O vindeiro 27 deste mes de outubro os amigos e amigas do Moto Club Redondela farán a súa habitual festa de motos e callos que este ano alcanza xa a súa 10º edición. O evento consiste nunha espectacular ruta moteira polas estradas da comarca, con saída do campo da feira ás 11:30h da mañá e chegada ao mesmo sitio do punto de partida. A ruta non se coñece , pois os organizadores prefiren mantela en segredo co gallo de sorprender a todas as persoas participantes, aínda que coa ilusión e cariño cos que preparan o evento, estou segura de que a viaxe será por algúns dos lugares máis fermosos das localidades próximas a Redondela.
Ao regreso da ruta en moto haberá na carpa do campo da feira unha grande comida , na que os callos serán os principais protagonistas, a prezos populares e á que poderá acudir calquera veciño ou veciña que desexe acompañar na fin de festa aos amigos e amigas das motos de Redondela. Nós falamos con Carlos, o presidente do Club para coñecer mellor as características desta celebración de motos e gastronomía popular.
Carlos Figueroa Fernández, presidente do Moto Club Redondela.
“Animo a todos os lectores e lectoras a que nos coñezan e acompañen o vindeiro día 27 “
Cando se fundou o club de motos ?
No ano 2011.
Es o presidente desde entón?
Si, desde o inicio.
Quen o fundou?
O club fundámolo catro amigos que nos xuntabamos para andar en moto e decidimos facer oficiais estas xuntanzas. De aí nace Moto Club Redondela hai xa 13 anos.
Cantos membros sodes no club actualmente?
Somos uns 32, chegamos a ser 67 membros pero a pandemia fixo que se desen de baixa bastantes socios.
Cantas persoas formades parte da directiva do club?
Somos catro persoas. Facemos reunións cada catro anos para cambiar a directiva e desde o inicio o vicepresidente e eu seguimos saíndo elixidos.
Que requisitos hai que cumprir para poder formar parte da vosa asociación?
Hai que ter moto de máis de 125 cc, rodar connosco mínimo unhas seis rutas para nós poder valorar a esa persoa e decidir ver se de verdade quere ser moteiro e está disposto a saír todas as fins de semana connosco. A partir de aí valoramos se o aceptamos como socio ou socia e, de ser o caso, abonar unha cota anual de 20€.
Cantas mulleres son socias do club?
Actualmente temos cinco compañeiras moteiras.
Que tipo de motos tedes para rodar?
Kawasakis, BMW, motos de 125cc, 600cc, 800cc, temos moita variedade de modelos.
Por onde soedes saír a facer as rutas e con canta frecuencia?
Saímos todas as fins de semana por zonas de Portugal, Ribeira, Asturias, Santander. Onde haxa unha concentración ou evento moteiro alí imos. Adoitamos saír fóra de Galicia cada dous meses e as outras fin de semana rodamos por aquí.
Que actividades organizades durante o ano?
Organizamos tres eventos: a concentración de Ponte Caldelas en abril, A Xuntanza Moteira Vila dos Viadutos de Redondela en agosto e a Motocallada en outubro.
Fálame da moto callada ?
Isto é unha mestura de saír en moto e comer callos. Os callos preparámolos nós durante toda a noite. A festa empeza ás 10 da mañá no recinto e ás 11:30 h saímos a facer unha ruta en moto polas parroquias de Redondela e, tocaremos algún concello veciño tamén. A ruta é unha sorpresa e non podo dicir máis pero, será dunha hora aproximadamente. Ao volver da ruta comeza a degustación de callos.
Como xorde a idea desta festa?
A iniciativa tívoa un compañeiro que xa non está en Moto Club, propuxo facer unha saída en moto cunha comida popular como empanada ou algún produto típico de aquí. Así xurdiu a Motocallada dous anos despois de empezar coa asociación. Que nós saibamos é a única en España deste estilo.
Cantos quilos de callos elaborades para este día?
Cociñamos sobre un 80 kg de callos e cómense todos, cada ano pensamos en gardar uns poucos para nós e non hai maneira, sempre se esgotan.
De que zona é o público que asiste a este evento gastronómico-moteiro?
Visítanos moita xente de Portugal, de aquí de Redondela e da contorna, tamén algunha xente da zona do Bierzo e de León.
Hai que inscribirse previamente para poder participar na festa ou na concentración de motos?
Non, non temos inscrición. Con presentarte o propio día no recinto e retirar un tícket para os callos, que son a prezos populares, xa podes participar.
Como sufragades os gastos para organizar estas tres festas que facedes ao ano?
Sacamos dun evento para outro, facemos diñeiro na cantina coas bebidas, dos prezos das tapas de callos e temos algún patrocinador privado de aquí de Redondela. O Concello de Ponte Caldelas tamén nos dá unha subvención cando facemos alí a concentración de motos.
E o Concello de Redondela ?
O Concello de Redondela pon o valado do recinto, policía local, protección civil, móntanos a carpa e o palco para os grupos musicais que nos amenizan a velada durante toda a xornada.
Unha persoa que non sexa moteira e non vai facer a ruta en moto pode ir igual a comer os callos?
Si, a festa está aberta para todo o mundo. O normal é que veña xente moteira e aproveite a ruta para comer os callos pero mesmamente temos veciños que veñen co seu recipiente a buscar os seus callos para comer na casa.
Para acabar Carlos, di o que queiras para animar aos nosos lectores e lectoras a gozar da vosa festa.
Desde Moto Club de Redondela convidamos a que asista toda a xente amante das motos e os callos, os prezos dos callos son simbólicos, imos pasalo moi ben, teremos música e boa comida desde as 10 da mañá ata as 6 da tarde aproximadamente. Non hai que levar máis nada que as ganas para comer e pasalo ben pois nós poñemos as cuncas de barro para a degustación da comida. Para as persoas que non lle gustan os callos tamén temos empanada galega ademais das bebidas e café de pota. Faremos un sorteo de xamóns e chourizos. Esperamos vervos a todos e a todas o próximo 27 de outubro a partir das 10 da mañá no campo da feira de Redondela.
09/04/2025Redacción A Nova PeneiraRedondelaComentarios desactivados en O PP de Redondela esíxelle ao goberno que aproveite o convenio coa Xunta para a posta en valor e a celebración de actividades na Illa de San Simón tras seis anos de esquecemento
Os populares lembran que hai un acordo co Goberno galego que permite que o Concello empregue asiduamente este espazo e impulse a súa difusión, pero lamenta que o executivo “non fixera absolutamente nada” neste emblemático arquipélago da parroquia de Cesantes […]
Ala polo outubro do 33 nacía Amado Ricón, no seo dunha familia humilde do barrio da Esfarrapada, moi novo ingresaría no seminario de Tui, aínda que non chegou a ordenarse deixando os hábitos nos anos 50, a vida non era doada en Galicia […]