O Fondo Galego contribúe a reforzar a limpeza dos campamentos de refuxiados saharauís

O Fondo Galego contribúe a reforzar a limpeza dos campamentos de refuxiados saharauís

O Concello de Nigrán aproba unha achega extraordinaria para este proxecto dirixido a mellorar o servizo de recollida de lixo e a sensibilización ambiental

Pontevedra, 22 de febreiro de 2022.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidaredade achegará 15.000 euros ao proxecto de recollida de residuos e sensibilización ambiental que a asociación estivo identificando a pasada semana nos campamentos de persoas refuxiadas de Tindouf (Alxeria). O Concello de Nigrán, socio da entidade, aprobará no vindeiro pleno unha achega de 10.000 euros a maiores para reforzar a actuación.

O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, asinou na fin de semana o convenio de colaboración coa gobernadora da Wilaya de Bojador, Azza Brahim, e co delegado da República Árabe Saharauí Democrática en España, Abdulah Arabi. No acto participaron autoridades locais e membros da sociedade civil saharauí, xunto con representantes dos concellos de Gondomar, Cambados e de Tui, que tamén están valorando a posibilidade de contribuír á cooperación coa RASD. Juan González destacou “a importancia de coñecer as necesidades sobre o terreo para realizar unha cooperación internacional eficaz”, mentres que a gobernadora agradeceu o apoio e a visita da delegación galega, que “á volta se converterá tamén en altofalante da inxustiza que sofre este pobo”.

As e os 16.500 habitantes da Wilaya de Bojador se beneficiarán do proxecto ‘Nadafa’, que significa “limpeza” en árabe, actuando en dúas vertentes. Dunha banda, mellorarase o servizo de recollida de lixo sufragando a contratación de máis persoal e dotándoo dos materiais necesarios para realizar esta tarefa, especialmente elementos de protección como máscaras e guantes, que tamén se lles facilitarán á veciñanza que participa nas campañas voluntarias de limpeza. Por outra parte, intensificaranse as actividades de sensibilización dirixidas á poboación, especialmente aos 3.382 nenos e nenas das escolas, contando con organizacións da zona como os colectivos xuvenís. Ao tempo, apoiarase á emisora local para que reforce os contidos ambientais e as mensaxes a prol do coidado da contorna.

A formulación deste proxecto produciuse no marco da visita aos campamentos organizada pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) e a Delegación Saharauí para Galicia, na que participan entre outros representantes políticos, persoal sanitario e familias do programa Vacacións en Paz, que se retomará este verán. Nos últimos días, a delegación foi recibida polo Primeiro Ministro, Bucharaya Hamudi, quen salientou como “o apoio dos municipios e outros axentes da cooperación descentralizada mitigou a caída dos fondos estatais e internacionais provocada pola pandemia”. Tamén a ministra de Cooperación, Fatma El-Mehdi, apuntou a importancia do movemento solidario e dos irmandamentos cos concellos, alén de sinalar que “o convenio asinado co Fondo Galego permítenos planificar a máis longo prazo e responder a necesidades reais”.

O propio presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade tivo a oportunidade de comprobar como a falta de recursos lles impide ás autoridades locais saharauís realizar unha correcta xestión dos residuos, amais de compartir unha xornada de limpeza voluntaria cun grupo de mulleres na Daira de Akti, entre as que se atopaba a propia alcaldesa, e de visitar a emisora de radio. Nos derradeiros días de estancia, a comitiva galega acudiu a un centro para nenas e nenos con discapacidade e ao Hospital Nacional. Tamén se reuniu coa ministra de Sanidade, Jira Bulahi, quen indicou que “hai 427 persoas á espera de seren evacuadas para tratamentos no exterior, das que 128 son menores”. Por último, percorreron as instalacións da Dirección Xeral de Equipamento e puideron coñecer de primeira man o traballo da Asociación de Familiares de Prisioneiros Saharauís e Persoas Desaparecidas.

“Esta viaxe non só nos fará ser mellores persoas, senón tamén mellores alcaldes e alcaldesas”, valorou Juan González ao remate da misión. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aposta por unha saída dialogada ao conflito que obrigou á poboación saharauí a refuxiarse en Alxeria. Esixe que Marrocos cumpra o Plan de Arranxo subscrito en 1990, coa celebración do referendo de autodeterminación acordado, e que tanto a comunidade internacional como o Goberno español estean á altura dos compromisos adquiridos.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.