O PSOE de Pazos de Borbén denuncia o pago de case 1 millon de euros en facturas irregulares pese os repetitivos informes desfavorables de intervención

PSdeG PSOE

Pazos de Borbén, 4 de agosto de 2025.

O grupo municipal socialista de Pazos de Borbén quere deixar claro que a situación de bloqueo, a falta de transparencia e a parálise do Concello son responsabilidade exclusiva do alcalde Luciano Otero.

“O alcalde mente á veciñanza cando nos culpa a nós dos seus erros. Non goberna en maioría e, en lugar de dialogar, pretende impoñer decisións unilaterais, algo que é imposible nun concello democrático”, sinala o portavoz socialista Anselmo Taboas.

Otero levou ata en tres ocasións ao Pleno o mesmo recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 48.924 euros, sempre rexeitado pola maioría. “O PSOE non decidiu nin un euro dos gastos do Concello: todos foron decisións persoais do alcalde. Agora pretende que paguemos a súa nefasta xestión e as súas vinganzas políticas”, engade Taboas, lembrando que xa levantou reparos por máis de 907.000 euros, case a metade do orzamento municipal, unha cifra que evidencia a magnitude da súa mala xestión e a falta de control e transparencia.

A Conta Xeral: o espello da mala xestión

A Conta Xeral é o documento que recolle todos os ingresos e gastos do Concello nun ano e serve para comprobar se o diñeiro público se utilizou de forma correcta. Antes de chegar ao Pleno, pasa pola Comisión Especial de Contas, onde tamén votamos en contra polos mesmos motivos que logo no Pleno.

O problema é claro: a maioría da facturación chega con reparos e advertencias da Intervención que sinalan irregularidades graves. En vez de corrixilas, o alcalde simplemente levanta eses reparos e paga igualmente, sen garantir a legalidade nin a igualdade de trato ás empresas.

“O máis grave é que xa hai dous anos que o Pleno aprobou revisar de oficio toda esa facturación, pero o alcalde négase a facelo. Iso é un acto antidemocrático e autoritario. Está incumprindo un acordo do Pleno e enganando á veciñanza”, denuncia Anselmo Taboas.

O portavoz socialista lembra tamén a incoherencia do propio alcalde: “En 2019, cando estaba na oposición, votou en contra da Conta Xeral de 2018 porque, segundo el mesmo dixo, o goberno daquela ‘dispoñía alegremente do diñeiro público prescindindo do procedemento administrativo’.

Pois ben, agora que é alcalde fai exactamente o mesmo, ou peor. Iso chámase hipocrisía política”. Orzamentos 2025: máis opacidade No referente aos orzamentos, a opacidade foi total. O borrador foi entregado á oposición o mesmo día que se convocou o Pleno, sen atender ningunha das nosas peticións previas de información. Non se explicaron partidas clave de máis de 50.000 e 100.000 euros, non se aceptou ningunha das nosas emendas xa presentadas en 2024, pero si aparece unha suba do soldo do alcalde de 7.600 euros.

“Esa é a súa prioridade: subir o seu salario mentres se ignoran as necesidades reais da veciñanza. O informe de Intervención é contundente: os orzamentos chegan tarde e incumprindo a lei. O único que pretendía era colar a súa suba de soldo aproveitando as contas municipais”, explica o portavoz socialista.

Nin festivos locais

Como exemplo da incapacidade de diálogo, Pazos quedará este ano sen festivos locais aprobados.

“Nós propuxemos San Amaro e o Luns da Blanca, por tradición e respecto á nosa veciñanza. O alcalde nin sequera contestou. É unha mostra máis da súa incapacidade para dialogar nin sequera nas cuestións máis básicas”, conclúe Anselmo Taboas.

O portavoz socialista subliña que “o PSOE seguirá defendendo os intereses da veciñanza fronte ás mentiras, caprichos e vinganzas do alcalde. A responsabilidade da parálise, da opacidade e da mala xestión é exclusivamente de Luciano Otero, e a veciñanza ten dereito a coñecer a verdade e a recibir unha xestión municipal seria, transparente e responsable. Por todo isto, pedimos publicamente a súa dimisión inmediata como alcalde de Pazos de Borbén”