Privatizar e precarizar, outra forma de roubar

Moncho Lareu, Profesor

Unha familia. Clase traballadora. Nai e pai. Filla maior e fillo menor. Avoa e tía-avoa. Pode ser a túa, pode ser a miña, pode ser a do teu veciño, pode ser calquera. Tanto ten.

O fillo menor cursa 1º de ESO nun IES público. Hai un ano quitáronlles o servizo de comedor. Xa hai tempo que non conta tampouco co bono-libro nin hai servizo de préstamo de libros de texto. Este curso, na súa aula case cae o falso teito por mor das pingueiras dun día de choiva. O patio tampouco está cuberto; a Xunta non o ten como prioridade. El quere ir a un colexio concertado coma o seu colega Kevin. Negocio privado, financiación pública. Aí si que hai patio cuberto; pagouno a Xunta. Pero os seus pais non poden pagar o cole de Kevin.

A nai ten un problema grande. Ten unha doenza xinecolóxica dende hai tempo. Pediu cita no Sergas e danlla para dentro dun ano e dous meses. Solicitou cita urxente e adiantáronlla para dentro de dez meses. Non pode agardar tanto. Non lle queda outra que pedir cita nunha clinica privada. Na sanidade privada vai ter que pagar moito, pero moito, para que despois a deriven a instalacións da sanidade pública que teñen os medios técnicos cos que non conta a privada. Ademais, o xinecólogo da privada só atende polas tardes, porque polas mañás atende a súa praza na pública.

A filla maior vai na universidade. Quería acceder a unha residencia universitaria pública pero xa non quedan prazas. Vai ter que compartir piso con outras cinco rapazas. Cada unha vai pagar 500 euros nun piso con balor nas paredes e couza nas madeiras. Tampouco vai ter acceso á bolsa e terá que pagar unha cantidade desorbitada pola matrícula. A súa compañeira Marta rematou o ciclo e agora quere facer un mestrado, que dende que se considera máster, obriga a moitos estudantes a ter que compaxinar estudos e traballos precarios. Está en Glovo.

A avoa traballou toda a vida limpando casas e chalés, sen contratos, sen cotizar, sen seguro. Nunca tivo opción. Era o que había. Agora, xubilada, cobra unha pensión non contributiva que non lle dá para vivir. Non chega a fin de mes case nunca. Escoitou na televisión, entre anuncios de seguridade privada anti-okupas, que hai unha empresa que lle pode dar unha paga vitalicia a cambio de quedar coa súa casa cando ela faleza. Chámanlle hipoteca inversa. E é legal. Tócate o carallo.

O pai ten problemas graves coa súa dentadura que non cobre a seguridade social. Non sabe de onde aforrar para pagar a consulta do dentista. Aí atrás, nas eleccións municipais, unha candidatura levaba no seu programa implantar un servizo dental público. Dixéronlle os seus colegas no bar que moi ben, pero que como gañaran eses nas eleccións, iamos acabar coma en Cuba ou Venezuela, e madia leva que non votou por eles. Co ben que se vive aquí, no sur de Europa.

A tía-avoa emigrou hai anos a Suíza e non tivo fillos. Hai anos retornou ao País e mercou un piso cos seus aforros. Os aforros de toda a vida. Comeza a ter demencia e non poden atendela na casa. Non hai praza para ela nas residencias públicas e van ter que metela nunha residencia privada. Á súa familia, que quedou ao seu cargo, non lle vai quedar outra que vender ese piso para pagar os 3.000 euros mensuais que exixe a residencia de anciáns privada. Demencial.

Noutra familias poden existir outras derivadas: alguén alcohólico, un menor dependente, violencia machista, algún caso de ludopatía, alguén cunha enfermidade crónica ou con diversidade funcional, algún adicto ás compras… Nada extraordinario, por outra parte, non?

E así todo. Ao capitalismo non lle abonda coa plusvalía que nos furta cando traballamos, cando mal-vendemos a nosa forza de traballo a cambio dun salario. A cambio dun salario que despois imos gastar en cousas que non necesitamos pero que o capitalismo nos vai vender coma moi necesarias. Non. Necesita espremernos aínda máis, quedar cos nosos aforros, co noso lecer, coa nosa saúde, coas nosas poucas posesións gañadas con moita suor. Necesita todo e facer negocio con todo.

Privatizar e precarizar é, polo tanto, unha forma sutil de roubarmos, máis e mellor. Ou acabamos coa besta ou a besta acabará con nós.