
Helena Pousa
Tralos resultados positivos das probas de ADN dos dous varóns localizados na primera fase da escavación da Foxa de Soutelo, realizada en xullo de 2025, entregáronse os restos ás súas familias nun acto realizado no mesmo adro da igrexa da parroquia de Soutelo, en Salceda de Caselas.
Este 20 de marzo celebrouse un acto de entrega dos restos de Manuel Fernández Diz e Antonio Domínguez González ás súas familias. Estas dúas vítimas mortais, foron asasinadas nun monte próximo á igrexa da parroquia de Soutelo, en Salceda de Caselas, e alí no adro foron soterrados en setembro de 1936. Despois de 90 anos de silencio, por fin van poder recibir un enterramento digno cos seus nomes e apelidos. Grazas á memoria de varios veciños como Jesús González Estévez, coñecíase o lugar onde os enterraran, e grazas á posibilidade de facer as probas de ADN, puideron ser identificados. No acto de entrega participou o goberno do concello de Salceda, o antropólogo forense, Fernando Serrulla, o subdelegado do goberno en Pontevedra, Abel Losada, a presidenta da comisión pola RMH do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, Helena Pousa e a familia de Manuel Fernández Diz e de Antonio Domínguez
A identificación dos restos mortais non sempre é doada por motivos moi diferentes, mais neste caso a investigación histórica, a memoria oral e a investigación científica foron da man. Grazas a un intenso traballo, de todas as exhumacións realizadas coa axuda da FEMP en España en 2025, que tan só se conseguiron identificar 4 varóns en total, é un fito que dous deles sexan os da Foxa de Soutelo. Tamén é unha exhumación que implicou unha grande novidade en España pois é a primeira vez que actúa o novo Fiscal da Memoria, o que permitiu a realización das probas de ADN de maneira rápida e sen custos para as familias.
No acto falou a alcaldesa de Salceda, tamén natural da parroquia de Soutelo, e comentou que o concello ten a obriga moral de participar neste tipo de actividades memorialísticas, ten que prestar toda a axuda posible, porque un concello non só se ten que dedicar a limpar as ‘cunetas’ para os días da festa do patrón, senón tamén limpalas do sangue derramado inxustamente. Igualmente o subdelegado do goberno en Pontevedra, Abel Losada, remarcou a importancia do traballo das comisións memorialísticas porque elas son o motor de todas as investigacións que logo deben apoiar as institucións, especialmente a nivel económico.
A entrega dos restos é o derradeiro acto nos traballos dunha exhumación, o que lle dá sentido a toda a busca. Sen familias non se consegue a restitución. Neste acto estiveron presentes as familias dos dous varóns encontrados e identificados. O sobriño de Antonio Domínguez González agradeceu a devolución deste tío seu porque non sabían onde estaba soterrado. Tamén desde Buenos Aires veu Marta Fernández, máis coñecida como Gachi, sobriña-neta do outro varón encontrado, Manuel Fernández Diz. A identificación deste último foi posible grazas a que un forense de Buenos Aires recolleu as mostras de ADN a dous irmáns de Marta. Tiveron que ir facelas a onde estivo a terrible Escola de Mecánica de la Armada (ESMA), un dos maiores centros clandestinos de tortura durante a ditadura militar arxentina. Segundo eles entrar alí aínda lles dá moitos arrepíos e nunca pensaron que algún día terían que ir a ese lugar maldito para axudar a identificar a seu tío avó Manuel, vítima mortal da ditadura española.
Marta Fernández tamén nos contou que ela sempre buscou datos sobre a súa familia galega e xa hai uns anos estivera en Tui para saber algo máis de seu avó Joaquín e do resto da familia, e segundo a pouca información que ela tiña, Joaquín tivera que estar agochado dabaixo dun monte de esterco (ela descoñecía o motivo) e que fuxira como polisón nun barco para a Arxentina, e alí chegou en setembro, uns días antes de mataren a seu irmán Manuel. Para Marta, a conexión con este tío avó asasinado e desaparecido axudoulle a completar a fotografía da súa familia rota. Esta familia esgazada, ao igual ca moitas outras, non marchou realmente emigrada por razóns económicas. Tras esa suposta emigración ocultábase a terrible realidade dun exilio encuberto.

Gachi Fernández trouxo as fotos dos pais e irmáns de Manuel para que tamén estivesen presentes na entrega dos seus restos.
A presidenta da Comisión que iniciou a solicitude desta exhumación explicoulles ao asistentes que á diferenza doutras vítimas da guerra civil, estes dous homes non son nada coñecidos. A súa biografía pódese resumir en dúas liñas. Nin sequera hai unha fotografía deles. Tamén sinalou que unha vez entregados os restos ás súas familias para que lles poidan dar o derradeiro abrazo, si se poderá berrar de verdade e xustamente: Antonio, Manuel, REQUIESCANT IN PACE. Descansade en paz coa vosa xente.
É seguro que estes dous mozos non acadarán a categoría de mártires da patria, non terán un lugar destacado na memoria colectiva, porque non teñen a ninguén que escriba o seu martiroloxio e os suba aos altares. Mais non por iso deixan de ser menos importantes ca outras persoas asasinadas na época, sobre as que xa hai unha chea de escritos apoloxéticos. Estes dous mozos é probable que fosen militantes activos dalgún sindicato, ou seguramente participaron na defensa de Tui nos combates mantidos polo Comité de Defensa da República na Volta da Moura, o lugar de maior enfrontamento coas forzas golpistas, antes de tomaren todo o Baixo Miño o 26 de xullo. Non se sabe, só son suposicións. Ambos os dous están incluídos na extensa listaxe de vítimas mortais desta zona. Hoxe xa podemos asegurar que houbo máis de 680 vítimas mortais no Baixo Miño, O Condado e A Louriña, un número ben elevado que dá conta da terrible represión exercida de maneira impune polos golpistas aos que nunca se lles pediron contas. Menos mal que agora imos avanzando co Procedemento de Recoñecemento de feitos pasados e podemos solicitar á fiscalía de Memoria Democrática a identificación das vítimas que se exiliaron por causa da guerra, a anulación dos falsos xuízos sufridos e outros danos ou outras circunstancias que constitúan violacións dos dereitos humanso durante o príodo que abrangue desde o golpe de Estado, o 18 de xullo, a posterior Guerra e Ditadura ata 1978..
O CONCELLO DE SALCEDA VAI BOTAR A ANDAR UNHA SEGUNDA FASE DE EXHUMACIÓN NO ADRO DA IGREXA DE SOUTELO PARA TRATAR DE LOCALIZAR A 5 HOMES MÁIS SOTERRADOS NUNHA FOXA COMÚN.

Socios da Comisión co párroco, o arqueólogo, a alcaldesa e concelleiro de Cultura de Salceda reunidos no adro da igrexa para axendar a II Fase de exhumación da Foxa de Soutelo (Salceda de Caselas), // H.P.
Na primeira semana de febreiro socios da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña foron examinar o adro da igrexa xunto coa alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e o concelleiro de Cultura, Alejandro Rodríguez, para tratar de organizar os novos traballos que se van levar adiante nunha segunda fase para finalizar a exhumación da Foxa de Soutelo.
Esta foxa colectiva é unha máis entre as 12 localizadas no sur da provincia de Pontevedra. Entre todas elas suman unhas 181 vítimas. A abundancia de foxas nesta zona de Galicia non resulta estraño dada a saña con que os golpistas do 36 reprimiron a poboación que se mantivo fiel á II República e á existencia de dous campos de concentración.
Nesta II Fase de Exhumación da Foxa de Soutelo, en Salceda de Caselas, buscaranse os restos de 5 homes paseados e soterrados no adro da igrexa, que non foron localizados na I Fase na que xa apareceron os dous de Tui. Aínda faltan por localizar 5 homes máis. Catro deles veciños do Porriño (Severo Boente, José Cordal, Ramón Pérez e Leoncio Muíños), e un quinto, natural de Lavadores, que vivía no Torroso en Mos (Modesto Barreiro Cubillos). Os traballos de escavación seguramente comezarán no próximo mes de abril.
Esta nova fase do proxecto recibe unha axuda económica da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), subvención que solicitou o goberno do Concello de Salceda de Caselas dentro do “VI Plan de Recuperación de memoria Democrática 2025-2026”. A FEMP concedeu desta vez a contía de 12.500 euros de axuda para poder finalizar a Exhumación que se iniciou en xuño do ano pasado nun dos laterais do adro da igrexa. Para a nova escavación terase en conta os testemuños orais doutros veciños como Ramón Rodriguez, e a documentación recollida polo historiador X.Ramón Paz Antón e o xornalista Julio Sigüenza.
Para a Comisión pola RMH do Baixo Miño, O Condado e A Louriña este proxecto supón un avance nos traballos de exhumación das foxas do sur de Pontevedra que están mellor localizadas e máis investigadas.

Primer comentario