O FICBUEU homenaxea este ano a Joris Ivens, pioneiro do cinema documental con conciencia social

O cineasta e director de cine Joris Ivens durante a rodaxe da súa película Rotterdam-Europoort en Rotterdam
O cineasta e director de cine Joris Ivens durante a rodaxe da súa película Rotterdam-Europoort en Rotterdam

Unha retrospectiva amosará as facetas de poeta, militante, aventureiro e cronista de guerra do director holandés coa proxección de catro das súas curtametraxes máis emblemáticas: «Regen», «Borinage», «Indonesia Calling» e «Le ciel, la terre»

O certame dedicará tamén a súa cuarta monografía á figura de Ivens, que rodou máis de medio centenar de películas nunha vintena de países.

BUEU. 27.08.2023.

O FICBUEU 2023 homenaxeará na súa 16ª edición a figura do realizador holandés Joris Ivens, un dos máis grandes documentalistas do cinema mundial de todos os tempos. O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebrará entre o 8 e o 23 de setembro, dedicaralle unha monografía a Ivens –o CadernoFICBUEU#4– e a súa «Sección Retrospectiva», coa proxección de catro das súas curtametraxes máis representativas.

O autor do CadernoFICBUEU#4 dedicado a Ivens e programador do certame, Severiano Casalderrey, explica que «no festival buscamos dar a coñecer obras importantes do mundo das curtas e este ano escollimos a Ivens porque é un dos pioneiros do cinema documental e unha figura clave na historia». O FICBUEU aposta polo cinema de autor e as novas tendencias. E tamén pola divulgación cultural e cinematográfica. De aí a publicación dos cadernos e a inclusión da «Sección Retrospectiva» na súa programación.

A ollada que documentou os cambios e as crises do século XX

Ivens (Nimega, 1898-París, 1989) foi testemuña coa súa cámara dos máis importantes cambios sociais, crises, guerras e revolucións do século XX. A súa filmografía abarca máis de medio centenar de películas, rodadas durante seis décadas: dende a súa primeira curtametraxe, o western _A frecha ardente_, que fixo co seu pai cando só tiña 13 anos, ata a última, _Unha historia de vento_, sobre China e que filmou pouco antes da súa morte.

Caderno e retrospectiva van da man no FICBUEU. A publicación, titulada _A expansión do documental a través das curtametraxes de Joris Ivens (1898 – 1989)_, presentarase no Centro Social do Mar de Bueu o sábado 16 (11.30 horas) e estará á venda na páxina web do FICBUEU e durante o certame. Nela dedícanse catro capítulos a subliñar outras tantas facetas do director holandés.

A primeira é a de «cineasta poético», influenciado polas vangardas artísticas de principios do século pasado. Desa época data a curta que abrirá a proxección da «Sección Retrospectiva», que terá lugar o domingo 17 (18.00 horas). Trátase de _Regen_, de 1929, unha exploración abstracta, experimental e lírica dos efectos da chuvia nunha cidade moderna coma Ámsterdam.

Crítico e comprometido

Outro dos aspectos que se abordarán nesta aproximación a Ivens é a súa vertente activista. O cineasta, de ideoloxía comunista desde que nos anos 30 vivira un tempo na Unión Soviética, achegou unha mirada comprometida na historia do documental, sempre desde o punto de vista dos pobos en loita contra a opresión do sistema. De feito, a conciencia social foi o motor permanente da súa vida –sirva de exemplo que uns días antes de morrer participou en París, aos 91 anos, nunha multitudinaria protesta contra as masacres da Praza de Tiananmen– e tamén da súa produción audiovisual. «A súa militancia está moi reflectida nas súas obras –apunta Severiano Casalderrey– e sempre atopamos algún elemento crítico nas súas películas». A que se verá no certame é Borinage (1933), curta sobre as folgas mineiras en Bélxica, na que Ivens denunciou a miseria e a explotación proletaria.

O holandés errante

O público do FICBUEU tamén poderá descubrir a faceta aventureira e viaxeira deste director, «unha persoa inqueda, sempre de aquí para aló», que rodou nunha vintena de países dos cinco continentes, e que se representa na terceira peza incluida na proxección, _Indonesia Calling_ (1947). Con esta película Ivens apoiou aos independentistas deste país asiático cando aínda era unha colonia holandesa. «Foi repudiado polo seu propio país durante vinte anos por este documental, e iso acrecentou o concepto que se tiña del de holandés errante», sinala Casalderrey.

A última faceta que explorará o FICBUEU da figura de Ivens é a máis xornalística: a de cronista de guerra. O realizador holandés filmou case todas: a Guerra Civil Española (no documental _Terra de España_, de 1937, coa voz narradora de Ernest Hemingway e a colaboración de Orson Welles), a Segunda Guerra Mundial, a Revolución Cubana ou a Guerra do Vietnam, escenario de _Le ciel, la terre_, que rodou en 1966 e pecha a «Sección Retrospectiva» do Festival. «As súas imaxes dos principais conflitos son un retrato do pasado século arredor do mundo», resume Casalderrey de Joris Ivens, quen asentou sempre o seu traballo na importancia da función social do cinema, así como na honestidade, a liberdade ideolóxica e a busca da verdade como condicións esenciais do documentalista.