A alcaldesa celebra que pese as resistencias iniciais, a Xunta redactara un proxecto parcial trala presión veciñal e o diálogo co goberno municipal
O Concello de Ponteareas amosouse hoxe moi satisfeito “por lograr que finalmente a Xunta se implique no saneamento de Ribadetea”. A alcaldesa, Cristina Fernández, celebrou que “pese as resistencias iniciais da Xunta, que se negaba a colaborar neste obxectivo tan importante, finalmente a presión veciñal e o diálogo constante do goberno municipal coa Consellaría permitiu acadar un pequeno logro: a redacción do proxecto da primeira fase”.
A rexedora Cristina Fernández salientou que “este éxito é un exemplo dos resultados que dá a unión entre a veciñanza e o goberno municipal diante doutras administracións para lograr o que en xustiza nos corresponde”. A alcaldesa lembrou que a Xunta está a realizar obras de saneamento noutros concellos próximos “e nós non imos ser menos”. Cristina Fernández explicou que “como alcaldesa presido un goberno que non busca a confrontación con outras institucións senón que traballa con intelixencia e con diálogo para conseguir que Ponteareas reciba a atención que merece. O saneamento de Ribadetea é un exemplo dos resultados que se conseguen así”.
A alcaldesa de Ponteareas aclarou que “non nos conformamos cun investimento de só 18.000 euros e un proxecto parcial, somos máis ambiciosos e o noso obxectivo é que a Xunta financie a obra que suporá un gran investimento e un avance fundamental no saneamento do noso rural. E para iso seguiremos dialogando e negociando coa Consellaría até conseguilo”.
Cristina Fernández salientou que “o vindeiro mandato será o do saneamento do rural porque temos todo xa preparado para levalo a cabo. A depuradora será ampliada entre este ano e o que vén, cun investimento de 14 millóns de euros, deixará de verter ao río e o Ministerio autorizará novos saneamentos até agora prohibidos. Estes novos saneamentos xa están previstos no Plan Director que fixemos no anterior mandato. E para realizar as obras contamos coa nosa capacidade ao ter un concello saneado economicamente, coa colaboración da Xunta e do Estado e cos investimentos millonarios que terá que facer a nova empresa que xestione o saneamento e o abastecemento de auga de Ponteareas”.
A alcaldesa de Ponteareas deu orde a todos os servizos municipais de que faciliten á Xunta todo o que precise para executar a obra de Ribadetea.