Pontón: “O mellor que lle pode pasar a este país é un goberno presidido polo BNG coas mans libres para defender Galiza”

Eleccións 5A Ana Pontón A Nova Peneira

Un cara a cara Feixóo-Pontón suscitaría moito interese”, alega, tras receitar modestia aos que pretenden adiantarse ao resultado das urnas

Rego confía en que tras o 5A sexa unha presidenta nacionalista quen asuma a negociación de máis competencias co Estado

Santiago de Compostela, 14 de Febreiro 2020

O “salto de xigante” que supuxo para Galiza o acordo de investidura demostrou a importancia de ter forzas propias, de tal xeito que só nun mes e cun deputado, Nestor Rego, o BNG logrou máis que Feixóo en dez anos de submisión e incompetencia.

Se con esa representación no Congreso Galiza recuperou voz propia e influencia ante o Estado, a portavoz nacional, Ana Pontón, convida a imaxinar do que sería capaz un Goberno da Xunta presidido polo Bloque.

“Sería o mellor que lle pode pasar a este país: unha Presidencia liderada polo BNG, por unha forza coas mans libres para defender Galiza e rematar con tempo de gobernos de forzas estatais que se alternan na discriminación, subordinando os nosos intereses ao que lles mandan desde Madrid”, explicou a candidata nacionalista.

Pontón destacou que “non chega un cambio cosmético nin de caras”, é preciso abrir un cambio político real capaz de poñer en marcha unha Galiza máis xusta, con máis igualdade, benestar social, orgullosa e na que vivir e traballar. “E só o BNG é garantía dese cambio real”, sen límites nin mordazas, recalcou.

“Imos a por todas porque temos un proxecto sólido capaz de mellorar a vida das persoas e unha organización unida para, a partir do 5A, desde o convencemento de que non haberá maiorías absolutas, liderar o cambio real e superar a mera  alternancia que xa vemos que da de si”, recalcou Pontón, tras destacar que ve a Feixóo “ao borde dun ataque de nervios” ante un Bloque a alza.

Preguntada pola proposta do candidato do PSOE de manter un cara a cara co candidato do PP, a portavoz nacionalista rexeita recortar a pluralidade nos debates e receita prudencia en lugar de pretender adiantarse ao veredicto nas urnas.

“Mal empezamos a campaña electoral querendo limitar o pluralismo político nos debates”, subliñou, “e tamén pediría un pouco de modestia porque primeiro terán que falar os galegos e as galegas para dicir a que forza política lle corresponde a responsabilidade de goberno e nesa carreira todos e todas estamos situados”.

Por iso, con idéntica lóxica se pregunta “por que non un cara a cara Pontón-Feixóo, estou segura suscitaría debate na sociedade e son tan candidata á Presidencia como calquera outro candidato”. “Ten que haber debate plural e non parece lóxico que outras forzas se apunten á teoría de Feixóo de fuxir dos debates con Bloque”, alegou, confiando en que a TVG estea á altura e non volva caer no “bochorno de convocar debates clandestinos en horarios de mínima audiencia”, como nos últimos comicios estatais.

Resultado comisión de seguimento

A líder nacionalista facía estas valoracións nunha comparecencia para explicar o resultado da comisión de seguimento do acordo de investidura, xunto co deputado Nestor Rego e a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín.

Rego destacou que, se ben hai cuestións importantes ligadas á aprobación dos orzamentos, xa houbo avances en tres cuestións relevantes. Axilizar a convocatoria da mesa de traballo para As Pontes con todas as partes implicadas, apurar a creación dos tres novos xulgados contra a violencia machista e a aprobación do estatuto para as electrointensivas, que debe ser mellorado para dar unha solución estable ao sector.

En canto á posta en marcha da comisión mixta de transferencias Xunta-Estado, salientou que por motivo do adianto electoral quedou aprazada até despois da cita coas urnas, e confía en que a partir do cinco de abril o Goberno que negocie máis competencias para Galiza,  -tras unha década de seca-, sexa un Executivo “presidido por Ana Pontón”.

Rego tamén deixou clara a posición do BNG sobre a devolución do IVE, ironizando sobre a hábito do PP “para difundir a realidade ao revés”, indicando que na votación en pleno foron os populares os que votaron en contra de reclamar non só os 200 M€ que o Estado debe en IVE, senón tamén os 170 M€ que debe en concepto de incentivos. “Será que como están convencidos de que van perder o Goberno xa non lles interesa eses recursos”, ironizou.