Malos tempos para a Lírica e os soños

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Din que os soños chegan a cumprirse, que aquelas utopías polas que loitamos son capaces de sorprendernos. Mais, nos tempos que corren, toda a xente mira ao lonxe con preocupación porque sen mirar os desastres naturais, cada vez máis frecuentes, sen mirar as guerras e pandemias,

as fames, os exilios e migracións que no mundo se dan, estamos preocupados por como anda o mundo, como vai este territorio de trampas e mentiras. Fixándonos ben, estamos rodeados de amezas e falsidade en todo canto a arrodea.

Si, é un lamacento camiño de descrédito e perversión. No medio do ruído estrambótico da internet e as redes “sociais”, que dan voz á xente procaz e creadora fundamentalmente de trolas. Ademais, cargan contra calquera persoa, antes de saber dela e sen motivo, faltos de información veraz en contra dos profesionais que se someten a control e dan probas da veracidade do que escriben con datos ou probatorias documentacións. Ben se sabe, a información non é a verdade, e a información haina a moreas.

A xente que mente, reparte culpas e fai socios en propio beneficio. Espalla o artificio e busca cantantes que tamén coreen, conscientemente, esa alburgada. A maldade goza de prestixio e a xente

maltratadora chega a acadar fama e renome, respecto ou medo. É tan doado mentir que sae moi barato iso de afundir a alguén  armándose de insidias e premiados de likes. Tal foi o modo e a persistencia das mentiras que moitos, xa por aburrimento, acabaron crendo, consentindo, o que lles dicían, tomándoo como escudo e protección das súas dúbidas. Mentres isto sucede quedamos sen dereito de réplica cantos poidamos resultar ofendidos e estar lonxe dese xeito de vida no medio

dos insultos. Isto tamén sucede nas instancias públicas e nos “saraos” de parlamentos varios. É unha vergoña porque se eleva o ton en forma de exemplo, forma indecente, noxenta e manifesta. Nótaselles desde o mesmo momento de pronunciar as verbas, no mesmo principio da elaboración da ofensa, nesa impostura que agacha falsos movementos incertos que por dentro renxen e protestan.  Debera haber un darse conta persoal onde se barallasen pousos que deixamos ao falar, mentindo. Serían acenos e o mesmo ton empregado cando non acada a decisión necesaria e concilia animadversión e dificultade crediticia. Quen rouba a verdade ou resposta insultando, oculta a atención e despois desbarata feitos, por medio de réplicas sen control e, o que é peor, sen probas.

Chegados aí, con iso triunfan. Era o que pretendían, romper acordos. É notorio e non deixan de facelo e de ofender. Son moitos e a todas as escadas, as de arriba e os de abaixo, nos grandes empresarios e nas pequenas empresas, entre as mulleres grandes e os homes miúdos. O peor é que a mentira queda pendurada no medio de tanta xente odiadora, polo menos da verdade, lonxe da norma que debe prevalecer e que xa foi destituída. Mais aínda hai algo peor, e é que a mentira hoxe queda impune, impunidade de quen a verteu e non a rectifica, facéndose “influenciador” de masas. A corrección e rectificación xa non existe, acabouse.

Calquera pode dicir o que lle veña ao acordo ou inventar. Iso, inventar un novo bulo como fan tanta xente,  interventora de vontades vulnerables. Difunden para causar danos, para o acoso e derribo de xente que moitas veces nin sequera coñecen. O seu soño é mentir e canto máis mellor, e canto mellor máis enlaces, pasta para o peto. Ninguén preserva a dignidade, xogan sucio para estenderse e facer mal.

Fanse poderosos e acadan moitos cartos, menten entón de forma masiva. E cómenlle o coco á xente, xogan coas súas vontades chegando a manexar os seus votos e as súas vidas. Hai moita xente xa desposuída de vontade, que se deixan levar de calquera dos que multiplican iras desestabilizadoras, causantes do mal.

A información deixou de estar en mans de persoas máis ou menos formadas, preparadas ou sometidas a normas deontolóxicas, lexislacións que poidan limitar o abuso. Non, agora a información vén de persoas impunes ás que debera perseguir a lei e castigar por roubarnos a verdade. Algunhas delas agáchanse no anonimato e non se axustan ao debido.

Por iso esta sociedade está perdendo tamén sorrisos, tendendo ao escuro pincel dos grises e no caos mental. Estamos nesa época desconfiada, pobre e ruín, dependente dos emporios dese caos, onde mandan os que poden facer tanto dano e fano. Cómpre xente que non engane e respecte aos adversarios. Cómpre volver á integridade que tanto se bota en falta.  De momento son malos tempos para a Lírica e para a xente que aínda soñamos e damos valor á limpa palabra.