Maldita xenofilia

Ana Hermida

Só se coida o que se quere, e nesta terra Galega perdeuse o amor polo noso idioma. A lingua que nos identifica, que nos constrúe como pobo dándonos unha identidade característica que nos debera encher de orgullo, é desprezada por organismos que deberan protexela, coidala e mimala, pero tamén pola cidadanía, que é o máis grave do asunto.

Na actualidade a xente nova non usa o galego como lingua vehicular nin, sobre todo, de afectos, hoxe neste mundo globalizado o que impera é o alleo, ir como ovellas mansas facendo o que marcan as modas, xa sexan impostas por grandes empresas ou polo goberno de turno. É triste, pero hoxe Xanciño xa non é o neto da señora Lola, agora é “Jonathan”, e a amiga de Maruxa é “Bro”, tampouco namora Carme a Uxío dicíndolle meu churrusqueiriño, hoxe o amor semella entre parentes “oye tío, dáme un beso”.

Se non soñamos e amamos no noso idioma, está todo perdido. E algo se fixo mal, o noso complexo de odio polo propio vén de séculos atrás e seguimos nas mesmas, sempre é mellor todo o que vén de fóra. A adolescencia é un calco do que fai a poboación adulta e os organismos, valoran máis un traballo que fai unha persoa estranxeira que o fai outra galega mil veces mellor, e todo por ese complexo idiota que aínda arrastran moitas mentes acomplexadas.

Culpables da desfeita…proxenitores galegofalantes que desde o berce se comunican coa súas fillas en castelán, profesorado de escolas de infantil, primaria, secundaria e instituto que dan as súas clases en castelán e nos que a directiva organiza actividades en castelán, bibliotecas que, anque obrigadas a facelos en galego, fan contacontos en castelán (agora tamén en inglés) e dan clases de castelán, concellos e deputacións que cando organizan concursos/premios poñen nas bases que o traballo pode ser en galego ou en castelán, entidades que defenden o noso patrimonio material e inmaterial que programan actividades en castelán (doen os ollos cando na Casa Museo de Emilia Pardo Bazán -mesma sede da Rag- a súa directora ten a ben chamar a xentes para cantar, por exemplo “un beso y una flor”…. Exemplos hai moitos, o caso é que aquela neniña que no berce escoitaba á súa avoa cantarlle en galego, logo de vivir en lingua allea toda a súa vida, cando chega á universidade e se atopa co galego, muda a un galego impostado, a maior das veces para semellar rebelde e moderna, pero o mal xa está feito e o día que naza a súa filla, volverá a falarlle dende o berce en… castelán.

Gayoso trae artistas cantando en castelán, en Land Rober a administración autonómica permite que uns galegos se rían do seu patrimonio cultural, as misas son en castelán, as páxinas web das grandes empresas galegas están en castelán, hai un clube de fútbol que se chama Deportivo de La Coruña, unha empresa que é Estrella de Galicia…. todo castelanizado.

O outro día tiven unha xuntanza de antigas compañeiras de clase, de cando eramos pequenas, foi fermoso volverse encontrar e ver que logo de tantos anos falaban galego, un idioma prohibido no cole naquel tempo, pero esas mesmas persoas fálanlles aos seus fillos en castelán. Do tempo de censura onde ao profesorado se lle multaba por dar clases de galego en galego, pasamos a ver que o galego é obrigatorio na escola e non se valora nin se fala.

Neste mundo sen sentido o galego debera ser algo clandestino, aí está a tentación, a desobediencia, a transgresión. Unha loucura? Si, pero precisamos un revulsivo e ata agora nada funcionou.