O presidente da comunidade de montes de Oia, Xose Antón Rodríguez “Xuster” é o portavoz do BNG no concello de Oia, e é un home enérxico e sólido que defende con paixón a súa forma de entender a realidade. Após termos conversado coa alcaldesa o pasado mes, desta volta quixemos coñecer a súa opinión sobre a situación política do seu concello
“ A ALCALDESA DE OIA TEN UNHA CARA DIFERENTE SEGUNDO ESTEA NA RÚA OU NUN PLENO, NO CONCELLO APLICA O “RODILLO” E FÁLTALLE AO RESPECTO Á OPOSICIÓN”
Cóntanos, como comezou este mandato a xuízo do BNG?
Como esperabamos, aplicando o” rodillo “ por parte do grupo de goberno, o que amosa a verdadeira cara do PP de Oia e de Cristina Correa tamén. A alcaldesa ten unha cara moi diferente segundo estea na rúa ou nos plenos. E eles teñen maioría absoluta, pero o mínimo que se lle debe esixir é que respecte á oposición
En que se concreta esa suposta falta de respecto do grupo de goberno?
Por moita maioría absoluta que teñas, tes que respectar as quendas de palabra da oposición, e non dicirlles aos demais como debemos facer o noso traballo
O BNG queixouse dos horarios dos plenos, non?
Outro exemplo evidente da pouca calidade democrática deste concello. Un pleno ás 8 da mañá dun día laborable só se pode entender se se ten a intención de dificultar o acceso á veciñanza ás sesións plenarias
Son bimensuais?
Nun principio o PP quería celebralos cada tres meses, pero ante a protesta do Bloque finalmente aceptou convocalos cada dous
Seica fixestes un traballo moi intenso coas vosas alegacións ao plan de transporte?
Creo que ata o día de hoxe, as nosas alegacións ao plan de transporte que foron feitas pola compañeira do BNG Marisa Guerra foi o aspecto máis relevante da política do noso pobo. Un traballo magnífico de 48 páxinas que realizou a nosa compañeira. Fixemos unha presentación polas parroquias en conxunto co partido socialista
E que receptividade atopastes ?
Moi positiva, especialmente nas parroquias de montaña
É tan grave a situación do transporte en Oia?
Si, a verdade é que si. Na nosa proposta presentamos unha formulación referente á necesidade dunha liña para o interior das parroquias, unha liña circular que partise das parroquias de montaña e pasase por Tomiño e O Rosal , para volver pola costa e rematar de novo onde comezou
Falemos de felicidade, ti es unha persoa feliz?
Si sono, pero xa o era antes de que se crease esa concellería. Esa concellería non ten ningún tipo de contido e o que o BNG sospeita é que o seu obxectivo real é realizar unha campaña electoral constante ao longo destes catro anos.
A situación do saneamento segue a ser deficiente?
A verdade é que si, é máis eu diría que non é que sexa deficiente, é que é inexistente, e non hai perspectivas de mellora
O estado dos camiños interiores?
Só se fai algo para melloralos grazas á DEP gobernada polo PSOE e polo BNG
E en relación coa situación do Mosteiro que ten que dicir o BNG?
Lamentablemente seguimos como estabamos e ao meu xuízo a responsabilidade de que isto non se arranxe tena a administración, tanto a municipal por non crear as condicións idóneas para solucionar o problema como a autonómica que pasa absolutamente do tema. De feito, o propietario responsabilizou publicamente á alcaldesa da situación
Cal é a vosa posición sobre a compra dos terreos do antigo camping de Pedra Rubia?
O BNG votou a favor, como temos votado a favor de varias propostas do PP, porque somos unha forza construtiva que apoia o que considera positivo para Oia, o que contrasta coa actitude do PP que sempre vota en contra do que presentamos nós. De feito ás veces hai mocións nosas que nin sequera meten na orde do día. Neste tema en concreto estamos a favor de compralo, pero en contra da maneira na que se compra
Este verán Oia tivo frecuentes problemas de electricidade, sufrindo importantes cortes de luz, non?
Si, e por desgraza en Oia é un problema moi común, cando hai incidencias meteorolóxicas soe marchar a luz. E esta situación non se soluciona porque a administración municipal non defende como debera os intereses da veciñanza do noso pobo.
Rematamos Xuster, cunha última cuestión, que pode esperar un veciño ou veciña de Oia do voso traballo municipal nos próximos catro anos?
O noso traballo vai ser baseado na presenza ao pé de rúa cos veciños, queremos estar sempre ao seu carón e trasladar ao concello os seus problemas concretos procurando que a administración os solucione con dilixencia e eficiencia. O que pode esperar a veciñanza e que sexamos a súa voz, e comprométome, con toda a humildade, a non fallarlles nunca