Rodil critica o “pírrico” orzamento destinado polo Goberno de Rueda este ano a facilitar o descanso de persoas con dependentes ao seu cargo
Santiago de Compostela, 16 de agosto, 2026.
A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, denuncia que a “tesoirada” que o PP na Xunta vén de aplicar no Programa de Respiro Familia deixará fóra da convocatoria dese ano a centos de coidadoras e coidadores con persoas dependentes e con grandes discapacidades ao seu cargo.
Segundo critica Rodil, o recorte de 400.000 euros deixa cun “pírrico” orzamento que apenas supera os 735.000 euros o programa, destinado a facilitar o dereito ao descanso, especialmente nos meses de verán, das familias e das persoas que atenden no seu domicilio a dependentes. Trátase, explica, de axudas de até un máximo de mil euros para que as familias poidan contratar un servizo de atención domiciliaria ou unha praza en centro de día, ou de até 1.500 euros no caso de optar por unha residencia.
A deputada do BNG destaca que, segundo os propios datos da Xunta, as persoas coidadoras son na súa inmensa maioría mulleres que atenden durante as vinte e catro horas do día, e durante os sete días da semana, a persoas con máis dun 75 % de discapacidade recoñecida, persoas con graos II ou III de dependencia ou que precisan de terceiros para desenvolver as súas tarefas da vida diaria.
“Hai que coidar a quen coida”, salienta Rodil, que lamenta que “a cifra de familias que precisan desta axuda para poder conciliar e que van quedar fóra da convocatoria vai ser aínda máis alta que outros anos, nos que xa había moitas excluídas porque non chegaba o orzamento”. De feito, engade, segundo datos do Observatorio Demográfico de Galiza, a falta de orzamento deixou xa fóra en anteriores convocatorias a entre un 80 e un 90 % das persoas e familias que precisarían a axuda.
Ademais do recorte no orzamento, Rodil denuncia que a Consellería de Política Social convocou o programa con meses de retraso, en pleno mes de agosto, cando a publicación fíxose outros anos en abril ou maio. A demora, explica, vai implicar que as persoas beneficiarias van ter só dous meses para presentar as solicitudes.
“É un absoluto despropósito”, considera a deputada nacionalista, que avanza que o BNG xa rexistrou no Parlamento unha iniciativa, que será debatida no primeiro Pleno do novo curso político, para reclamar ao Goberno de Rueda a elaboración dun plan que garanta realmente o dereito ao respiro para as persoas coidadoras, a maioría mulleres.
A alternativa do BNG pasa, en concreto, por un plan que inclúa aumentar o número de prazas dispoñibles en centros residenciais, con mil novas cada ano até finalizar a lexislatura. A deputada nacionalista lembra que entidades sociais como ASPANEMI da comarca de Ferrolterra xa denunciaron a imposibilidade de atopar prazas en residencias e centros de día dirixidas a persoas con discapacidade en Galiza para poder contratar estes respiros, “véndose obrigadas a acudir a centros de fóra do País con custes dificilmente asumibles para as familias traballadoras galegas”.
O Bloque reclamará no Parlamento un aumento dos fondos do Programa de Respiro Familiar, así como que se garanta o respiro para o 100 % das solicitudes que traian causa en situacións de emerxencia a partir dunha entrevista individualizada que permita ofrecer unha solución a medida combinando todos os recursos dispoñíbeis.


