Co nomeamento de Antonio Filosa como novo CEO do grupo Stellantis, en substitución de Carlos Tavares, dende a CUT consideramos necesario facer unha valoración desta nova etapa que se abre no grupo automobilístico, especialmente co foco na planta de Vigo, como unha das máis produtivas do grupo.
Para a nosa organización sindical, este relevo na dirección non supón un cambio real nin profundo nas políticas do grupo nin nos intereses que as sustentan. O obxectivo continúa a ser aumentar a marxe de beneficios a calquera prezo, recortando non só en custos de produción, senón tamén no benestar social e económico das persoas traballadoras, verdadeiras responsables do éxito industrial da empresa do que xá formaba parte Antonio Filosa.
O modelo actual baséase nunha competencia interna entre plantas, que consideramos un verdadeiro “canibalismo laboral·”. As fábricas vense obrigadas a competir entre elas para captar novos modelos produtivos, nun contexto onde se vincula a continuidade do emprego a dinámicas que xeran incerteza, presión e precariedade, convertendo o posto de traballo nunha moeda de cambio.
Esta lóxica acompáñase dun discurso recorrente sobre a necesidade de axudas públicas e de maior flexibilidade laboral, como se os dereitos laborais fosen un lastre para a competitividade, e non un piar esencial dunha sociedade xusta.
No caso da planta de Vigo, a situación é particularmente preocupante. O índice de absentismo medio do 7%, o que representa unha media de 400 persoas de baixa diarias, a gran maioría por enfermidade común. Paralelamente, os recoñecementos de enfermidades profesionais son practicamente nulos, a pesar de tratarse dunha fábrica con alta carga de traballo repetitivo, posturas forzadas e tensións físicas e mentais constantes, sendo a mais produtiva do grupo.
Esta situación debería obrigar á dirección a recoñecer a realidade e actuar sobre as causas reais do absentismo, e non seguir empregándoo como escusa para presionar aínda máis as persoas traballadoras. Mentres se deixan sen diagnosticar moitas patoloxías derivadas do traballo, obsérvase un aumento da presión das mutuas para forzar altas médicas anticipadas, incluso sen valoración completa do INSS. Esta estratexia, lonxe de mellorar nada, cronifica os problemas de saúde e incrementa o absentismo.
A isto súmanse decisións da empresa que, para a CUT, penalizan a quen sofre unha enfermidade ou unha limitación física ou psíquica. Dende a eliminación progresiva do complementos por incapacidade temporal (que antes cubrían ata o 100%), ata as políticas de exclusión de persoas de baixa do reparto de beneficios, como xa denunciamos nos tribunais e onde obtivemos sentenzas favorables. Todo apunta a unha estratexia baseada na presión económica e sanitaria, no canto de afrontar a raíz do problema: cargas de traballo asumibles e recoñecemento das enfermidades derivadas do traballo, e investimento real na ergonomía non na produtividade.
O recente accidente laboral ocorrido na planta de Vigo a semana pasada, onde por sorte non houbo consecuencias maiores, é outro aviso claro de que este modelo ten límites e consecuencias. E de que non se pode seguir priorizando a produción sobre a
seguridade e saúde laboral.
Cada ano, moitas persoas traballadoras, tanto fixas como eventuais, abandonan o centro por ERE ou saídas traumáticas ou voluntarias, sen unha planificación ordenada nin políticas públicas que garantan unha transición xusta. As administracións non poden seguir sendo cómplices pasivas, validando os procesos sen poñer límites ás dinámicas de precarización.
Resulta tamén inxustificable que, mentres se aproban coeficientes redutores para a xubilación anticipada noutros sectores, non se contemple de momento no sector da automoción, a pesar dos altos índices de absentismo, das lesións musculo-esqueléticas e dos riscos psicosociais constantes. É necesario que se recoñeza o dereito a unha xubilación anticipada digna, que permita ás persoas traballadoras retirarse con saúde e con dereitos, despois de décadas de esforzo nun sector de alta esixencia física e psiquica. A CUT vai a traballar conxuntamente con outras organizacións sindicais do estado no sector para acadar coeficientes redutores para a xubilación anticipada.
Pero como se vai no sector a recoñecer coeficiente reductores, cando a realidade é que moitas enfermidades profesionais acaban sendo asumidas pola Seguridade Social como enfermidades comúns!, mentres as empresas seguen beneficiándose dos bonus-malus por baixa sinistralidade aparente, sen que iso implique avances reais en prevención ou ergonomía.
Se o novo CEO de Stellantis pretende, como se anuncia, ser un “home de equipo”, debería comezar por recoñecer e dignificar a base dese equipo: as persoas traballadoras. Iso non se consegue con palabras ou campañas internas, senón con estabilidade, saúde, dereitos e condicións laborais dignas. Porque non hai innovación verdadeira nin progreso industrial sen recoñecemento real do traballo humano
