O PSdeG-PSOE presentará mocións nos 61 concellos da provincia e na Deputación “para que os alcaldes e alcaldesas do PP se retraten”
Regades: “Se a Xunta quería terminar de fulminar as economías municipais con isto dá o golpe definitivo”
“Ningunha Administración minimamente eficiente e responsable sube un 64% o custo dun servizo público da noite para a mañá”
Pontevedra, 2 de setembro de 2024. Os 61 concellos da provincia e a Deputación provincial terán que debater unha moción do PSdeG-PSOE para solicitar a paralización inmediata do “sablazo” de Sogama e instar a Xunta a comezar a apostar, con investimentos e actuacións reais, por modelos alternativos de xestión dos residuos, máis enfocados á reciclaxe e á economía circular.
O secretario xeral provincial socialista, David Regades, anuncia que a moción que se rexistrará os próximos días é un acto de “defensa cidadá” contra a suba unilateral dun 64% coa que Sogama pretende que o canon que cobra aos concellos pola incineración do lixo pase de 66 euros a 108 euros/tonelada a partir de 2025. Unha suba que se acumula á xa realizada o pasado mes de xullo cando eliminouse a bonificación do 15% acordada coa FEGAMP para os concellos que instalaron o contedor marrón de residuos orgánicos. Regades recalca que aos concellos non lles vai quedar outra que trasladar o impacto ao recibo municipal do lixo a partir de xaneiro do próximo ano.
A única explicación que ofrece a Xunta é a entrada en vigor dun imposto ambiental que grava as formas menos sostibles de tratamento do lixo, obviando sempre que responde a unha Directiva europea de 2018, de obrigado cumprimento por tanto en toda a Unión Europea, e que, ademais, a recadación do gravame correspóndelle á propia Xunta.
A moción reclama, entre outras cousas, o mantemento do canon de 66 euros por tonelada coa actualización só do IPC anual, manter a bonificación do 15% para os concellos con selección de orgánicos e que se abra unha negociación franca coa FEGAMP en lugar de impoñer, que é o que fai o Goberno galego pola porta de atrás intentando “colar” esta suba brutal.
David Regades indicou que é necesario que tódolos alcaldes e alcaldesas do PP e o presidente da Deputación “se retraten” deixando moi claro, coa súa votación, a quen defenden e a que intereses obedecen. Ademais, indicou que ningunha Administración “medianamente eficiente e responsable” sube de golpe o custo dun servizo público un 64%.
O secretario xeral socialista considera “hipócrita” que Sogama diga que os concellos non están obrigados a repercutir o custo á veciñanza, cando a taxa municipal de recollida e tratamento de lixo debe, por lei, repercutir os custos reais do servizo. “Os concellos non poden seguir absorbendo os excesos da Xunta, as gravosas competencias impropias e un financiamento autonómico conxelado dende hai 15 anos”. “Se a Xunta quería fulminar as economías municipais con isto dá o golpe definitivo”.
O secretario xeral provincial insta tamén aos 229 concelleiros e concelleiras socialistas da provincia a facer un esforzo de divulgación entre a cidadanía dos efectos desta suba do 64% nos custes do tratamento do lixo “porque cando a xente vexa a suba no recibo municipal, a partir de xaneiro de 2025, a primeira reacción será botarlle a culpa ao seu concello; unha baza covarde coa que a Xunta de Galicia sempre xoga, sabendo que boa parte da fiscalidade autonómica vai oculta nos recibos municipais”.