A Nova Peneira e o Balneario de Mondariz entregan o premio aos gañadores do concurso do encrucillado 2024

Balneario de Mondariz

Na conversa que mantivemos con Ricardo Fuciños, director do Balneario de Mondariz, díxonos que ao seu xuízo un proxecto empresarial ten que devolver parte da confianza que recibe. O seu criterio e o meu son neste aspecto idénticos. Un proxecto empresarial non podería existir sen a confianza dos seus clientes e clientas. A Nova Peneira, alén das obvias connotación políticas do compromiso na defensa do país galego, dos seus sinais de identidade e da práctica de políticas sociais que permitan que todas as persoas poidamos vivir con dignidade , é un proxecto empresarial que agradece inmensamente a confianza que lle dan os seus lectores e lectoras. De aí o noso concurso anual co que premiamos aos que antes resolvan o encrucillado do mes de xaneiro. Buscamos fomentar o interese polo idioma galego, e devolver un anaco da confianza que recibimos. Gustaríanos premiar a todas e cada unha das persoas que nos distinguen coa súa compañía, algo que por desgraza non é posible,e facémolo de maneira metafórica nas persoas dos afortunados gañadores deste premio. En pasadas edicións premiamos a Segundo, Carme, Suso, Mar e David. E desta volta grazas á xenerosidade do Balneario de Mondariz, coa implicación persoal destacada do seu director que nunca me cansarei de agradecer, premiamos a Hadrián e a Rocío. Eles son os gañadores do noso concurso 2024, e eles gozaron dunha noite nas marabillosas instalacións dun dos establecementos que son sinais de identidade do país galego. Aproveitando a súa entrada achegámonos ao Balneario a conversar con eles alén de co director do hotel e co alcalde da vila, que tiveron a xentileza de acompañar e darlle os parabéns aos afortunados gañadores.

Hadrián Bautista e Rocío Barreiro, gañadores do concurso.

Na presenza do galego nos medios de comunicación falta moito camiño por andar”

Quen dos dous fixo o encrucillado?.

Fíxoo Hadrián.

Desde cando coñecedes a A Nova Peneira?

Pois desde hai moito tempo. A publicación ten 13 anos de vida, e nós lémola habitualmente case desde que naceu.

Cal é a vosa opinión sobre a situación do idioma galego nos medios de comunicación?

Primeiro que por desgraza hai moi poucos medios en galego. Falta moitísimo camiño por andar para que a lingua propia de Galicia teña a presenza que debería de ter nos distintos medios de comunicación.

Ricardo Fuciños, director do Balneario de Mondariz.

Un proxecto empresarial responsable ten que devolver parte da confianza e afecto que recibe”

Cando fixeramos a reportaxe para conmemorar o voso 150 aniversario, ti afirmaras que o Balneario é un proxecto empresarial profundamente comprometido con Galicia. Apoiando esta iniciativa de ANP vexo que no teu caso as palabras e a realidade dos feitos van polo mesmo camiño?

Moitas grazas. Iso procuro desde logo. De feito agora mesmo acabamos de concretar outra colaboración cun provedor galego de enerxía. Un proxecto empresarial responsable, ao meu xuízo, ten que devolver parte da confianza e afecto que recibe. E nós estamos moi agradecidos do inmenso caudal de confianza e afecto que recibimos da zona na que estamos. Nós somos galegos e levamos ese orgullo por toda España.

Como está a ocupación nestas datas?

Moi ben, para as datas que estamos a cousa está moi positiva.

Como está indo o 2024?

Xenial. Xa o ano pasado foi un ano récord e este ano está indo de momento incluso mellor có anterior.

Xa rematastes cos actos do 150 aniversario?

Aínda estamos nesa onda. Seguimos desenvolvendo actos nos que estamos a divulgar os principais personaxes históricos que nos visitaron. Proximamente faremos un sobre a figura de Eijo Garay.

E o ánimo do director do Balneario como vai?

O Balneario é case como un familiar máis para min. Procuro darlle o mellor de min mesmo como llo procuro dar a calquera das persoas da miña familia.

César Gil, alcalde de Mondariz Balneario.

O Balneario é un piar esencial do pasado, do presente e do futuro do noso pobo”

Como valoras que un medio como ANP, distribuído en 34 concellos, escolla ao voso para premiar a fidelidade dos seus lectores e lectoras?

Eu agradezo e valoro o voso traballo e desde logo que , como alcalde e como veciño, me sinto moi orgulloso de que se escolla a Mondariz Balneario para calquera tipo de premio. Grazas ao noso Balneario somos unha referencia turística internacional, pero temos que seguir medrando e crear experiencias en todo o municipio xa que somos un Concello con moito que coñecer e descubrir.

Que significa o Balneario para o voso Concello?

É o motor económico da vila, un eixo do noso pasado, piar fundamental no noso presente e unha das chaves do noso futuro. Nós somos Concello grazas á creación do Balneario e da fábrica de augas. Asemade desta empresa viven moitas familias da comarca co que ten que ter sempre todo o noso apoio.

Como son as relacións do teu goberno co Balneario?

Son moi boas, como non podía ser doutra maneira. Ambos, tanto o noso goberno como a dirección do Balneario, temos a mesma idea: traballar, traballar e traballar polo ben común de Mondariz Balneario. Creando sinerxías e mellorando a experiencia de todo o que significa Mondariz Balneario lograremos que nos vaia ben a todos.