Ante o continuo auxe deste tipo de turismo o Concello renova o bando que reserva 30 prazas en cinco aparcamentos das diferentes praias para uso exclusivo de caravanas ou similares
“O ano pasado iniciamos a regulación na tempada estival e funcionou moi ben. Agora prevemos que coa chegada da Semana Santa e a Primavera o turismo se multiplique en Nigrán, por iso debemos harmonizar a convivencia dos caravanistas coa dos propios veciños e demais visitantes”, explica o alcalde, Juan González
Nigrán, 23 de marzo de 2021
O Concello de Nigrán prorrogará desde o 27 de marzo ao 30 de setembro de 2021 o bando de urxencia que regula o aparcamento de caravanas nas zonas de praia do municipio co fin de garantir os dereitos dos caravanistas a aparcar (non acampar) e dos demais visitantes que acuden en turismos. Deste xeito, o Concello renova a vixencia do bando ditado o 24 de xullo e que caducara o 15 de outubro e que consiste en sinalizar 30 prazas de uso exclusivo de caravanas ou vehículos de similares dimensións en cinco zonas de praia (dúas áreas de Praia América, unha en Panxón e outras dúas en Patos).
“O ano pasado iniciamos a regulación na tempada estival e funcionou moi ben. Agora prevemos que coa chegada da Semana Santa e a Primavera o turismo se multiplique en Nigrán, por iso debemos harmonizar a convivencia dos caravanistas coa dos propios veciños e demais visitantes. Consideramos que o turismo de caravanas é beneficioso para a economía local e protexemos os seu dereito a aparcar nas zonas de praia, non a acampar, e o facemos harmonizando usos”, indica o alcalde, Juan González, quen defende que o turismo de caravanas “está en auxe precisamente pola crise do covid-19 e é unha oportunidade máis para Nigrán que non se pode rexeitar”. Neste sentido, remarca que, precisamente, o Camping de Playa América abrirá as súas portas o 26 de marzo e conta con todos os servizos para caravanas.
Tal e como sinala o propio bando do Concello de Nigrán, as bolsas de aparcamento ao carón das praias son moi limitadas en relación ao número de persoas que se desprazan en vehículos ás mesmas, por esta razón, é preciso garantir o dereito a aparcar de todos establecendo zonas exclusivas para os de grandes dimensións e que, ao mesmo tempo, estes non ocupen o resto do espazo non destinado a eles desde as 10:00 ás 21:00 horas. “Trátase de harmonizar e regular polo interese de todos, non de prohibir”, incide González, quen sublilña que “non é o mismo aparcar que acampar, xa que a acampada libre está expresamente prohibida”.
Así, as zonas onde as caravanas ou similares teñen xa a súa zona de aparcamento exclusivo, convintemente sinalizado, son en Praia América na zona de Fonte Seca e a antiga escola de vela; en Panxón no Campo de Redes e en Patos nas escolas de surf e Cansadoura.