares tamén houbo unha participación moi significativa, con arredor de 2.000 persoas de media.
Contastes co apoio dos partidos políticos?
Nas mobilizacións participaron representantes políticos a nivel persoal e houbo presenza de cargos do BNG, da CIG e de STEG, son os que estaban e sacaron comunicados ao respecto.
Desde o Concello de Vigo non tivemos apoio, nin nos prestaron o auditorio para facer a rolda de prensa.
Que pode pasar nos próximos anos se non cambia a situación?
Hai programas europeos que están financiando parte do persoal de apoio educativo como son o PROA e o PROA PLUS. O problema é que eses programas son temporais e a ver que pasa cando rematen.
Se desaparecen e non se consolidan esas prazas de PT e AL, podemos atoparnos cun sistema educativo con menos recursos dos que tiñamos inicialmente. Estes recursos de Europa viñan como reforzos e o que fixo a consellería foi eliminar prazas e cubrilas con estas. Así que non hai tal reforzo
Hai previstas novas mobilizacións?
Si. As mobilizacións continuarán se non hai cambios. Xa se celebraron protestas en diferentes cidades e houbo tamén unha gran manifestación en Santiago de Compostela o día 28 de febreiro, convocada pola Plataforma en Defensa do Ensino Público que está composta por sindicatos, partidos políticos e ANPAS galegas.
Agora estamos mantendo reunións coas ANPA de toda Galicia para decidir os próximos pasos.

Primer comentario