Montse Prado pide a dimisión dos máximos responsables na Xunta de manter 32 días fóra de servizo o helicóptero con base en Santiago
Santiago de Compostela, 29 abril 2025.
O Parlamento galego aprobou por unanimidade a iniciativa do BNG para que a Xunta realice un novo concurso para a concesión dos helicópteros da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061 polo procedemento de urxencia e tomar as medidas oportunas para que non se lle adxudique á actual concesionaria, a empresa Eliance, dados os seus incumprimentos reiterados dende que acadou a licitación.
De igual xeito, a iniciativa nacionalista recolle, en tanto non se realice a nova adxudicación, esixirlle á empresa o cumprimento do establecido nos pregos de licitación e, polo tanto, cubrir a totalidade do horario comprendido entre o orto e o solpor do día e ter un helicóptero de reposto, helicóptero de substitución que segundo indicou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montse Prado, a Xunta xa pode contratar sen necesidade de esperar a que se resolva o novo concurso, dado que estamos ante un servizo básico esencial e de interese público.
Prado denunciou na comisión parlamentaria de Sanidade os incumprimentos reiterados da actual concesionaria e fixo especial fincapé na situación do helicóptero con base en Santiago, un dos dous únicos cos que conta o 061, e que hoxe cumpre exactamente 32 días fóra de servizo, o que cualificou dunha “actuación temeraria, irresponsable e inaceptable” por parte da Xunta.
“Os máximos responsables de permitir esta situación deben asumir as súas responsabilidades e isto significa dimitir, polo que hoxe, desde aquí, pedimos a súa dimisión”, reclamou a deputada nacionalista, quen advertiu que estamos falando de, como mínimo, 140 persoas ás que “non se lles deu a oportunidade de ter unha atención rápida” porque, segundo cuantificou, este é o número de servizos que podía ter prestado este helicóptero nestes 32 días.
Emerxencias ao longo deste tempo como, exemplificou, a dunha persoa infartada na Costa da Morte e que faleceu sen poder dispoñer dun helicóptero que estaba inactivo e logo que a ambulancia medicalizada non puidese chegar a tempo. Un dos tráxicos casos que se producen pola falta de helicópteros e sobre os que lamentablemente non hai estatísticas, afondou.
Logo de recordar que o tempo de resposta diante dunha emerxencia “marca a diferenza entre un desenlace positivo ou outro fatal”, a portavoz parlamentaria de Sanidade incidiu na obrigatoriedade de manter operativos os dous helicópteros cos que conta Galiza, un con base en Santiago e outro con base en Ourense, máis tendo en conta o amplo territorio que teñen que cubrir cada un deles e a súa capacidade para chegar con rapidez a zonas nas que, ademais, non hai sequera ambulancia medicalizada, tal é o caso da Costa da Morte, o Baixo Miño, a Mariña Lucense ou Lalín.
Dada a gravidade da situación, Prado instou á Xunta a proceder de inmediato á contratación dun helicóptero sen agardar a que se resolva o novo concurso. “É posible, chámase interese público”, afirmou para defender a legalidade dun contrato de emerxencia por parte do Goberno do PP para realizar esta contratación diante do incumprimento da concesión por parte da empresa.
“Pode por interese xeral manterlle o contrato a Povisa e non pode contratar un helicóptero para salvar vidas?”, cuestionou para rematar a súa intervención preguntando canto vale unha vida para o PP. “Canto vale a vida dos galegos e das galegas para o Partido Popular que non toma unha decisión diante dunha situación que leva 32 días poñendo en risco a vida dos galegos e das galegas? Esa é a pregunta”, concluíu.
