STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA exixe cambiar o idioma nun documento que a promotora do PE Monte da Neve presentou en inglés

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA exixe cambiar o idioma nun documento que a promotora do PE Monte da Neve presentou en inglés

Celanova, Verea, 28 de decembro de 2021.

A plataforma lembra que a documentación debe estar nunha lingua oficial na Galiza e reclama que se amplíe o prazo de alegacións unha vez que se corrixa un erro que obstaculiza a participación pública.

A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA tamén tramitou a queixa diante da Valedora do Pobo, e da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA rexistrou no Concello de Celanova onte, luns 27 de decembro de 2021, un escrito dirixido á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación advertindo do uso dun idioma NON oficial na Galiza na documentación que se somete a información pública no proxecto de central eólica Monte da Neve entre Celanova e Verea.

A documentación é resultado do acordo do 1 de decembro de 2021 da Xefatura Territorial de Ourense, sobre as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monte da Neve e liña de evacuación, situado nos concellos de Celanova e Verea, da provincia de Ourense (expediente IN408A 2020/102), DOG Núm. 236, de 10 de decembro de 2021.

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA sinala que o anexo número 14 referido ás características técnicas do modelo de aeroxerador previsto, e que se incorpora como parte do Estudo de Impacto Ambiental, está en lingua inglesa. A lingua inglesa non é lingua oficial na Galiza, polo que se dificulta a participación pública no procedemento de alegacións, indica a plataforma e reclama que se corrixa ese erro e se amplíe o prazo de alegacións máis alá do 25 de xaneiro para facilitar o trámite de alegacións que se sostén a participación pública neste tipo de procedementos.

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA tamén recorreu á MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. A través da ‘Liña do galego’ formalizouse a denuncia polo uso dunha lingua NON oficial nun documento a exposición pública. A MESA informou a pasada semana que xa deu curso á queixa diante da Valedora do Pobo, e tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Primer comentario

Deixa a túa opinión