Xurxo Constela Doce
Arqueólogo e museólogo do Mudar
Escribo estas liñas en contestación ao artigo de Alberte Román d’_A_ _Peneira_ do 25 de marzo onde expresa a súa crítica de cara á construción dun museo en Redondela dedicado ao pintor e restaurador redondelán Ángel Barros.
O autor do artigo pon en dúbida a calidade artística do pintor e critica o “esforzo económico” da Administración, insinuando con palabras grosas que o proxecto está movido polo “farturento mundo das inauguracións”… Non é así, e queremos con esta contestación explicarnos, porque o problema de fondo que produce esta crítica é a falla de comunicación pola nosa parte en explicar que se vai facer nese museo (ou centro de interpretación, ou aula didáctica ou como finalmente se denomine).
Escribo isto con présa e certa emerxencia, para que esa mensaxe lanzada por Alberte Román non teña calado entre os profesionais da crítica como son os coñecidos como “haters” das redes sociais. Porque non pode prender este lume a estas alturas do proceso de creación do MUSEO que tantos esforzos, vicisitudes e atrancos pasou ata chegar ata este punto no que estamos. Pendente de aprobación polo Pleno Municipal de Redondela. Esta mensaxe vai tamén para as persoas que forman parte daqueles partidos políticos que votaron na súa contra na anterior reunión do Pleno, imaxinamos que, de novo como no caso de Román, polo descoñecemento concreto do proxecto (insisto e entoo o “mea culpa” na nosa falla de comuniación en dar a coñecer a proposta).
Penso que escribo dende o coñecemento do proxecto, xa que son coautor del e tiven unha participación moi activa na promoción previa da necesidade dun proxecto museístico deste calado en Redondela.
Dende os anos 90 a Asociación Alén Nós, principalmente, e outros colectivos da vila promovemos a creación deste centro. Un lugar onde acollese e centralizase a xestión tanto museográfica como administrativa no eido da museoloxía redondelá. Para facerme entender, un museo, xa non é o lugar de almacenaxe e exposición de pezas, como se entendía no pasado (que tamén o é), a filosofía dun centro destas características vai máis alá da propia exposición, como ben sabe Román, converténdose nun lugar de didáctica e aprendizaxe principalmente (ademais do de xestión, que será un punto a desenvolver polo Concello no futuro).
O proxecto céntrase na súa actualidade na exposición das pinturas de Ángel Barros, pero trátase dun proxecto municipal de historia e etnografía de Redondela. Así o planeamos (e así o quere, entre outros, o propio Ángel Barros) e seguiremos loitando e traballando para que isto fragüe e se consolide.
Para a redacción dun proxecto de musealización existen unha serie de ponderables que se tiveron en conta á hora da exposición. Un deles, por non dicir o maior condicionante, é a valoración da obra (do obxecto que se vai musealizar), neste caso a colección de pinturas doada por Ángel Barros. Nesta valoración, tentando a obxectividade máxima, non se fixo só unha categorización artística (que tamén), valoráronse as súas características en función dos obxectivos do centro, como antes apuntamos: a aprendizaxe e a didáctica en xeral.
E a obra de Ángel Barros é óptima neste sentido para crer un lugar de ensino da pintura e da historia da arte, e por suposto do mundo que arrodea a restauración (lembremos que existe unha escola de restauración en en Pontevedra, e que se está solicitando a súa reconversión en estudos superiores) e de exemplo de vida (como “leitmotif” de toda a exposición). A vida e obra de Ángel Barros é exemplo de esforzo, de traballo, de memoria histórica, autodidacta, de superación e coñecemento, de autorrealización persoal e, como non, de soños… (porque tamén haberá cabida para a subxectividade na exposición) e, incriblemente, agochada en Redondela!
E todo isto é o que representa a súa obra, de xeito impresionante, para recrear un museo co obxectivo principal da didáctica. É unha oportunidade tan grande a que se nos ofrece que calquera persoa que se dedique á didáctica e a difusión do patrimonio cultural pode percibila dende o primeiro momento.Sobre a calidade da obra, calquera que coma min, dese algunha vez na vida unhas pinceladas saberá do esforzo e profundo coñecemento que radica detrás da obra de Ángel Barros. Á marxe da obra propia, cun incontestable obxectivo social (contido xenial que resulta necesario nos tempos que corren), a elección da copia ten toda ela detrás un porqué, un sentido histórico (e artístico!) moi fondo que se pretenderá incluír na exposición.
Esta aula (ou, como escribo, se queira denominar) foi deseñada “exprofeso” para que os colexios e institutos redondeláns e da comarca (mediante convenios asinados co Concello), poidan utilizar as súas instalacións para calquera destas aprendizaxes (insistimos no da restauración, unha profesión de futuro, onde os/as vocacionados/as da vila poidan verse reflectidos; quen sabe cantos/as Ángeles Barros poderá haber no futuro, coa incrible carreira profesional desenvolvida por este redondelán). Sen renunciar, no desenvolvemento da museografía, a todas as ferramentas que nos ofrecen as novas tecnoloxías da comunicación e da información a día de hoxe. Desculpe o lector que non me estenda máis nestes detalles, xa que queremos deixar lugar para a sorpresa na inauguración do centro. Non é preciso buscar currículo, porque o de Ángel non é só un museo de pintura senón de exemplo de vida. Unha oportunidade para que un dos nosos veciños reciba o recoñecemento que merece. Por favor.

Primer comentario