O Concello celebrará a cuarta edición da Festa de Entroido na antiga discoteca Reivi. Un evento aberto a tódalas idades e que non teme ás previsións meteorolóxicas, sempre incertas, nesta época do ano.
Ponte Caldelas, 14 de febreiro de 2020
A Festa de Entroido comezará ás 17 horas horas e rematará pasadas as dez na noite. Será unha xornada en familia na que pequenos e maiores acudirán disfrazados para pasalo en grande. Durante a festa haberá desfile de Entroido, cotillón, photocall e animación musical co grupo 3.com. Ademais, haberá filloas gratis para todos os asistentes, que virán acompañadas de nata, chocolate, azucre, canela…
A Festa do Entroido na discoteca foi un éxito rotundo nos últimos anos e contou cunha gran participación e con moi bo ambiente. As familias están moi cómodas coa celebración do Entroido na discoteca, pois permiten que os máis pequenos gocen dunha das súas festas favoritas nun ambiente agradable e con boa temperatura.
Entroido de Verán
O Concello de Ponte Caldelas mantén tamén a súa cita carnavalesca no mes de xuño coa celebración do Entroido de Verán. Nesa xornada, haberá desfile de comparsas, grupos e individuais, como nos anos anteriores, con premios para os mellores de cada unha das categorías.
Este desfile de verán alcanza, dende hai tres anos, cifras récord de participación e asistencia de público. A animación no pobo prolóngase ata altas horas da madrugada, convertendo a Ponte Caldelas nunha referencia valorada polos grupos e comparsas. As bases para o desfile daranse a coñecer no mes de maio.
Ponte Caldelas fixa así dúas importantes citas co Entroido que, ademais de divertir e animar a todos os veciños de Ponte Caldelas, dinamizan doblemente a hostelería e o comercio local.