

No medio do balbordo desatado no Estado español trala exhumación do ditador Francisco Franco, hai unha palabra que destaca entre as demais pola frecuencia coa que se alude a ela e a disparidade ideolóxica das voces que a pronuncian: RECONCILIACIÓN, que segundo a Real Academia Galega é “a acción e efecto de reconciliar ou de reconciliarse”, que a súa vez, e segundo a mesma fonte é “facer que deixe de haber calquera tipo de inimizade entre dúas ou máis persoas que antes eran amigas”. Chegados a este punto, non queda máis que preguntarse quén ou qué ten que reconciliarse nesta cuestión, pois son moitos os partidos políticos, dende o PSOE a VOX, pasando polo PP, os que din, por exemplo, que o Val dos Caídos ten que se converter nun lugar de reconciliación, e aos que non acreditamos nese palabro aplicado a este contexto non dubidan en tildarnos de vingativos.
Pois ben, a reconciliación non é posible. Non é posible a reconciliación cunha ideoloxía asasina e brutal como é o fascismo. Co fascismo un non se reconcilia, combate e loita porque, ademáis, os fascistas non queren reconciliarse con ninguén xa que ese termo non entra no seu código ideolóxico. Estamos fartos de asistir a discursos cargados de odio dos novos ou non tan novos fascistas españois nos que non se aprecia nin un mínimo desa tan cacarexada reconciliación, así que… de qué estamos a falar?
Pero aínda podemos ir máis alá, pois non sería ofensivo e humillante reconciliarse en nome de quen xa non está e foi asasinado, torturado, exiliado ou represaliado de calquera outra forma polo réxime de Franco? Non sería esta reconciliación no seu nome un insulto á súa memoria? Eu estou convencido de que sí.
O Val dos Caídos non pode ser, en modo algún, un monumento á reconciliación, senón un memorial que faga xustiza ás vítimas do fascismo. Esa é a palabra que debemos usar sen temor a ser mal chamados vingativos, pois si hai algo que está nas antípodas da vinganza iso é a xustiza, non a humillante reconciliación.