Momento da votación ratificando o acordo. Esta mañá domingo 16 de xaneiro
● A Comunidade de Montes ratificou esta mañá o acordo co Celta, logo de que a sociedade deportiva retirase do seu proxecto a construción do “Arena”, o estadio e os aparcamentos en Tameiga.
● “É un gran éxito tras sete anos de mobilización da veciñanza: mantemos o monte comunal e protexemos ás traídas de auga de posibles afeccións”, valora o presidente da Comunidade de Montes de Tameiga. Mos, 26 de xaneiro de 2025. Na mañá deste domingo, 26 de xaneiro, a asamblea da Comunidade de Montes de Tameiga votou maioritariamente a prol da nova delimitación do proxecto GS360 do Real Club Celta na súa afección sobre os terreos da parroquia. A directiva chegara a un preacordo co Real Club Celta que hoxe foi ratificado polo órgano
decisor da comunidade: a asamblea da veciñanza comuneira. O acordo contempla que o Celta prácticamente renuncia a ocupar o solo de Tameiga, xa que retira o pavillón “Arena”, o estadio de ata 5.000 persoas e os aparcamentos. A non ocupación dos terreos forestais de Tameiga reduce drásticamente ás afeccións a varias das traídas inicialmente afectadas.
Das máis de 70 hectáreas ameazadas polo proxecto GS360, finalmente o club vai quedar cun total de apenas 1,5 hectáreas de propiedade comuneira, das que unha hectárea corresponde á parcela que actualmente ocupa as instalacións de Viveiros Adoa. Os 5.000 m2 restantes están destinados a ampliación dun treito da estrada anexa (EP-2605) e a construír dúas rotondas. “Para nós, é un gran éxito”, valora o presidente da Comunidade de Montes, César Lago. “Tras sete anos de mobilización da veciñanza comuneira, logramos manter o monte comunal e protexemos as traídas de auga que abastecen a unhas 5.000 persoas”. “A partir de ahora”, continúa, “imos seguir traballando para que as obras do Celta teñan a mínima afección posible tanto na cantidade de auga dispoñible como
na súa calidade”. Unha vez a veciñanza comuneira de Tameiga aprobou a proposta, a
Comunidade de Montes non continuará a vía xudicial contra o Celta e o GS360 a cambio de que o club de fútbol vigués comprométese a non ocupar nunca, no futuro, terreos do monte veciñal de Tameiga.
Máis información: César Lago, 667 545 123, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga.
CMVMC de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común. Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas. Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
