
Traballador do Sergas
O Ministerio de Defensa anunciou recentemente un proxecto de “mellora e modernización” das zonas de atraque da Escola Naval Militar de Marín para poder recibir, no prazo de tres anos, ás fragatas da OTAN.
Con isto pretenden adecuar as instalacións militares de Marín aos requisitos e estándares estabelecidos pola OTAN, mediante a remodelación de peiraos, reconstrución de dársenas e dragados. Todo isto, segundo o Ministerio de Defensa, sen necesidade de estudos de impacto ambiental. O custe inicial está fixado en 2,5 millóns de euros e estas melloras das instalacións militares permitirán o uso por calquera dos estados integrantes da OTAN.
Este anuncio, mentres os países da Unión Europa ao servizo do Imperio están involucrados nunha guerra contra Rusia na Ucraína e mentres colaboran coa agresión de USA e Israel contra o Irán, non é precisamente unha actuación encamiñada a conseguir a paz no mundo, nin a a dicirlle Non á Guerra. Pola contra colócanos nunha situación perigosa e convértenos nun futuro obxectivo militar.
Significa continuar poñendo ao servizo dos exércitos da OTAN instalacións militares. E non só a Escola Naval de Marín, tamén o radar do Monte Iroite, os aeroportos, o porto de Ferrol, etc. A isto tampouco é alleo o interese en incrementar a explotación mineira dos nosos recursos naturais.
Tal e como está Marín ben nós virían eses 2,5 millóns para facer investimentos máis produtivos, tamén virían ben para mellorar a sanidade e a educación pública, para garantir uns servizos sociais de calidade. Para moitas cousas que non foran facilitar as guerras imperiais.
Militarización do litoral
Outro anuncio relacionado co anterior, e que pasou máis desapercibido nos medios de comunicación, é o despregue por parte da Armada de 100 militares para vixiar as nosas costas.
Queren controlar o tráfico marítimo e para iso van mobilizar persoal, medios loxísticos e artillaría. Que necesidade hai de colocar canóns nas nosas costas? Será para bombardear as narco-lanchas como fai o goberno dos EEUU? Non será máis ben que se están preparando, e nós están preparando, para un conflito militar de maior envergadura?
Non a OTAN, bases fóra.
O goberno “progre” sigue facendo os deberes que lle pon os EEUU. Como boa república bananeira España cumpre o incremento do gasto militar, así o recoñeceu a OTAN, e afonda na militarización da sociedade. Iso si, para disimilar executan un exercicio de prestidixitación co Non á Guerra.
Se realmente están en contra da guerra e pola paz no mundo deberían expulsar aos EEUU das bases militares e abandonar a OTAN.
Marín, 27 de Marzo de 2026.

Primer comentario