Victoria Alonso, voceira do PSOE de Mos
Pode parecer unha tolería se dicimos que hai diferentes tipos de medio ambiente pero atendendo as diferentes e variantes posturas do Partido Popular, hai que concluír que habelos hailos. Aínda que tamén teríamos que dicir que a palabra mentira está no medio de todo o que ten que ver con Altri e o PP.
Na nosa provincia temos unha fábrica de celulosa dende hai máis de 50 anos. Dende os tempos de Cuiña levamos escoitando a cantilena de que ENCE non se podía trasladar da ría de Pontevedra porque non había ningunha outra situación posible para unha celulosa en toda Galicia. Ningún lugar que soportara este estigma medioambiental, onde captar toda a auga que se necesita e vertela. A Xunta de Galicia encargou a unha consultora finlandesa un estudo para ratificar esta versión. E agora hai outra Declaración de Impacto Ambiental que di que si, que se pode facer en Palas de Rei e, ademais, noutras 6 localidades. Así que pasamos de que non hai ningún lugar en Galicia a que hai 7. Esta declaración de impacto ambiental di que non pasa nada por verter 46 millóns de litros de augas industriais no Río Ulla, nin por construír unha celulosa ao lado do Camiño de Santiago, nin por instalar unhas chemineas de 75 metros nunha zona de alto valor natural e agrogandeiro e nin por incrementar a demanda de eucalipto en 1,2 millóns de toneladas ao ano.
Outra das mentiras que rodean a todo este despropósito de Altri é o dos postos de traballo. Fai 5 anos de que Feijoo empezou a falar do proxecto GAMA, e falaba de 2.500 postos de traballo. Cando o proxecto finalmente se presentou, ademais de non ser unha fábrica de fibra téxtil , senón unha celulosa, o número de postos de traballo pasou de 2.500 a 500. No último pleno municipal, a concelleira e tamén parlamentaria, falaba de 4.000 e a alcaldesa dicía que esta cantidade incluso se podería duplicar. Permítannos que sexamos escépticos porque todos sabemos que en ENCE, por poñer un exemplo, tamén falan de milleiros de postos e logo teñen en nómina a menos de 250 persoas.
Así que temos un proxecto industrial para crear 250 postos de traballo que aspiraba a captar 250 millóns de euros públicos. Ou sexa, un millón de euros de subvención por cada posto de traballo!!! Non lles parece obsceno!!! Dende o Goberno Central xa trasladaron que non van apoiar con fondos públicos este proxecto… Pero se tan bo é, por que non o financia a Xunta de Galicia? ¿Será porque resulta inexplicable que unha empresa portuguesa, é dicir, procedente dun país cuns custos salariais moito máis baixos e onde practicamente se regala o solo industrial veña asentarse a Galicia para ocupar 366 hectáreas, moito máis que a planta de Ence en Pontevedra? ¿Como é posible que unha empresa contaminante descarte Portugal e aposte por Galicia? E a gran pregunta: ¿como é posible que a Xunta apoie isto? Igual ten algo que ver coa prórroga da concesión de Ence ata 2073 polo Goberno de Rajoy.
Trala recente preocupación do grupo municipal do PP de Mos polas traídas de augas e monte, dicimos trala porque cando falábamos do proxecto do Celta non había tanto interese polas augas nin o monte. Pero dende que se fala do proxecto do túnel, proxecto que a alcaldesa defendía e opúxose cando o presentou o goberno central, o monte, a auga e o dereito a reivindicación da veciñanza tomaron moita presenza. Entendíamos que terían que estar en contra desde proxecto, pois non. O PP de Mos defendeu a macrocelulosa Altri como unha gran oportunidade, chegando incluso a vendelo case como unha empresa sostible. Algúns ou descoñecen o que implica a defensa do medio ambiente ou carecen de vergoña, está claro que teñen estes principios pero si non pegan ben con este tema… espera, que tamén teñen estes outros.
