Reclama máis recursos, a supresión do “decreto da vergoña”, cumprir o Plan de Normalización e actualizar a Lei de Normalización Lingüística

Hoxe enchemos as rúas de Santiago para celebrar e reivindicar o orgullo polo idioma, que, como dixo Begoña Caamaño, non ten límites”, declarou

Santiago de Compostela, 17 maio 2026.

A portavoz nacional do BNG celebrou, no día das Letras, o orgullo que senten os galegos e galegas pola “lingua que nos fai estar no mundo cunha voz que nos conecta coa lusofonía”, á vez que reivindicou un cambio de rumbo ante un momento crítico no que o Partido Popular está empeñado en converter o galego nunha lingua de segunda.

“Non chegamos aquí por casualidade, chegamos aquí despois de 17 anos de acoso e derruba do PP contra a lingua que máis no s une que é o galego”, considerou na súa declaración aos medios antes de participar na manifestación convocada en Santiago por Queremos Galego baixo o lema “O galego, lingua vital”.

A líder do BNG afeou que o traballo do PP contra o galego “queren enmascaralo” baixo ese “letreiro do plurilingüísmo”, que cualificou de “timo”, porque non hai “nin máis galego, nin máis inglés”, o único que avanza é “o monolingüísmo en castelán”, lamentou . A proba máis recente desta deriva lingüicida do PP situouna na primeira decisión do novo goberno en Lugo trala “vergoñenta” moción de censura ao “cargarse as políticas de apoio á lingua galega dicindo que son unha carga”.

“O galego non é unha carga, é a lingua dos nosos pais, avós avoas, que nos une a todas as persoas que vivimos no noso País e que queremos seguir vivindo en galego e dándolle mil primaveras máis á nosa lingua”, contrapuxo.

Criticou neste sentido a folla de ruta do Goberno de Rueda contra o galego, na que mantén o “decreto da vergoña” que converte o galego nunha “lingua residual” no ensino e que está provocando que “os nosos fillos e fillas entren pola porta falando galego e saen falando castelán”

A líder do BNG acusou o PP na Xunta de “dinamitar todos os consensos” que tiñan as forzas políticas arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004. “Todo isto empeza cunha manifestación indigna onde o señor Rueda se pon detrás da pancarta contra o galego”, lembrou. Despois, PP votaría en contra da nosa lingua no Parlamento e no Congreso, e, finalmente, chegou a campaña do PP e da extrema dereita en contra da nosa fala no Parlamento Europeo.

Cambio de rumbo

Ana Pontón reclamoulle ao PP un cambio de rumbo porque, aínda que a situación do galego hoxe é crítica, “podemos darlle a volta, e iso é o que está reclamando hoxe a cidadanía galega: vontade política para derrogar ese decreto da vergoña”, subliñou. Por iso reclama se apliquen as políticas do Plan Xeral de Normalización Lingüística que xa estaba consensuado e que son válidas. “O único que necesitan é un calendario e recursos para poder aprobarse”, apuntou.

Tamén urxe actualizar a Lei de Normalización Lingüística, despois de 40 anos de vixencia porque “evidentemente, a sociedade galega de hoxe non é a de cando se aprobou”.

Pero sobre todo, Ana Pontón pediulle ao PP que “deixe de atacar a lingua galega e que que se poña do lado do sentir maioritario da nosa sociedade. “Estou convencida que a inmensa maioría dos galegos e das galegas, falen o que falen, queren que o galego siga sendo unha lingua con futuro, que a coñezan os seus fillos e que sexa unha lingua viva”

Ana Pontón quixo lembrar no día das Letras a Begoña Caamaño dicindo que “se algo fixo durante toda a súa vida foi precisamente defender o galego e dicir que en galego estamos no mundo e que que o galego non ten límites”.

“Nós imos seguir reivindicando ese orgullo xunto coa cidadanía e o que lle pedimos ao PP e ao señor Rueda é un cambio de rumbo, que deixen de estar detrás da pancarta en contra do galego e que se poña a traballar a favor como sente a inmensa maioría da sociedade galega”, concluíu.

“Sei que a maioría dos galegos e das galegas, falen no que falen, están orgullosos de ter unha lingua propia que non queren perder, por moito que se empeñe o Partido Popular”, afirmou.

“Por iso, hoxe enchemos as rúas de Santiago para celebrar e para reivindicar o orgullo que sentimos polo noso idioma, desde Rosalía de Castro a Begoña Caamaño, desde a parroquia máis pequena do rural aos barrios das nosas cidades. Mil primaveras máis para o galego, a nosa lingua e a que queremos compartir co mundo”, concluíu.