Reta a Feixóo a presentar o recurso xudicial para que o estado pague a débeda que sitúa en 3.000 M€, 200 M€ en dependencia 2.000 en obras non executadas para mellorar o ferrocarril e o financiamento do porto exterior da Coruña
Santiago, 29 de agosto, 2019
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón cualificou de “dantesco” que o PP e PSOE por “pura estratexia partidista”, poñan en risco recursos que financian servizos fundamentais para a cidadanía.
Para Pontón esta “estratexia falida” responde á intención do Partido socialista para forzar o apoio da dereita á investidura. Agora, dixo, non deixa de sorprendernos que un partido que fixo campaña contra o “trifachito”, busque unha pata de apoio desa dereita.
PONTÓN RETA A FEIXÓO A EMPRENDER A VÍA XUDICIAL
A portavoz do BNG afirmou que a Xunta carece dunha estratexia propia e Feixóo “un día di unha cousa e outro di a contraria, amaga con levar ao estado aos tribunais pero á hora da verdade, prégase a estratexia marcada pola dirección do PP dende Genova.” A nacionalista retou a Feixóo a presentar o “recurso xudicial contra o estado para que Galiza cobre a débeda” e pediu a Feixóo que defenda o pago de 200 M€ para dependencia, 2.000 M€ en obras non executadas para melloras do ferrocarril e o financiamento do porto exterior da Coruña, en total, dixo, o estado debe a Galiza 3.000 M€.
Ademais, recalcou que Galiza precisa “dun presidente que actúe pensando primeiro nos intereses de todos os galegos e galegos e menos nas directrices que lle marca o PP dende Madrid”.
Por outra parte, asegurou que o PP debe comezar a recoñecer o gran erro do actual modelo de financiamento, un modelo de financiamento no que a chave dos cartos do noso país está en Madrid. BNG defendemos outro modelo no que os galegos e galegas “teñamos a chave dos nosos cartos”.
Pontón realizou estas declaracións na súa visita ao concello de O Rosal onde mantivo un encontro coa alcaldesa, Ánxela Fernández. Tras felicitar a rexedora do Rosal que goberna en maioría, a portavoz do BNG mostrouse convencida de que a nova alcaldesa nacionalista responderá con “traballo e rigor” ás necesidades dos veciños e veciñas cun programa transformador como o que se está aplicando nos concellos gobernados polo BNG, entre os que nomeou como referente o concello de Tomiño.
En corenta anos, explicou Pontón , a veciñanza fixo unha aposta polo nacionalismo para colocar “O Rosal no mapa”. Pontón destacou a “marca do BNG” que cando chega ás institucións implanta medidas para dinamizar a económica, defender a cultura e o patrimonio e sobre todo, “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”.
PROXECTO TRANSFORMADOR DO BNG NO ROSAL
Pola súa parte, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández atribuíu a vitoria do BNG a un “traballo e ilusión colectiva”. Temos un equipo preparado e xa tomamos as primeiras medidas que propuxemos durante a campaña. Neste sentido, apuntou que o traballo municipal estará centrado na transparencia da comunicación, unha axenda cultural que chegue aos barrios e sobre todo destinada á xente maior. Asemade, engadiu que establecerán consellos municipais para potenciar o traballo asociativo e veciñal, medidas para recuperar os espazos para as persoas, fomentar o comercio e a praza de abastos así como revisar os actuais orzamentos. Finalmente lembrou que grazas á comunicación e colaboración coa vila portuguesa de Caminha iniciaranse experiencias nos ámbitos da cultura e patrimonio.