Iniciamos unha xeira ,que terá continuidade nas vindeiras Peneiras, sobre os principais equipos de fútbol da nosa comarca conversando con Mónica, presidenta do equipo de fútbol da Caniza, e con Salvador, presidente do equipo de fútbol de As Neves.

Mónica Almuíña Paz presidenta do CF Cañiza .

Natural de Crecente e de formación administrativa, Mónica é a primeira muller na historia que preside o equipo de fútbol da Cañiza. Ela ten o mérito engadido de participar de maneira decisiva na fusión dos dous equipos que ata o 2021 existían na localidade: O ADECA e o CF CAÑIZA. No momento de se fusionaren decidiron manter este último nome pois tiña moita máis historia có do outro conxunto. A presidenta repasa nas nosas páxinas a actualidade do seu club que, como a todos os presidentes do fútbol modesto, lle supón dedicarlle unha cantidade inmensa de horas da súa vida persoal a cambio de nada, por pura e dura vocación. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Ser a primeira muller na historia presidenta do equipo de fútbol é un orgullo e unha responsabilidade para min”

Cando e como se iniciou a túa relación co mundo do fútbol?

Comezou hai arredor de 15 anos e os motivos que me levaron a este mundo son os mesmos que os de moitos outros e outras: comecei a participar no fútbol cando un dos meus fillos empezou a xogar no antigo equipo do ADECA.

E xa comezou o teu camiño no universo futbolístico?

Si, desde aquela foi un non parar. Entrei na directiva e pasei por distintas etapas que inclúen ter sido a súa secretaria. Arredor de hai 10 anos asumín a presidencia do ADECA e no ano 2021 concretamos a fusión co CF Cañiza.

Por que decidistes quedarvos co nome do CF Cañiza?

Fixémolo así porque tiña máis antigüidade.

A fusión foi complicada?

En absoluto, foi moi sinxela. Todos estivemos de acordo, de feito fusionamos ambas directivas.

Que uniforme tiña o ADECA?

Verde e branco.

E o CF Cañiza?

Amarelo e negro.

E finalmente que uniforme adoptastes?

O primeiro uniforme é amarelo e negro e o segundo é unha fusión das catro cores.

Das catro?, caramba vaia cromatismo máis intenso , non?

Quedou moi bonito, convídoche a que o vexas nalgún partido e poderás apreciar que é un uniforme precioso.

Do que estou seguro é de que esa equipaxe é inconfundible

Ha ha ha ha..Abofé que o é.

Es a primeira presidente na historia do equipo de fútbol da Caniza?

Si.

E iso que supón para ti?

Un orgullo enorme e unha responsabilidade inmensa .Este segue sendo un mundo completamente masculinizado e agora estou ben, pero os meus comezos foron moi complicados. A xente non estaba afeita a que unha muller mandara e iso me supuxo ter que pelexar ás veces con doses de rechazo.

Nos xogadores e adestradores?

Non, sobre todo no público.

Eu coñezo a moitos presidentes do fútbol modesto, presidentas contándote a ti só a dúas, e a práctica totalidade coinciden que non é nada fácil pois hai que dedicarlle un montón de tempo, de maneira puramente vocacional, tempo que se resta da vida persoal o que inevitablemente causa problemas e conflitos. Ti estás de acordo con esta apreciación?

Total e absolutamente de acordo. É a realidade do día a día do fútbol modesto. Eu boto máis horas no campo de fútbol ca na miña casa.

Cantos equipos tedes?

Temos oito. Todos os equipos de fútbol base e sénior masculino e feminino.

Cantas persoas practican o fútbol no voso club?

Temos arredor de 200 licencias federativas. Sobre 25 son rapazas e o resto rapaces.

O equipo feminino canto tempo de vida ten ? E que aceptación ten no público?

Ten arredor de 12 anos de vida e aceptación ten moita e moi boa. A verdade estou moi satisfeita. Nós no noso Concello temos a dura competencia do balonmán, que como sabes é un deporte moi popular na nosa vila, pero aínda así a demanda de mulleres que queren practicar fútbol con nós é moi elevada. Tanto é así que agora mesmo de todas as nosas xogadoras só unha é de fóra da Cañiza.

Onde xogamos e adestramos?

Temos dúas instalacións municipais. O campo do Vieiro, que é de herba natural, e é onde xoga o sénior masculino, e logo o campo das Augas Férreas que é onde xogan o resto dos equipos.

As instalacións que tal están?

Moi mal. O de herba natural ten unha drenaxe moi mala e colle moita auga e o de herba sintética foi colocada no 2088, ten 15 anos xa. As instalacións están mal porque o goberno municipal non inviste o suficiente para polas ben.

Como se porta este goberno con vós?

O comportamento do concello con nós é moi mellorable. É o propio club o que ten que manter limpas as instalacións.

O comportamento da anterior administración tamén era malo?

O da administración actual é peor.

Cales son as aspiracións realistas dos dous equipos sénior, o feminino e o masculino, esta temporada?

Temos fundadas expectativas en que ambos equipos ascendan. Agardo que poidamos celebrar ambos ascensos cando remate a tempada.

Rematamos Mónica. O lugar natural de ambos equipos sénior polo volume de poboación e pola capacidade económica da Caniza, cal é?

A primeira autonómica.