O pasado 23 de xullo, mentres o reconto de votos estaba en marcha e na televisión aínda debatían sobre o reparto de escanos no Congreso que vaticinaran as enquisas a pé de urna, eu non deixaba de pensar nos 145 apoios que acababa de recibir a opción máis regresiva en dereitos e liberdades no meu concello. Aínda que fosen as Xerais, os resultados locais importan. Mirara os votos de cada opción política nun grupo de WhatsApp e Vox era a quinta forza máis votada, a non tanta distancia de BNG, con 284 papeletas, e Sumar, con 344. Hai catro anos conseguira aínda máis apoios, pero este 5,26% seguía sendo superior á porcentaxe media de votos da ultradereita na provincia e no país. Eran as electoras máis vellas ou máis novas as que escollían este programa político revisionista cos consensos feministas a prol da igualdade? Cales eran as motivacións deste voto reaccionario?
Votar a Vox ten unha intención, igual que votar ao BNG en Galicia. Cando estás preocupada polos dereitos e liberdades fundamentais, o desenvolvemento sostible do territorio e a identidade nacional, estes datos debuxan un escenario sociopolítico de enormes incertezas. Contra todo prognóstico, a campaña optimista do orgullo galego tivo uns resultados moi discretos que non permitiron incrementar a representación galega no Congreso. Deputados e deputadas galegas hai bastantes, incluso de renome, pero no Congreso non toman decisións pensando en Galicia. Iso só o fai o BNG. É así. Se Vox era o voto reaccionario, BNG era o voto útil para a maioría progresista.
Pasada a resaca electoral, confiaba en que o voto Cera mudase o panorama un chisco en Galicia, onde o Instituto Nacional de Estatística (INE) ten contabilizadas 472.140 persoas nese censo de electores ausentes que viven no estranxeiro. Mais non foi así, alomenos no noso país. En termos absolutos, Galicia é líder en número de electores no Cera co 17,43% da súa poboación. Eu mesma formei parte dese censo durante anos e sei que non é doado vincularse politicamente co territorio cando estás lonxe e non tes garantías de votar porque dependes doutro servizo postal menos entregado á causa que o español. Na China, onde residía ata hai catro anos, nunca chegaba a tempo a documentación mesmo exercendo o xa derogado voto rogado que aprobaran o PP, o PSOE e forzas nacionalistas de dereita como PNV e CIU en 2011. Comentando a situación con outras persoas emigradas e concienciadas con este dereito, puiden saber que o meu caso non era excepcional e noutros países tamén ocorría. Descoñezo se nesta ocasión, sen voto rogado, houbo electores do Cera que quedaron sen votar por non teren recibido a documentación a tempo no seu domicilio, mais son xa moitos anos de desafección masiva pola participación electoral desde o estranxeiro.
Con todo, vaticino que estas non serán as últimas decepcións deste intenso ano electoral. Sen moito ruído, Alberto Núñez Feijóo xa situou ao ourensán José Manuel Baltar no Senado, malia ter cometido un delito contra a seguridade vial que aínda se está xulgando. Baltar é galego, igual que Feijóo, pero non vai representar os intereses de Galicia nas institucións estatais. Esta é outra falacia.
Agora que falamos do Senado, esa cámara de representación territorial, cómpre ter presente que o PP é agora a forza maioritaria. No contexto de bloques que se presentou en campaña, moitas electoras buscaron acougo no bipartidismo tradicional e agora asistimos ao comezo dunhas negociacións para formar goberno que se presumen intensas, longas e mesmo infrutuosas. Se as forzas do bloque progresista acadan un entendemento para investir a Pedro Sánchez como presidente, o consenso político dentro da coalición non será o único desafío. Cando as leis pasen do Congreso ao Senado, atoparanse alí cun PP disposto a utilizar a súa maioría na cámara para bloquear o avance lexislativo progresista. Será ese un espellismo de estabilidade.
Os resultados electorais e a situación política, especialmente a deriva reaccionaria que supón Vox e a normalización dese discurso machista e xenófobo que está facendo o PP e a dereita mediática, non deixan espazo para o optimismo. É necesaria unha revolución social, mesmo a nivel europeo. Pasaron pouco máis de doce anos do 15M, pero a día de hoxe vese moi lonxano. Na memoria quedou a frustración do que puido ser e non foi, pero aquel espírito de mobilización social debe volver a nós para recuperar a esperanza no futuro. No horizonte temos unhas eleccións galegas que son fundamentais para o devir do territorio, dos servizos públicos, da lingua,… Temos que darlle unha oportunidade ao cambio.