O BNG pide á Xunta que adquira POVISA para integrar este hospital no SERGAS e garantir asistencia pública a 130.000 persoas da área sanitaria de Vigo

Povisa BNG

A saúde das persoas non pode ser mercadoría para as multinacionais”, destaca Prado, tras denunciar que o PP ten con este centro un concerto que lle aporta o 80% dos seus beneficos

É un hospital privado que pagamos con impostos de todos e todas”, alega

Santiago de Compostela, 28 de xullo 2022.

O BNG mantivo un encontro co comité de empresa de POVISA tras coñecerse a intención da multinacional Centene, actual propietaria do hospital, de vender o centro a outra multinacional, Vivalto Santé; venda que se produce dentro dunha operación na que tamén se inclúen os hospitais Polusa en Lugo e Juan Cardona en Ferrol.

“Esta información está xerando enorme preocupación pola constatación de que a prestación sanitaria á 130.000 persoas da Área Sanitaria de Vigo e 1.400 postos de traballo están convertidos en mercancía, negocio para multinacionais, toda vez que esta venda pretende realizarse apenas tres anos despois de que fora adquirida pola multinacional estadounidense a prezo de ganga, tras ser rescatado por 24 M€ e capitalizado con cartos públicos”, explica a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado.

Prado traslada a total oposición do BNG a esta operación que, ademais, “compromete o dereito á saúde”, e demanda do Goberno do PP que poña fin “á anomalía de ter a case a metade da poboación da área de Vigo recibindo asistencia sanitaria nun hospital privado”. En lugar de permitir a venda especulativa de POVISA, reclama, “póñanse a traballar para mercar este centro e integralo na rede sanitaria pública e poñer en marcha toda as actuacións necesarias para que a totalidade da poboación da área sanitaria de Vigo reciba atención na sanidade pública”, alega.

O BNG destaca que o concerto da Xunta con Povisa é o máis caro xa non da sanidade pública de Galiza, senón de todo o Estado español, polo cal realiza a prestación dos servizos de asistencia hospitalaria a 135.000 persoas dos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueloutros que a administración determine do concello de Vigo, no que traballan 1.400 profesionais.

“Estamos diante dun tema de enorme relevancia, supón un paso máis na estratexia do PP de poñer a sanidade publica en mans do capital transnacional, o 70% da sanidade privada que existente en Galiza está en mans de empresas foráneas que só buscan o negocio, e estalles posibilitando que cada vez teñan máis capacidade de presión e de condicionar a sanidade pública”, advirte.