“…Un rearme moral…” “ ..A política son valores…” “ …Trátase de substituír a degradación máis absoluta polo rearme moral do noso país…” “… Trátase de substituír a falta de ética polos valores…”…
Alberto( examigo dun narcotraficante) Núñez Feijoo.
A condición humana é universal, no sentido de que unha serie de acontecementos determinados pola bioloxía son comúns a todos os seres humanos. Logo: O lugar de nacemento, a cultura, a educación recibida, a situación económica, as experiencias vividas, e a herdanza xenética propia de cada individuo contribuirán á nosa construción particular como persoas. Todos os seres humanos sen excepción temos contradicións e miserias. Non hai ninguén que algunha vez na vida non tiveramos algún comportamento moral censurable, ou actitudes socialmente reprobables.
Se só nos referimos ao conxunto de persoas que encaixan dentro duns parámetros de normalidade, entendendo como tales a aqueles que non perseguen de maneira consciente facer dano a terceiros,os comportamentos éticos estarían nas persoas que son capaces de percibir en si mesmas as súas propias eivas e contradicións, e non poñen a caldo a outras persoas cando cometen erros que eles mesmos puideron ter cometido tamén. Porén, censurar a terceiros por ter comportamentos inadecuados, cando nós os temos igualmente, estaría nas antípodas da ética.
A política é outra cousa. A política é a forma na que nos organizamos socialmente para manexar o conxunto de asuntos públicos que atinxen a unha comunidade. Por iso, manifestar desinterese pola política é absolutamente asombroso, ou directamente estúpido, pero esa é outra cuestión diferente sobre a que xa escribirei noutro momento.
A política e a moral son xa que logo campos diferentes que, na medida do posible, non debemos confundir nin mesturar, pois facelo é o camiño máis curto para chegar ao fanatismo, e polo tanto facer moi difícil a convivencia pacífica con quen pensa diferente. Todos os fanáticos teñen o mesmo problema, confunden a política coa moral, e fan valoracións morais do que só son posicións políticas. Cando máis lonxe estea do pensamento político do fanático o suxeito valorado, máis inmoral será aos seus ollos.
Á hora de valorar de maneira correcta que opción política nos parece máis adecuada para o ben colectivo, o adecuado é considerar e comparar os diferentes modelos sociais que ofrecen: que intereses defenden uns e que intereses defenden outros, que propoñen para a sanidade, educación, servizos sociais, cultura, a dignidade vital de todos os seres humanos sen excepción, a igualdade entre os dous sexos que formamos a humanidade, o coidado dos maiores, a conservación da natureza……
Que ten que ofrecer a dereita para todo isto?
Nada, absolutamente nada. A dereita que representa o PP e os seus socios de Vox é un proxecto político que se artella en base a 3 eixos:
1) O liberalismo económico. Esta proposta económica consiste en regular menos para que haxa máis liberdade para competir( só para competir), o que indiscutiblemente provoca que os que partan dunha situación de avantaxe gañen, e os que non, perdan. O liberalismo económico é a causa directa das desigualdades e da pobreza no mundo.
2) Moral tradicional conservadora. Só aquelo que caiba dentro dos seus propios parámetros morais é asumible para eles. O que quede fóra non pode ser. O histórico da dereita española é: Non ao divorcio, non ao aborto, non ao matrimonio homosexual, non á lei trans, non á eutanasia….A dereita directamente agride os dereitos de outros.
3) Nacionalismo español. España é un estado plurinacional. Ninguén que non estea fanatizado a priori, e que teña un mínimo de honestidade intelectual discute iso. O nacionalismo español que practica o PP impide que millóns de persoas nos sintamos cómodas na actual arquitectura do estado.
O corpus teórico que está detrás da praxe política do partido popular é ese, só ese e nada máis que ese. Non lles sería posible gañar nunca unhas eleccións porque eses postulados non poden chegar en ningún caso ás maiorías sociais. En nada benefician ás clases traballadoras, aos segmentos máis vulnerables da sociedade, á igualdade de dereitos entre homes e mulleres, á conservación da natureza…e nada absolutamente en nada
Entón porque gañan tantas veces?..pois porque( alén do nepotismo e outros factores que non son obxecto deste artigo) mesturan de maneira consciente a moral coa política tratando de converter en inmorais aos seus adversarios políticos. De aí por exemplo que un ser absolutamente amoral como Feijoo, que carece dos máis mínimos escrúpulos que a calquera que os tivese lles impediría ter amizade cun narcotraficante, que diga que sería “letal” que Jacome goberne Ourense para logo darlle esa alcaldía a cambio de conservar a Deputación para o PP, que a Xunta sexa tan cariñosa coa empresa da súa irmá para darlle ducias de contratos a dedo……. ,faga campaña moral no canto de campaña política e diga as cousas que abren este artigo.
Feijoo sabe que todo iso é falso, pero hai millóns de persoas que non o saben. E o PP dirixe as súas mensaxes ás pulsións máis profundas desas persoas para que cheguen a crer que Pedro Sánchez é Perro Sánchez( isto é unha metonimia).Desta maneira se explica que grandes segmentos sociais voten a quen obxectivamente prexudica os seus intereses e castiguen a quen llos beneficia.
Esa forma de facer política, atacar sen piedade á moral dos teus adversarios, “Mafia ou democracia” é o slogan da manifestación que convoca o PP, vaime levar a contradicirme a min mesmo para rematar este artigo que pretende ser de análise política espetando un aforismo moral: O modus operandi co que o PP pretende chegar ao goberno é un exemplo claro de miseria moral.
