As clases, repartidas en catro sesións, están dirixidas polo psicólogo Gonzalo Soliño
Tomiño, 21 de novembro de 2019
A Concellería de Benestar do Concello de Tomiño organiza, en colaboración con AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia), un curso destinado a coidadores e coidadoras de persoas dependentes.
As clases, repartidas en catro sesión de dúas horas cada unha, están a cargo do psicólogo de AFAGA Gonzalo Soliño, que explica que “o rol de coidador dunha persoa en situación de dependencia, xera un importante desgaste a nivel físico e emocional, que mal xestionado pode derivar en sintomatoloxía ansiosa ou depresiva”.
As continuas situacións de tensións e sufrimento emocional ás que están expostos os coidadores fan que aumente considerablemente o risco a padecer diferentes problemas de saúde. “O obxectivo deste taller é concienciar aos coidadores da importancia de coidarse a un mesmo para poder coidar, así como proporcionar estratexias que fomenten o auto coidado”, comenta a concelleira de Benestar, Cristina Martínez.
Desta maneira, as persoas que asisten ao Obradoiro realizan dinámicas (xogos, exercizos, simulacións, etc.) nas que se traballa o coidado da saúde, a xestión de tempo, o manexo das emocións e a resiliencia.