Cousas de Salvaterra. Sempre nos fica Portugal

Estación de Lubián
Xaque
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Corría o ano 1983, era inverno, sempre era inverno agás os meses de xullo e agosto, naquel val sempre había dous meses de bo tempo e o resto invernía. Dentro desa invernía había máis ou menos crueza, as veces a dureza do tempo era moi notable, lembro especialmente ese inverno que mesmo parece surrealista.

Fun traballar ó camiño de ferro o 03 de maio de 1982 como especialista de estacións, o que antigamente chamaban garda-agullas. A praza que me tocara era na estación de Lubián, Zamora, entre os portos do Padornelo e da Canda. O primeiro que me atopei nesa altura do ano foi uns cadornos de xeo, resto das últimas neves, pendurados das xestas, dos codesos e das ribanceiras.

Outra cousa que moito me chamou a atención foi que as xentes daquel lugar falaban galego, un galego peculiar da zona. Ignoraba eu entón a existencia das comarcas estremeiras coa Galiza onde se fala galego, Seabra ou Sanabria, en Zamora, O Bierzo e A Cabreira, en Ponferrada, León.

A primeira noite, un novo compañeiro asturiano máis eu, tivemos que pasala nunha casa particular da aldea próxima, Hedroso, xa que non había aloxamento preto. Curiosa foi a reacción do asturiano cando o principio da noite alarmouse por uns ruídos, tranquiliceino reparando que baixo a noso cuarto estaba a corte do gando, o ruído viña dos animais.

Dende o punto de vista laboral nunca poderei esquecer aqueles duros días de inverno nos que se foi o subministro eléctrico durante unha semana. Non foi unha caída xeral da tensión que afectara aquela zona, á comarca ou á provincia, non, tan só fora na estación de Lubián. Quen tiña que repola estaba en Ourense e tívonos sete días abandonados.

A falta de enerxía afectaba exclusivamente a estación, xa que logo, afectaba ó desenrolo do traballo e tamén a nosa vida privada xa que viviamos, na casa da estación o xefe, os demais empregados en casas máis retiradas, case todas en mal estado de conservación.

Lembro o xefe, sentado diante da súa mesa de traballo, tapado ata as orellas polo frío á luz dun candil de petróleo, bufándolle o libro do bloqueo telefónico1, para poder escribir nel. A caldeira da calefacción non funcionaba correctamente, os fortes ventos revocaban o fume e saía o po da cinza que inundaba todo. Polas portas e xanelas entraba auga e vento, polas fendas. Iso si, dispuñamos de carbón gratuíto todo o ano, este en principio era fornecido para uso da estación, pero con tolerancia, tamén podiamos dispor del nas casas dos empregados. Así era que a cociña de ferro estaba acesa día e noite, esta dispuña dun caldeiriño que nos fornecía auga quente sanitaria.

Os cruces de trens requirían mover as agullas das distintas vías, podíanse facer dende un cadro de control local, si funcionaba, senón había que desprazarse ata o lugar por riba da neve e facer o movemento con unha manivela. E así día e noite a quendas durante todos eses días.

As horas mortas do servizo entre trens, que as había, dabámoslle os naipes. Xuntábase connosco o empregado de correos que viña tódolos días, a mañá e a tarde, atender o seu servizo pendente do tren correo de Medina do Campo a Ourense e V/V, a media mañá e a tarde. Tiñamos poucos viaxeiros.

Os demais trens eran o da primeira hora que circulaba entre Pobra de Seabra e Ourense, voltaba a noitiña. Pola tarde pasaba o Talgo a Madríd, e V/V, pola noite circulaban os expresos Vigo-Madrid e V/V, Coruña – Madrid e V/V. Na época de Nadal circulaba o tren especial Río Miño, Vigo-Madrid e V/V.

No plano privado, a vida era difícil no sentido de que para fornecerse de calquera cousa había que desprazarse dous quilómetros ata Lubián, para cousas menores, pero se queriamos carnes ou outras cousas, había que desprazarse uns 25 km ou ben A Gudiña, ou ben a Pobra de Seabra. Dispuña dun carro que nos facilitaba a vida, o resto dependía de min en grande medida, tomaba nota dos pedidos dos compañeiros e facía as encomendas. Aproveitaba cando levaba o neno, que tiña uns cinco anos, a escola. Na escola tivo por primeiro mestre a Xosé Manuel Pazos Varela, quen cos anos acabou sendo alcalde de Cangas do Morrazo, o que por certo, era gran amigo do Director deste xornal, morreu pronto contaba 63 anos de idade. Lembro tamén cando polas tardes, este Xosé dirixía un pequeno grupo de teatro que nos facía felices, todo en galego.

O peor era cando remataba a quenda de día, sobre as seis e media da tarde. Facíase pronto de noite, reuniámonos na miña casa, o xefe Avelino, a miña muller Isabel, o neno Diego, mais eu, e non tiñamos outra maneira de pasar as horas que xogando, a luz dunha candea, a o xogo do parchís e da oca, pois había que entreter tamén o pequeno ata a hora de cear, o que tamén faciamos xuntos. Non tiñamos televisión, nin radio, nin farrapos de gaita, pero eramos xóvenes e todo o aturamos.

Conto todas estas lembranzas agarimosas, (moitas máis fican no tinteiro), porque o pasado luns día 28 de abril ficamos sen luz na casa. O ver que non se repuña, pregunteille a unha veciña, quen me dixo que estaban escoitando pola radio que o apagón era xeralizado en toda a Península e ata parte da Franza. Voltei a casa preocupado e acendín un pequeno transistor que por acaso aínda tiña pillas, así corroborei a información. O pouco chegou o meu fillo Xabier, coa muller Maite e co bebé Iago, de seis meses, xa que moraban en Ourense e na súa casa tódolos aparellos eran exclusivamente elétricos, non podían sequera bañar o pequerrecho.

De momento partexámonos o fornecemento de produtos básicos para subsistir varios días, xa que as noticias que chegaban a través do transistor non eran tranquilizadoras e a cousa podía durar pouco, ou durar varios días.

Desprazados os comercios de Salvaterra, estaban pechados, de seguido cruzamos o Miño e acabáronse os problemas de fornecemento, os chinos fartáronse de vender candeas e cobrando con tarxeta, o Continente a pleno rendemento, podendo adquirir o que nos interesaba, e pago con tarxeta tamén.

E nunca mellor dito, sempre nos fica Portugal, ¡OBRIGADO PORTUGAL!


1.- Antigo sistema de seguridade na circulación dos trens, utilizado cando o moderno Control de Tráfico Centralizado, C.T.C., non funciona.


Na estación de Lubián, 1983.
A cerca de admin 95 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.