O BNG volve pedir o traslado do campo de fútbol Gustavo Dacal para evitar novos estragos ao campoe ao ría

Ponte Caldelas Sol Seoane

Insta ao alcalde a non repetir os erros do pasado ano e buscar unhan ubicación alternativa para esta infraestrutura deportiva

Chove sobre mollado. O ano pasado o desbordamento do río Verdugo estragou por completo ocampo de fútbol de Chan da Barcia e verteu ao río e á ría 30 toneladas de recheo de caucho granulado, un materia fabricado no 100% a partir de pneumáticos e que ten na súa composición hidrocarburos aromáticos policlínicos e outras substancias contaminantes para o medio e o ser humano, razón pola que a Unión Europea acordou prohibir o seu uso en instalacións lúdicas e deportivas a partir do ano 2031.

Malia estes antecedentes e a repetición de episodios de enchentes no río Verdugo (16 de outubro de 2014, 8 de xaneiro de 2016 e 4 de novembro de 2023), o goberno municipal de Ponte Caldelas licitou a reconstrución do campo coas mesmas características técnicas e a mesma ubicación da anterior instalación.

Tendo en conta estes feitos, “o sensato sería reubicar o campo de fútbol de Chan da Barcia fóra da zona inundable, e recuperar o perfil natural do territorio fluvial, aumentando deste xeito a zona de expansión do río e diminuíndo os riscos e danos por enchente na propia localidade de Ponte Caldelas”, afirmou a portavoz nacionalista, Sol Seoane.

No seu momento, o BNG afirmou tamén que, en caso de que non fose viábel o traslado das instalacións, se levase a cabo a reconstrución do campo de fútbol da Chan da Barcia (actualmente Gustavo Dacal Martínez) desbotando o uso de caucho granulado e utilizando recheos feitos con materiais naturais, como a cortiza ou a fibra de coco, que xa se están utilizando en equipamentos deportivos de herba sintética.

“Desde o BNG lamentamos que a soberbia e a falta de miras do alcalde de Ponte Caldelas nos leve de volta, un mes despois da súa reinauguración, a que volvamos ter o campo estragado.

Á espera de coñecer os danos concretos e a súa afección ao río e á ría, resulta evidente que a ubicación do campo de fútbol nunha zona de inundación non é nin unha decisión sensata desde o punto de vista económico, nin social nin medioambiental, por iso demandamos máis unha vez a Andrés Díaz que recapacite, que utilice o sentido común e que avalie o traslado do campo de fútbol fóra da zona inundábel”, afirmou a portavoz nacionalista, Sol Seoane.