Grazas

Gala 2025
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

O pasado 1 de febreiro, como sempre no restaurante Manolo do Porriño, celebramos a V edición da nosa gala de entrega de premios. O alcalde da localidade, Alejandro Lorenzo, abriu o evento dándonos a benvida ás cerca de 150 persoas que tivestes á amabilidade de responder positivamente á nosa chamada. Como nas catro ocasións anteriores, premiamos a 5 dos nosos mellores anunciantes, a unha persoa das que colabora con nós, a unha administración que nos apoia, e deixamos para o final os galardóns máis emotivos e de máis peso político: O premio “Boa e Xenerosa” e o “ Toda unha vida de compromiso co pobo galego”.

Nesta V gala os galardoados foron os seguintes:

Premio anunciante:

-Casa Telleiro( Tomiño)

-Asesoría Asegal( O Porriño)

-Salón de Peiteado Auga( A Lama)

-Confeitería Filo( Redondela)

-Florería Menta Poleo( Salvaterra)

O premio Colaboradora foi este ano para Alma López Figueiras, unha xornalista brillante, natural de Mondariz, que ten ateigado as páxinas de ANP de lucidez e compromiso coas causas xustas. O Concello de Gondomar foi o galardoado co premio institucional. O seu alcalde Paco Ferreira, un home que nunca nos meteu a máis mínima presión e sempre asumiu as críticas con escrupuloso respecto, foi quen acudiu a recollelo. E así chegamos aos premios finais, os máis difíciles de adxudicar pois posúen ambos un elevado contido emotivo, e un incuestionable peso político. O mellor que se lle pode dicir a unha persoa e o que reflicte o noso premio “ Boa e xenerosa”, e ambas cualidades posúeas sen ningún tipo de dúbida a nosa galardoada nesta V edición da nosa gala: Carme Núñez Méndez, unha médica de Pexegueiro cuxa compañía, bondade e xenerosidade , son capaces de alumear ao máis apagado dos corazóns.

Os últimos recoñecementos “Toda unha vida de compromiso co pobo galego”, son especialmente significativos para nós, pois tratan de expresar a cerna de ANP; somos un periódico que defende que Galicia é un país de seu e que o pobo galego é o único suxeito político lexitimado para xestionar os seus intereses e para decidir o seu futuro. Nas anteriores edicións demos un premio individual( Suso Seixo, Elvira Souto, Camilo Nogueira e Paco Rodríguez) e un colectivo( Instituto de Estudos Miñoráns, Colectivo de Pensionistas da CIG, Mini e Mero..).Desta volta demos dous individuais, un foi para o histórico nacionalista da Coruña Mario López Rico, un home que leva toda a súa vida comprometido co noso pobo, e outro foi para Francisco Álvarez “Koki”, o magnífico poeta do Baixo Miño, sempre a carón dos que sofren inxustiza, e que na emigración foi deixando a pegada do país galego á outra beira do Atlántico. Pechamos esta entrega de premios dándolle o “ Toda unha vida de compromiso co pobo galego” colectivo, a Unión do Pobo Galego. O premio foi entregado polo grande Mero Iglesias, e recollido por Bieito Lobeira, membro da dirección da UPG. Nas súas palabras de agradecemento Lobeira dixo entre moitas outras cousas” Perdoade a inmodestia pero a UPG fixo moito pola actual situación do nacionalismo”.Non é inmodestia algunha, é a verdade, e o xusto é recoñecer a realidade, e a realidade é que sen a UPG o nacionalismo galego non existiría como expresión política autónoma. E nós así o recoñecemos e así o premiamos.

Só me queda, en nome de todas as compañeiras e compañeiros que facemos ANP, dar as grazas aos e ás asistentes e ás innumerables persoas que estas semanas nos trasladastes o voso apoio e o voso afecto. A nosa existencia non sería en absoluto posible sen vós. No 2027, despois das eleccións municipais dese ano, vémonos no Porriño para celebrarmos a VI edición da nosa gala.

Saúde.