Hai que ter valor e descaro. Ir ao Parlamento de Galicia e dicir que Fraga Iribarne tivo unha etapa “aperturista”, como fixo a deputada do PP Paula Prado (Vendex), non é unha reflexión histórica, é o intento consciente de lavar a cara de quen morreu coas mans manchadas co sangue.
Fraga non foi un espectador do franquismo. Foi un dos seus ministros.
Ministro de Información e Turismo. É dicir, o encargado da censura. O responsable político dun aparato que controlaba prensa, radio, libros e cinema. Nun país onde escribir algo incómodo podía significar secuestro editorial, multas ou cárcere.
Ese é o primeiro dato.
Segundo dato: en 1963 o réxime fusilou a Julián Grimau, militante comunista xulgado nun consello de guerra. A ditadura recibiu presión internacional enorme para evitar a execución. Quen saíu a defender a imaxe do réxime no exterior? O ministro Fraga. O mesmo que agora nos presentan como “aperturista”.
Terceiro dato. Ano 1976. Fraga é ministro de Gobernación. Policía e orde pública baixo o seu mando. Durante unha folga en Vitoria-Gasteiz, a policía entra nunha igrexa onde estaban reunidos traballadores e dispara. Cinco mortos. Centos de feridos. Aquela represión coñécese como a matanza de Vitoria.
Ese é o “aperturismo”.
E por se alguén esqueceu o clima político daquela época, a frase que quedou para a historia foi: “La calle es mía.” Non é unha metáfora. É unha forma de entender o poder.
Agora traslademos isto a Galiza. Durante anos construíuse un relato oficial arredor de Fraga como o estadista, o presidente que modernizou o país, o patriarca da dereita galega. E mentres ese relato se consolidaba, o outro quedaba agochado: o ministro da ditadura, o home do aparello represivo, e xa non falemos do narcotráfico porque non hai espazo para tanto.
Agora dan un paso máis, a señorita Paula Prado (Vendex) di que aquilo foi aperturismo.
Unha operación política na que se logras converter un ministro franquista nun reformista incomprendido, xa tes medio camiño feito para relativizar todo o demais. A censura convértese en contexto histórico. A represión en exceso puntual. A ditadura nun sistema con matices.
Así funciona o branqueamento. Galiza debería ter memoria dabondo para non entrar nese xogo. Este país tivo alcaldes fusilados, sindicalistas perseguidos, mestres expulsados das escolas e militantes obrigados ao exilio.
O franquismo non foi unha teoría. Foi medo, cárcere e morte.
O problema é que, en pleno 2026, a dereita que goberna Galicia segue sen ser capaz de chamar ditadura á ditadura. E cando unha democracia non é capaz de dicir a verdade sobre o pasado, o futuro convértese nun lugar bastante perigoso.
Xa o dixo aquel vello republicano no exilio: “Fascistas coñecín moitos, pero fascistas como tal coñecín dous: Calvo Sotelo e Fraga Iribarne”.

Primer comentario