
Novamente, coma todos os anos, chegan as datas de doerse e de doernos, que deberan ser de reconfortarnos. Mais non, chegan as Letras Galegas. E por riba, veña festa! Veña espectáculo e consideracións entre os silencios pechados e reflexivos que denotan que está todo por facer. Si, porque aqueles que falaban da “imposición” do Galego mentiron e seguen a mentir. Non só é o que dixeron, senón como o dixeron e desde onde o dixeron. Están na foto, buscaban o conflito, baleirarnos de nós. Este ano, con máis lamentos se cadra, con máis parafernaliñas, con menos arroubos para encarar o problema e resolvelo. Nunca quixeron resolvelo como é debido.
O tempo pasa e ninguén volve pola dignidade dunha Cultura, ese selo inconfundible da orixe que nos determina, que nos sitúa no mapa. Ese mesmo selo que nos dá orgullo de ser a cantos e cantas podemos e queremos sentilo. É penoso, creo que inhumano, o espectáculo exhibicionista de dor e martirio dos que non fixeron nada nesta prostración de inxustiza. Agáchanse na ramalleira para que non os vexamos, mais están na memoria de todos termando aquela franxa que pedía bilingüismo discriminatorio, na igualdade que nos desfavorecía. Esa arrogancia que se pon na boca dos que ofenden durante todo o ano e, ese día, confundidos/as no protagonismo da festa, do espectáculo, das luces, dos flashes, dos micros, fan alarde de anacronismos -alleos á dor e sangría- á conta dos que vemos como se vai perdendo, e sobre todo nas aldeas, o seu hábitat final, malia o que digan os sabidos “de turno”, entre os que conto a moitas institucións e cargos “galegos” de competencia desleal.
O espectáculo segue. Veremos figuras homenaxeadas, ás que xa no seu día non fixeron caso e, agora, locen acalando maioritarias voces, este ano, no medio de mil ferreñas. Outros anos foi no medio de miles de gaitas. Son os fastos festivos, os orzamentos puntuais sen esperanza de
porvir.
Xuntaron panexíricos con panfletos, papahostias e perplexidades, pestilencias e así, xusto así, o noso futuro é unha sentenza a pesar das encomiables e puntuais loitas de quen, en verdade, amamos a nosa procedencia e queremos ser fieis a ela, lonxe aínda de puntuais ideoloxías que tamén vadean o temporal. Si, falo de exercer ese Todo cultural, agasallo feliz, tamén para a nosa descendencia, para quen teña a ben escoitar e crer, para quen soñe un mundo moito máis feliz e xusto, máis humano e repartido, máis de todos.
O espectáculo está en marcha, faladoiros, mesas redondas, festa, bailes e danzas, luces, reunións, mostras, exposicións, vídeos, morbo e banalidades, mentres a Lingua queda arquivada na litúrxica
minorizada, no recuncho defensivo, privada da liberdade, do seu ser e sentido no medio de tanta invasión multilingüística, privados da vontade de querernos, de sermos quen somos e na protección que ampara baixo o mesmo teito.
Imos a menos. Esgrímense razóns de globalidade, decretos da infamia, altris en penalización na Natureza, minas a ceo aberto, contaminacións e plantacións masivas de árbores impropias, tamén de
linguas impropias, eólicos mal postos e mal deseñados que empobrecen a paisaxe e os horarios docentes, lodos contaminados en intelixencias artificiais e outras prebendas, etc. As causas, que non veñen a conto, son producir moito e que a produción vaia para fóra, xunto cos beneficios. A empresas contables “amigas” poñen o cazo e ademais sosteñen as portas xiratorias. Mentres, as crianzas entran na escola en galego e saen noutro idioma que non nos é propio.
Hai que ser modernos e non mirar atrás, dinnos. Con toda a cara. Hai que desistir desa cultura ancestral, desa sabedoría vital que vivistes. Vén aí a intelixencia artificial que só sabe idiomas importantes. Así crean incertezas, mentiras, falsas deducións, menten descaradamente. Poñen aos expertos funerarios e inventan porcentaxes, enquisas da blasfemia. De novo a discriminación. O verdugo faise vítima, ou ao revés. Que máis ten, o caso é que non se lles vexa o rabo. Chegados aquí, todos poñerán traxe de garda e brillos de festa. Xusto onde nada se fixo e onde todo seguirá neste devalo de falantes. Estamos pechados nunha gaiola que nos somete e cega. A todas luces é inxusto, mais teñen o poder e fan con el as maiores barbaridades, aquelas de discriminar negando, todo iso cos medios de masas e programas de adormecemento nos que mesmo dan premios a xente que seguro é merecente, mais non son eles os debidos para dalos, cando son quen combaten a nosa recuperación en dignidade da Lingua e da Cultura. Non, non deberían ser. Todos sabemos que non serán eles os que nos rediman deste transo nefasto. Non é que queiran que non falemos galego, pensan que é mellor que non falemos, que non digamos o que pensamos, que non estorbemos. Porque non é tan só un problema orzamentario, como din tantas veces, é un problema de sumar vontades para que sexa certo o seu emprego expansivo, para que sexa estimado e considerado, por riba de calquera outra expresión artística de beleza. Por diante está a Lingua, a Nosa Lingua. E despois xa virán ideoloxías e pensamentos, exposicións e consideracións. Será a aquela xente que verdadeiramente as mereza e que verdadeiramente teña a honra de levalas no orgullo e exercicio constante da Lingua que nos pertence. E deberían ser entregadas por quen demostre solvencia e exercicio, quen saiba e sexa competente no amor do Noso.
