Ricardo Castro SX da CUT

ricardo Castro CUT

Como é tradición nesta casa, máis ou menos pola metade de ano, achegámonos polo local da CUT na rúa Urzáiz de Vigo para conversar con Ricardo Castro, o seu Secretario Xeral, sobre a situación da central sindical e coñecer a súa valoración de como ven desde a CUT o estado das cousas no país galego. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Na acción sindical de conflito e loita os traballadores e traballadoras sempre van encontrar á CUT”

En que momento orgánico estades na actualidade?

Tivemos o último congreso no ano 22, alí aprobamos unha ampliación a cinco anos dos períodos congresuais. Será no ao 27 cando teñamos o próximo.

Ti levas 3 mandatos como SX. Non foron consecutivos pois entre o primeiro e o segundo houbo un mandato no que o máximo responsable do sindicato foi Manolo Caamaño. Tes previsto que vai acontecer no 27?

Aínda é moi pronto, pero eu son dos que penso que a renovación de cargos é positiva e necesaria para a saúde da central sindical.

A mocidade actual vive nun contexto histórico moi diferente ao que vivimos nós cando eramos mozos, e resúltalles máis complicado achegarse ao compromiso sindical e político. Hai na CUT xente moza coas condicións políticas e o compromiso sindical necesario para tomar o relevo, cando sexa o momento, da xeración que actualmente dirixides o sindicato?

Estou de acordo contigo en que os contextos históricos son diferentes e xa que logo os resultados son distintos. O cambio xeracional, ao existir menos compromiso político e sindical, é complexo. E ese é un problema que afecta absolutamente a todas as organizacións sindicais e políticas de esquerda, tanto ás grandes como ás pequenas.

A mocidade non é a responsable disto. Eles son vítimas, e vanse encontrar cun mundo en peores condicións que as que había cando nós eramos mozos. Se cadra os responsables somos nós, por non ter sabido transmitirlles a necesidade de que son a militancia sindical e a loita política os ´camiños adecuados para confrontar os abusos do capital.

En calquera caso eu son optimista. Os ciclos históricos mudan e teño claro que non podemos utilizar esta situación como unha escusa para dificultar o acceso ás novas xeracións. Na CUT temos xente moza moi válida e o relevo xeracional está garantido.

Como está a saúde da CUT no momento presente?

Eu que son marxista vou aplicar a autocrítica para dicir que hai unha parte boa e unha parte non tan boa. Explícome:Non paramos de medrar en afiliación e en delegados, especialmente en afiliación, pero cada vez resulta máis difícil acadar que o corpo militante adquira un certo grao de compromiso ideolóxico.

O fenómeno, común a todas as organizacións sindicais, do traballador que ven aquí a resolver un problema laboral puntual, só a iso e nada máis que a iso, dáse tamén na CUT.

Cando nós eramos mozos primeiro era a militancia, e logo se ao longo do camiño militante había algún problema pois tratábase ese tema en concreto. Agora é diferente, a xente adoita vir cando ten o problema. Pero ben, hai que convivir con esa realidade e tratar de facer pedagoxía militante para convencer a quen veña.

Pasa o mesmo coa lingua, creo eu

Exactamente o mesmo. Hai moita xente que entra pola nosa porta falando castelán. Somos nós, as persoas comprometidas, quen debemos de tratar de convencer da necesidade da militancia e da importancia de conservar vivo o noso idioma.

En que sectores tedes unha penetración máis importante?

Mantemos xa desde hai tempo unha presenza digna no automóbil. Temos bastante presenza en alimentación, e comezamos a entrar con forza en hostalaría, especialmente nas comarcas do norte.

Outro sector no que cada vez somos máis visibles é o das camareiras dos hoteis, un mundo terriblemente precarizado e cunhas elevadas cargas de presión.

Tamén estamos entrando no sector público, e seguimos mantendo a maioría na TVG

Como está a situación na TVG?

Segue a ser a de sempre: Unha ferramenta que está ao servizo do PP. Acaban de quitar unha lei que é peor, e que incluso abre a entrada do castelán na TVG. A manipulación informativa é brutal, e quen quere erguer a voz é directamente decapitado. Algúns afiliados nosos foron represaliados e xa lles temos gañado xuízos á TVG ao respecto diso. A TVG ten un histórico de sancións por discriminación e por represión sindical, pero por desgraza semella que lles dá igual.

As traballadoras e traballadores da TVG que protestan e tratan de mudar a manipulación e a represión que existe na empresa, teñen un nivel de valentía e de compromiso cun xornalismo ao servizo da xente, non ao servizo dos intereses do PP, realmente admirable.

O cambio de CEO de Citroën vai supor algún cambio de política na empresa?

E só un cambio de cara, pero non creo que supoña ningún tipo de mudanza

na política empresarial. Aínda hai pouco saíron unhas declaracións del falando da necesidade da redución de custes.

Sobre o asunto da paga de beneficios que nos dis?

Pois que a empresa non lla quería dar ás persoas que están de baixa e grazas ao traballo sindical da CUT, que tivo que pelexar contra a empresa, contra os amarelos e contra CCOO e UGT, conseguimos, vía sentenza xudicial que lla deran a todo o mundo.

A situación da sección sindical da CUT na empresa como é?

É boa pero temos claro que a nosa desaparición é o obxectivo da empresa. Nas próximas eleccións sindicais estou seguro de que vai haber unha importante ofensiva da dirección da empresa para tratar de minimizar á nosa central sindical o máximo que sexan capaces. Teremos que deseñar moi ben a campaña porque se nesa empresa sempre se controlou ao máximo o voto da xente, intúo que nas seguintes eleccións vai ser aínda peor.

En liñas xerais o sector do automóbil na nosa comarca mantense estable, ou percibes unha tendencia descendente?

Aínda que hai illas de estabilidade e nas que se manteñen condicións dignas, a tendencia xeral é descendente.

Como valora a CUT os movementos do PP para impedir que o galego sexa recoñecido como un idioma oficial na UE?

É un exemplo evidente da nosa condición de país colonizado. Eses movementos tiveron como obxectivo prexudicar ao goberno do estado. É o canto peor mellor, amosa claramente que só lles importa chegar o poder e que todo o demais, incluso os idiomas, impórtalles nada. Só son son instrumentos que utilizan, como mellor lles conveña, para poder tocar poder. E isto é así porque consideran que eles e só eles son os que teñen a lexitimidade de chegar ao poder.

Cal é a opinión da CUT acerca de ALTRI?

Se ese proxecto sae adíante é abrir a ventá a que Galicia desapareza como país. Estamos, como non podía ser doutra maneira, radicalmente en contra.

Estivestes en Andalucía no congreso do SAT, verdade?

Si, temos moi boa relación co Sindicato Andaluz de Traballadores. Teñen unha forma de traballar algo distinta á nosa, se cadra un tanto ácrata, pero o seu compromiso sindical é incuestionable.

Como valorades a situación industrial de Galicia?

O horizonte é malo. E progresivamente vanse dando pasos cara á precariedade dos postos de traballo, ao aumento da produtividade,a pagar menos, a estar ao dispor da empresa de maneira permanente…..Aínda que estase dando unha tendencia na xente máis nova, que a min me parece positiva, consistente en que non están dispostos a aguantar calquera cousa polo posto de traballo. Se as condicións son malas ou moi malas, marchan na procura doutro traballo onde sexan mellores.

Estamos vivindo un fenómeno inédito na historia recente: A existencia de traballadores pobres. Hoxe ter un traballo xa non asegura poder vivir con dignidade .Esa situación está deseñada?

Non sei se está deseñada polo sistema ou non, pero que é unha consecuencia do sistema é máis que evidente.

E a desindustrialización de Galicia está deseñada?

Penso que si. Queren converternos nun país de servizos e levar a produción industrial a outros lugares.

Acabamos Ricardo: Como día Negrín “ Resistir é vencer”?

Non exactamente. Resistir non é vencer, resistir é asumir as condicións que hai, que claramente son moi mellorables. É necesario resistir, si, pero para poder mudar a realidade e podermos vencer. Na acción sindical de conflito e loita sempre van encontrar á CUT.