Albert critica esta modalidade de contratos que “non cumpren cos requisitos mínimos do Estatuto Básico do Empregado Público” e que afectan, incluso, “ás funcións de dirección da Corporación”
Santiago de Compostela, 25 de outubro 2022.
O BNG criticou no Parlamento o mal uso dos contratos artísticos na CRTVG, unha modalidade de emprego excepcional que está sendo empregada de xeito reiterado e que discrimina ao persoal laboral nas listas de contratación.
A portavoz para a CRTVG, María González Albert, reprobou este sistema “que non cumpre cos requisitos mínimos do Estatuto Básico do Empregado Público” e que o contrato artístico é un recurso “excepcional, pensado para as persoas colaboradoras do medio, non para encadear contratos de 15 anos”. Neste sentido, denunciou o “abuso” desta fórmula que está a dar acceso no ente público “a moita xente que non pasa por ningún proceso de selección pública” e cuxas funcións van dende a área de deportes ata os servizos informativos.
Esta maneira de contratar da Corporación acaba provocando, reprobou Albert, que “haxa persoal que cumpre funcións estruturais do cadro de persoal encadeando contratos de mes en mes” en detrimento das traballadoras e traballadores nas listas de contratación da CRTVG que se deixan fóra do proceso de selección. Esta discriminación provoca que as persoas beneficiadas cos contratos artísticos teñan calidade de “fixeza indefinida, o que supón un agravio comparativo para as persoas que forman parte do cadro de persoal”, criticou.
De feito, denunciou a deputada nacionalista, esta “mala práctica” chega incluso ata os postos de dirección no seo da Corporación “sen que se coñezan uns criterios obxectivos e claros sobre a súa contratación”, recriminou. Trátanse de empregos en “alta dirección” ou “redactor xefe” que, na práctica, “está a cubrir un xornalista facendo, case, albores de control político”, remarcou a parlamentaria do BNG.
Albert concluíu poñendo o foco na reprobación da Xustiza a este sistema de contratación e puxo de exemplo a sentenza deste maio do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que determinou que os contratos de “alta dirección” que non dependen da Dirección Xeral “estarían en fraude de lei”, sen que a CRTVG tomara ningunha medida ao respecto.