“Tameiga en flor”: formacións, excursións e un concurso para encher as casas de flores

A Comunidade de Montes de Tameiga

A Comunidade de Montes de Tameiga, en colaboración con Pensatempos e Viveiros Adoa, lanza este proxecto de participación veciñal para decorar con flores as hortas, xanelas, patios e balcóns da parroquia

“_Tameiga en flor” inclúe encontros formativos sobre os coidados das plantas a cargo de __@huertelia_ [1]_, coloquios, excursións aos xardíns internacionais de Allariz e Ponte de Lima, e un concurso con premios para os xardíns mellor decorados_


Mos, 27 de marzo de 2024

Os beneficios socioterapéuticos do traballo coa terra están científicamente demostrados, tanto desde un punto de vista físico, como cognitivo, sensorial e emocional. Con esta base, a Comunidade de Montes de Tameiga –xunto a Lorena Pinheiro de Pensatempos e en colaboración con Viveiros Adoa– vén de lanzar “Tameiga en flor”, unha iniciativa de participación colectiva que presenta un dobre obxectivo: encher a parroquia de beleza coa flor como protagonista e, en segundo lugar, fortalecer os lazos veciñais



“Tameiga en flor” iníciase cun concurso, pero ten moitas máis propostas para quen se inscriba: encontros formativos sobre os coidados das plantas da man de @huertelia [2], excursións aos xardíns internacionais de Allariz e Ponte de Lima, e coloquios sobre as tradicións da noite de San Xoán.


Co concurso, a Comunidade de Montes de Tameiga busca embelecer as rúas dunha forma amena e participa, ao tempo que facer da parroquia un lugar máis amable e habitable do que sentirse orgullosos e orgullosas. Para o certame, existen tres categorías: balcóns, xanelas e portais; patios e xardíns; e, en terceiro lugar, horta.



En datas e horarios fixados coa propia veciñanza, programaranse visitas veciñais ás hortas e xardíns participantes, para admirar a beleza dos traballos coas flores e tamén para o ditame do xurado. Haberá premios de 100 euros para o primeiro clasificado, 75 para o segundo e 50 euros para o terceiro, con tres accésit de 25 euros cada un.



En segundo lugar, “Tameiga en flor” programa encontros formativos sobre os coidados das plantas, que veñen da man de @huertelia [3]. Estes terán lugar os sábados 13, 20 e 27 de abril, ás 11 horas no centro social As Pedriñas e na Horta de Elia. As persoas inscritas poderán asistir de balde ás formacións e terán prioridade na reserva de prazas.



Ademais, con data aínda por definir, vanse celebrar coloquios sobre a noite do 23 ao 24 de xuño, nos que se explicará ás e aos participantes todo o que se agocha tras das tradicións das herbas de San Xoán e a noite máis curta e máxica do ano.



Por último, Tameiga organiza dúas excursións para visitar os xardíns internacionais de Allariz e de Ponte de Lima. A primeira das saídas, á fermosa vila ourensá, será o sábado 18 de maio, mentres que o desprazamento á urbe portuguesa terá lugar o domingo 9 de xuño. En ambos casos, a Comunidade de Montes subvenciona o custo das prazas para os inscritos.



O prazo para anotarse está aberto ata o 5 de abril, no centro social As Pedriñas, no mail tameigaenflor@gmail.com ou nos teléfonos 986 28 80 57 e 677 623 554. E grazas á colaboración de Viveiros Adoa, as persoas participantes poderán gozar de descontos na compra de plantas.



Con todas estas actividades de “Tameiga en flor”, a Comunidade de Montes de Tameiga procura fortalecer os lazos veciñais, previr a soidade non desexada e encher de cor as rúas, coa flor como protagonista principal.



CMVMC de Tameiga

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.


Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.


Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.