“Música, orquestras, espectáculos de rúa, deportes, gastronomía… As Festas do Cristo 2025 do Porriño volven de novo coa chegada de setembro. Aínda que as festas darán inicio oficialmente o sábado 27 de setembro as 13.00h., xa hai durante todo o mes de actuacións e deportes para chegar a última fin de semana de setembro a celebrar esta histórica festa organizada pola corporación municipal do Concello quen é o encargado de festexar o patrón desta fermosa vila.”
Segundo sinala o historiador porriñés Leandro Diz, a festa do Cristo celébrase no Porriño desde o ano 1650. Nos últimos cen anos, esta festa foi documentada por diferentes fotógrafos, como Bermejo, José Moreira, Company, Ramiro, Lola Magno, Díaz e Rodríguez. De feito, no 2016, en O Porriño e enmarcado na programación desa edición, fíxose unha exposición fotográfica do percorrido histórico dos últimos cen anos desta festa. Nela púidose lembrar os famosos “carros triunfantes”, que empezaron a saír á rúa na procesión de 1905, representando ao Neno Xesús e con nenas vestidas de anxos. O proxecto expositivo permitiu tamén coñecer que xa nos anos vinte, en previsión do gran número de persoas que se desprazaban ao Porriño para esta festa, a empresa de tranvías aumentaba o número de viaxes. Así mesmo, quedou documentado que os primeiros cabezudos que se viron nesta festa foron doados no ano 1904 polo doutor Ricardo Carrera, que mandou traer catro parellas deles desde Madrid.
A exposición tamén foi unha boa ocasión para recoñecer a algúns veciños retratados polos fotógrafos durante as festas, ver como estaba a vila naqueles anos e lembrar figuras coñecidas e queridas no Porriño, como axentes da policía local, concelleiros, músicos, curas ou mestres que deixaron pegada ao longo dos anos.
A programación deste patrón porriñés foi mudando e avanzando ao longo deste século, igual que foi mudando e avanzado a sociedade. Nos últimos anos as actividades levadas a cabo durante o mes de setembro, na vila, non faltan eventos musicais e concertos dos grupos e artistas do momento, o deporte, a gastronomía, o cine e, como non, os actos relixiosos.
As subcampioas de Europa de balonmán feminino do Club Balonmán Porriño serán as encargadas de dar o pregón o sábado 27, ás 13.00 horas, e marcarán o inicio da fin de semana grande das festas, pero ata entón xa foron moitas as citas culturais que se celebraron incluídas na programación que se prolongarán ata o domingo 5 de outubro, coa cita gastronómica por excelencia do Porriño, a Festa do Callos, que este ano chega a súa trixésimo segunda edición e rematará o día a orquestra el Combo Dominicano. “Un ano máis, O Porriño demostra ser unha vila chea de vida, cultura e participación. Estamos seguros de que as nosas festas, que se prolongan todo este mes de setembro e a primeira fin de semana de outubro, serán un verdadeiro éxito tanto pola diversidade dos actos programados como pola implicación da veciñanza, das asociacións e dos clubs deportivos”, explicou o alcalde na presentación do evento.
Serán en total 26 xornadas de festas con máis de 70 actividades dirixidas a todos os públicos e que abranguen dende actuacións musicais, deporte, expresión escénica e tamén accións de promoción do comercio local como é a xa tradicional feira de Merca na rúa, que foi os días 12 e 13, e a nova iniciativa de Noite aberta, o venres 19, celebrándose tamén ese día a Festa Flamenca e o concerto de Xoana. A primeira gran cita musical foi co Negrita Music Festival e continuará o venres 26 cos concertos de Herdeiros da Crus e Beret, o sábado 27 actuará Sash! e o luns do Cristo Panorama e París de Noia amenizarán a máis grande das sete verbenas que pecharán o domingo 5 con El Combo Dominicano. O certame Tes talento?, a batalla de baile e concertos Summer Son Jam e o espectáculo infantil Cantajuego Coco y Pepe completan a axenda musical na que tampouco faltarán concertos de bandas de música. No ámbito deportivo, coma sempre os clubs deportivos estiveron presentes con exhibicións e presentacións das diferentes modalidades: fútbol, baloncesto, patinaxe e aeromodelismo, destacando a celebración de eventos como La, o Dirt-Track Xacob Agra, a Interrunning, o Torneo de Xadrez e a Milla Porriñesa que será o 4 de outubro. Festa Flamenca, Festa do Peregrino, monólogos, obradoiros infantís, animación de rúa con batucadas e charangas e outras actividades completaron o programa festivo.
Será o sevillano Beret, un dos artistas máis recoñecidos do panorama musical español actual cun estilo que mestura pop urbano, reggae, rap melódico e baladas o que amenizará a noite do venres 26 e SASH!, o DJ e produtor máis icónico da escena dance europea dende os anos 90, e sábado 27 de setembro, no aparcadoiro da rúa Progreso, con entrada de balde.
Beret compartirá escenario con outros artistas como Groove Amigos, Samu Pexe, Dmiron ou Keva no Louro Valley Festival que será no aparcadoiro da rúa Progreso a partir das 22.00h. e despois do concerto da emblemática banda de Rock galego Herdeiros da Cruz. Esta noite tamén actuaran a Orquestra Tango na Praza Arquitecto Antonio Palacios a partir das 21:00h.
Para o sábado 27 no Parque do Cristo estará o Festival Festas do Cristo Bandas de Música a partir das 19:00h., ás 21:00h. na rúa Domingo Bueno estará dando un concerto a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos e será SASH! O que estreará o Dabuten! Remember Festival enmarcado dentro do Loouro Valley Festival, no que actuarán tamén Traffic House, khris Guez, Shameless ou Pitty no Aparcadoiro da rúa Progreso a partir das 22:00h. A orquestra encargada de amenizar a noite na Praza central será Ritmo Joven a partir das 22:30h.
Para o domingo 28 serán as orquestras Galilea na Praza Central a partir das 21:00h, e a Orquestra América na rúa Domingo Bueno as encargadas de facer bailar e cantar á noite do domingo e, para o luns 29, será a orquestra París de Noia a que dará o seu espectáculo musical na rúa Domingo Bueno a partir das 21.00h. e a orquestra Panorama a encargada de facelo a partir das 23:45h. no aparcadoiro da rúa Progreso.
“Desde o pregón ata a tradicional Festa do Callos, broche de ouro da programación, pasando polos concertos, actividades infantís, deportivas e iniciativas de apoio ao comercio local, viviremos momentos inesquecibles que reflicten o espírito participativo e dinámico do noso pobo. Quero agradecer de corazón a todas as persoas que traballan para facer posible esta celebración e, por suposto, á cidadanía por participar con entusiasmo e respecto. O Porriño está máis vivo ca nunca e estas festas son boa mostra diso”, palabras de Alejandro, o rexedor do concello na presentación desta edición das festas grandes de O Porriño. Animamos a veciños e veciñas desta vila, a visitantes e persoas amantes da música a que se pasen polo Porriño algún dos días de festa pois a programación fai que pague a pena a visita e non defraudará as persoas que se animen a bailar e cantar con estes e estas artistas do panorama musical da actualidade.
